Novas

  • Novo incumprimento da Xunta: as familias coidadoras de Lugo levan xa case dúas semanas sen cobrar a prestación

    Novo incumprimento da Xunta: as familias coidadoras de Lugo levan xa case dúas semanas sen cobrar a prestación

    • 13,Xan 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • dependencia
    • saf

    O atraso afecta a familias que dependen desta axuda para cubrir terapias e necesidades urxentes de persoas dependentes.

    O SLG alerta de que este incumprimento agrava a situación denunciada a semana pasada: a Xunta prioriza esta prestación fronte aos servizos públicos e despois non a ingresa en prazo.

    Galiza, 13 de xaneiro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denuncia que a prestación económica a coidadores non profesionais da provincia de Lugo segue sen ingresarse a día de hoxe, cando nas outras provincias xa se abonou, como é habitual, a principios de mes.

    Este atraso é especialmente grave se temos en conta que, tal e como denunciamos a semana pasada, a Xunta está a priorizar a prestación de coidador fronte a servizos como o SAF, obrigando as familias a asumir os coidados no fogar. E agora, nin sequera esta axuda se ingresa en prazo.

    Non é a primeira vez que isto ocorre: no verán foron as persoas dependentes da provincia de Ourense as afectadas polos atrasos e agora son as de Lugo.

    Dende o SLG lembramos que esta prestación é fundamental para moitas familias: en moitos casos destínase a terapias e necesidades urxentes de persoas con fillos e menores dependentes que hai que abonar mensualmente. Ademais, para moitas familias nas que alguén reduciu xornada ou deixou de traballar para coidar dunha persoa dependente, este ingreso é esencial para a súa economía.

    Esiximos á Xunta que garanta o pagamento puntual destas prestacións e que deixe de tratar os coidados como unha responsabilidade exclusiva das familias, especialmente das mulleres.