Heriberto e Modesta

09/01/2025

Novas perdas de dereitos para as persoas dependentes

Unha media de 30 persoas ao mes falecen no noso país agardando por prestacións e axudas á dependencia. Asistente virtual para tramitar as solicitudes de dependencia: a gota que colma o vaso da precarización dos coidados na Galiza

A porcentaxe de grandes dependentes na nosa comunidade é superior á media do Estado: 9 puntos por riba nos graos III e un punto e medio nos II. Porén, de cada cen persoas potencialmente dependentes na Galiza só 18 a solicitan, a cifra máis baixa de todo o territorio español. Esta eiva na atención pública a persoas vulnerábeis está relacionada ca escaseza e precariedade de medios humanos -sendo ademais un traballo marcadamente feminizado-, o favorecemento da privatización de instalacións e recursos, así como as continuas modificacións na normativa da Consellaría de Política Social e Igualdade.

Unha vez aprobados os servizos -proceso que se dilata durante meses- a media de agarda para recibilos é de máis dun ano. Ao tratarse precisamente estas usuarias -e as súas coidadoras- de persoas ás que literalmente se lles vai a vida na consecución destas axudas e servizos para ter un día a día minimamente digno, segundo datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais estes retrasos provocaron que entre xaneiro e outubro de 2024 máis de trescentas galegas e galegos morreran mentras estaban na lista de agarda.

A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, ilustra esta realidade: “No medio rural temos unha alta taxa de poboación maior, polo que é un territorio especialmente afectado por este abandono institucional. Un dos moitos casos que estamos seguindo no SLG é o de Heriberto e Modesta, de 98 e 95 anos respectivamente. A súa solicitude cursouse en decembro do 2023, foron valorados en agosto do 2024. Heriberto faleceu o pasado 8 de outubro. Modesta a día de hoxe non ten ningunha notificación con respecto á súa solicitude. Precisamente logo de anos de denuncias por parte das asociacións e persoas usuarias -ratificadas pola Valedora do Pobo-, nas que alertabamos dos déficits na aplicación da Lei de Dependencia, a finais do 2023 asistimos aos grandes anuncios por parte da Xunta e Política Social dun plan que ía reducir á metade as listas de agarda e o famosos 5.000 euros do Bono Cuidado. Naquel momento moitos colectivos alertamos de que estes anuncios tratábanse de propaganda e denunciamos a crecente privatización dos servizos. Os datos destes últimos meses dannos a razón, confirmando por exemplo a redución da asignación ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) -de carácter público- a favor das axudas e prestacións vinculadas para pagar servizos privados cando che denegan ou estás á espera do público”.

En novembro do ano pasado o SLG, a CIG, CCOO e o Colexio Oficial de Traballo Social solicitamos a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social para tratar estas cuestións, así como as problemáticas que van derivar das modificacións realizadas pola Lei de acompañamento do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025 e as emendas á mesma, con sensibles prexuízos sobre o procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade, incluídas as propias funcións do Consello. A día de hoxe non obtivemos resposta, so observamos como a estratexia discursiva da Consellaría se mantén inalterábel: o mesmo ton autocomplacente e perspectivas irreais de datos acompañan o penúltimo plan aprobado para axilizar as tramitacións, a comezar a implementar nestes días.

Un ano despois de anuncios similares aos actuais, e cun cambio normativo no procedemento que aínda non estaba acabado de desenvolver, asistimos de novo a outro cambio normativo a golpe de ocorrencia e grandes titulares. E outra vez o que temos que destacar é que estas modificacións agudizan a perda de dereitos das persoas dependentes e afondan na privatización e merma da calidade dos servizos”, apostilla Margarida Prieto.

Entre estas modificacións, podemos destacar as seguintes:

- No caso de faltar documentación, arquivo da solicitude aos dez días en lugar de ao tres meses.

- Posibilidade de establecer convenios para que mutuas privadas realicen os informes de saúde.

- Non se concreta a titulación das profesionais encargadas das valoracións.

- Véndese como gran logro a un plan de formación ou prorroga dos contratos dos equipos de reforzo, cando a formación debería ser o habitual, non o excepcional. As equipas de reforzo deberían estar consolidadas, non con prórrogas: segundo datos do Eurostat, dentro de 30 anos as catro provincias galegas estarán entre as 50 eurorexións provinciais con maior taxa de dependencia.

- Citas automatizadas que limitan as posibilidades das persoas que realizan a tramitación, e gasto público nun asistente virtual para a tramitación en lugar de contratar persoal, empeorando a calidade da atención tanto das persoas usuarias e as súas familias como das propias traballadoras/es sociais dos servizos comunitarios.

Unha vez máis dende o Sindicato Labrego Galego esiximos á Consellaría que contraten os medios humanos e materiais precisos para que as persoas dependentes podan ver cumpridos os seus dereitos e ter unha vida digna. “É totalmente intolerábel que unha cuestión tan relevante como é a asistencia a persoas dependentes -que potencialmente somos calquera de nós nun futuro- teña un mal funcionamento cronificado, que leva a que centos das persoas que solicitan este servizo morran antes de acceder ao mesmo”, conclúe Margarida Prieto.