Novas

  • O SLG demanda axudas urxentes ante os efectos secundarios da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) e a lingua azul

    O SLG demanda axudas urxentes ante os efectos secundarios da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) e a lingua azul

    • 04,Ago 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • axudas
    • crise sanitaria
    • denuncia
    • efectos secundarios
    • ehe
    • enfermidade
    • Enfermidade Hemorráxica Epizoótica
    • galicia
    • galiza
    • granxa
    • granxa vacún
    • infertilidade
    • lingua azul
    • mortalidade do gando
    • rural galego
    • sindicato labrego galego
    • vacas
    • vacún
    • veterinario
    • Os efectos secundarios da EHE están tendo efecto na actualidade, un ano despois do primeiro brote.
    • O incremento da mortalidade por lingua azul, pode deberse á presenza do virus mutado, ante o que as vacinas actuais poden non facer fronte.

    Compostela, 04 de agosto de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos que o sector gandeiro galego está a vivir unha situación crítica provocada polos efectos secundarios da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e o repunte de casos da lingua azul, sen que a Xunta de Galicia estea tomando medidas para paliar esta realidade.

    Un ano despois do brote de EHE que afectou a milleiros de cabezas de gando en todo o país, moitas explotacións continúan a sufrir consecuencias sanitarias e produtivas graves. Ao mesmo tempo, estase a detectar un incremento da mortaldade no gando ovino, especialmente en Ourense, vinculado á presenza de novos serotipos do virus da lingua azul, fronte aos cales as vacinas dispoñibles poderían non ser eficaces.

    Os efectos da EHE un ano despois

    No caso da EHE, hai un ano xa fixemos unha concentración en Ourense polas graves deficiencias por parte da administración á hora de atender esta problemática, tanto na atención veterinaria como na xestión das axudas, que foi moi desigual”, explica Brais Álvarez, apicultor e membro da executiva nacional do SLG. “Pero o máis grave é o feito de que nese momento xa advertimos dos efectos secundarios que tiña esta enfermidade no gando, algo que se está vendo agora meses despois de que rematase a fase aguda da EHE, pero que están sendo invisibilizados”.

    Caída dos cascos nas vacas, impedindo o seu desprazamento e aumentando o risco de infeccións; a infertilidade tanto en vacas como en bois; e outros problemas crónicos como debilidade, perda de apetito ou alteracións metabólicas.

    Entre as secuelas de maior gravidade de esta enfermidade, que se transmite pola picadura de mosquitos afectados, están a caída dos cascos nas vacas, impedindo o seu desprazamento e aumentando o risco de infeccións; a infertilidade tanto en vacas como en bois; e outros problemas crónicos como debilidade, perda de apetito ou alteracións metabólicas.

    Hai explotacións nas que os animais non se recuperaron e arrastran as consecuencias ata hoxe (algo semellante ao que aconteceu coa Covid crónica). Ademais, nos casos de vacas infértiles, xa non é posible renovar as cabezas afectadas. Se unha vaca non preña, o seu destino é o matadoiro, e iso supón unha perda directa para quen vive do gando”, afirma Álvarez. “Por outra banda, o reparto de axudas foi moi desigual, ao ter en conta a totalidade da cabaña, e non o número de animais afectados, cando se debería ter contemplado a realidade sanitaria de cada granxa”.

    A reaparición da lingua azul

    A esta problemática engádese agora a preocupación polo aumento de casos de lingua azul, especialmente en Ourense, cunha elevada mortalidade no gando ovino. Esta enfermidade, que recibe o seu nome porque cambia a cor da lingua dos animais, leva anos presente, pero semella estar mutando.

    Basicamente detectáronse novos serotipos do virus. É dicir, o virus mutou e parece estar afectando agora tamén a ovinos”, explica Álvarez. “Para esta enfermidade existe un protocolo de vacinación, pero sospéitase que as vacinas existentes para as cepas que había do virus xa non son efectivas agora, polo que volve haber unha alta mortalidade no gando”.

    Ante estas dúas alertas sanitarias, desde o SLG esiximos:

    En relación coa EHE, a creación dunha liña de axudas específicas e urxentes que permita paliar os efectos secundarios da enfermidade, cubrindo os tratamentos veterinarios, as perdas en terras produtivas e o lucro cesante derivado da caída na capacidade reprodutiva e produtiva do gando. Demandamos tamén que a administración recoñeza que a recuperación da EHE non é nin inmediata nin universal, e que se desenvolvan protocolos de control e prevención eficaces, tendo en conta as zonas con maior presenza de mosquitos transmisores. Así mesmo, consideramos imprescindible que se informe adecuadamente ás persoas produtoras sobre a evolución da enfermidade e as medidas a adoptar.

    Chamamos a todas as persoas gandeiras afectadas a informar de calquera caso de enfermidade que detecten nas súas granxas e, no caso de EHE, a que vinculen os casos actuais co brote de EHE de 2024, co obxectivo de que se recoñeza oficialmente a súa afectación e se habiliten compensacións xustas.

    En canto á lingua azul, instamos á administración a recoñecer esta nova realidade sanitaria, a explicar con transparencia de que información dispoñen sobre os casos detectados e cal é o plan de actuación previsto ante a posible presenza de novos serotipos do virus.

    Por último, chamamos a todas as persoas gandeiras afectadas a informar de calquera caso de enfermidade que detecten nas súas granxas e, no caso de EHE, a que vinculen os casos actuais co brote de EHE de 2024, co obxectivo de que se recoñeza oficialmente a súa afectación e se habiliten compensacións xustas.

    Desde o SLG seguiremos a reclamar medidas eficaces e dignas para as nosas granxas, porque as persoas produtoras non podemos seguir asumindo soas os custos dunha enfermidade da que non somos responsables.