No SLG-CCLL levamos dende o 2020 alegando contra o Real Decreto que establece as normas para a nutrición sostíbel nos solos agrarios, unha das normativas que máis nos afecta ás persoas gandeiras galegas.
Denunciamos que nas novas modificacións que se inclúe no actual Real Decreto 934/2025 nada se referencia ao prato invertido como Mellor Técnica Dispoñíbel (MTD) na aplicación do xurro en Galiza.
Galiza, 28 de outubro de 2025. Hai unha semana, o pasado 21 de outubro, publicouse o Real Decreto 934/2025, que modifica o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, no que se establecen normas para a nutrición sostíbel nos solos agrarios. Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) levamos dende o 2020 alegando contra este Decreto, coñecido como “Decreto dos Xurros”, unha das normativas que máis nos afecta ás persoas gandeiras galegas. E agora volvemos denunciar que a Consellería do Medio Rural (CMR) segue sen cumprir as súas promesas: cómpre loitar por considerar o prato invertido como Mellor Técnica Dispoñíbel (MTD) na aplicación do xurro en Galiza.
Antecedentes:
Logo de varias alegacións por parte da nosa organización, publicouse en decembro de 2022 o Real Decreto 1051/2022, que vén de ser modificado agora. “Este Real Decreto non convenceu á maior parte do sector, houbo mobilizacións e o Ministerio e a Comisión Europea decidiron atrasar no tempo moitas das obrigas burocráticas que ían entrar en vigor con esta e outra normativa, pero non eliminaron esas obrigas”, lembra Ana Rodríguez, gandeira e especialista en Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego. Por este motivo, houbo dúas modificacións deste Real Decreto no ano 2024. Daquela prohibiuse a aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abanico e por canon, agás nos seguintes casos (en negriña os cambios incorporados á proposta orixinal):
a) Nos recintos con pendentes medias superiores ao 10% ou de superficie inferior a media hectárea cando non sexan lindeiras con outros recintos da mesma granxa.
b) Na explotación enteira cando os recintos con pendentes medias superiores ao 10% supoñan máis da metade da superficie total da explotación ou cando a superficie dos recintos con pendentes medias iguais ou inferiores aos 10% non supere as dúas has. Neste cálculo non se imputarán as superficies que correspondan polo emprego mancomunado de pastos.
Durante ese período, dende o Sindicato Labrego Galego asistimos á publicación de varios anuncios por parte da Consellería do Medio Rural e da organización Unión Agrarias – UPA. En outubro do ano pasado soubemos por un medio de comunicación que o Ministerio de Agricultura asegurara por carta a Unións Agrarias que se podería utilizar o sistema do prato invertido para aplicar o xurro, e que a Consellaría do Medio Rural poría en marcha nas datas seguintes “os mecanismos necesarios para, contando cos informes técnicos favorables, regular a aplicación dos xurros con prato invertido en Galicia”. Que quedou do anuncio da CMR de que solicitaría ao Ministerio a excepción do prato invertido como permite o Artigo 10.4?, preguntabamos en xaneiro deste 2025 na nosa organización.
“O grave deste asunto é que o do prato invertido era mentira, tal e como denunciamos dende o SLG”, esclarece Rodríguez. “Falamos co Ministerio e nada sabían porque a Consellería do Medio Rural nada entregou. Segue sendo necesario que a Consellería realice os estudos para que sexa considerado como Mellor Técnica Dispoíbel (MTD) e que solicite a súa autorización ao Ministerio, cousa que non fixo”, demanda. Nese senso, denunciamos que a Consellería do Medio Rural segue sen preocuparse por Galiza. Non lle fai ver ao Ministerio de Agricultura que polas dimensións das parcelas, polas pendentes, polos custes que representa para unha gandaría a carga burocrática, etc, Galiza non pode rexerse por este Real Decreto. Urxímoslle á CMR que actúe xa é que cumpra as súas promesas no referido á aplicación de xurros con prato invertido en Galiza.
Novidades do Real Decreto 934/2025 do 21 de outubro:
Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas achegamos un resumo das novidades incluídas no Real Decreto 934/2025 que lle enviamos a toda a nosa afiliación. Entre as cuestións máis relevantes a destacar, encontramos as vinculadas co plan de adubado, coa persoa asesora de fertilización e co uso de prato esparexedor:
PLAN DE ADUBADO: non hai que facelo deica o 01/06/2026. Non teñen que facelo en ningún caso as granxas con menos de 10 has de secaño ou pastos e/ou cultivos forraxeiros para autoconsumo, e as que só teñan prados e non fertilicen.
ASESOR/A DE FERTILIahZACIÓN: Non teñen que ter esta figura as granxas que non teñen que facer o plan de adubado. Para o resto, teñen que ter un asesor/a o 01/09/27 para as granxas situadas en zonas declaradas vulnerábeis e o día 01/09/2028 para o resto de granxas.
USO DE PRATO ESPAREXEDOR: Pódese usar en leiras con máis do 10% de pendente, en leiras de menos de 1 hectárea que non linden con outras da mesma granxa e en toda a granxa se a superficie que non cumpre as condicións anteriores é menor do 50% da superficie da granxa (ou menos de 2 Has).
