non queremos ser dependentes das empresas

26/01/2010

Nova privatización dun servizo público ás explotacións

 

O servizo de lavado e desinfección de vehículos para o transporte de animáis terán que costealo a partir deste mes gandeiros e gandeiras. O recorte orzamentario volve a levar as culpas da desaparición destoutro servizo público, aínda que a sistemática privatización de todos estes servizos e as políticas de liberalización que tanto gustan aos nosos gobernantes son os verdadeiros culpábeis.

A actual normativa obriga, dende principios desta década, á limpeza e desinfección dos vehículos adicados a transportar gando. Cando se establecéu o servizo adxudicóuselle á empresa TRAGSEGA, feito xa denunciado naquel entón polo Sindicato Labrego Galego ao considerármolo unha privatización encuberta do servizo, en troques de proporcionalo dende a propia área de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, como servizo público obrigatorio e gratuíto.

Pois ben, a partires de fináis de mes, todos os centros oficiáis que ofertaban este servizo nas distintas comarcas comezarán a cobrar por el, ou o que é o mesmo, as explotacións gandeiras terán que costealo das súas espoliadas contas.

Agora si queda clara a privatización do servizo e o cargo ás explotacións gandeiras deste novo custo. Un máis dunha longa lista de privatización de servizos das explotacións que comenzóu a mediados dos 90 co desmantelamento das axéncias de extensión agraria, e que de seguir neste camiño, rematará por privatizar a propia sanidade animal, o que pode conlevar unha perda de garantías sanitarias para a cidadanía e para a propia seguridade alimentaria.

Ademais, a privatización de servizos ao rural vense constatando ao longo destes anos coma unha técnica de dobre beneficio pra Administración, xa que non somentes lle supón un aforro inmediato nese momento, senón que ademais con frecuencia posteriormente procédese á apertura unha liña de axudas para que as explotacións poidan acceder a estes servizos obrigatorios agora privatizados, investindo así en boa imaxe para a Consellaría de cara á cidadanía e alimentando o sambenito de que as labregas e labregos temos moitas subvencións, como xeito de tentar deslexitimizar as nosas reivindicacións.

Queremos servizos públicos, non unha dependencia empresarial subvencionada polo goberno.