05/06/2024
Nova ofensiva de destrución da cadea de valor por parte das industrias do leite
As baixadas de prezo nas ofertas realizadas por tódalas industrias confirma a alerta lanzada xa en febreiro polo SLG. O Sindicato Labrego acudirá á Axencia de Información e Control Alimentario para denunciar os contratos que destrúen prezos
Xa chegaron as primeiras ofertas de contratos ás granxas e baixan en tódolos casos, nalgunha empresa até por embaixo da barreira dos 40cts/l. Isto súmase ás anteriores, polo que algunas granxas poderían acumular baixadas consecutivas que suman case 20 cts, caendo desde arredor dos 60 cts que puideron acadarse no inverno de 2023 ata os 0.39 ofrecidos neste momento.
Xa no mes de febreiro, cando tivemos coñecemento de que Lactalis e Leite Río estaban ofertando idénticos abaratamentos do leite á distribución, advertimos que estas estratexias comerciais terían consecuencias para as gandarías, a costa das cales as industrias tentarían amortizar o abaratamento, e pedimos á Consellaría do Medio Rural que solicitase unha investigación da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.
Ademais, cabe chamar atención sobre o feito de que aquelas empresas que, como denunciamos fai menos dun mes, vetan ás granxas de estabulación trabada argumentando unha normativa inexistente, veñen de facer ofertas de renovación mesmo por baixo dos 39cts, poñendo ás granxas nun tempo anterior á guerra de Ucraína, cando xa antes da drástica suba de custos destes últimos anos o prezo non daba para cubrilos, para canto máis agora.
Para o Sindicato Labrego Galego esta nova ofensiva das industrias lácteas supón unha clarísima vulneración da Lei da Cadea Alimentaria, nomeadamente no que compete á destrución de valor na cadea como a non cobertura de custos de produción. O primeiro punto do Artigo 12, relativo á destrución de valor na cadea, sinala textualmente: "Co fin de evitar a destrución de valor na cadena alimentaria, cada operador da mesma deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción de tal produto no que efectivamente incurrira ou asumira dito operador. A acreditación realizarase conforme aos medios de proba admitidos en Dereito".
Antes da suba dos custes de produción por mor da crise da COVID19 e despois da Guerra de Ucraína o prezo base do litro de leite situábase en cifras semellantes ás que ofertan agora estas industrias, e como é sabido dende aquela os custos de produción encarecéronse significativamente. De feito, en febreiro de 2022 a propia Consellería do Medio rural presentou un informe desta suba, situándoos daquela por riba dos 40 cts para un litro de leite para o ano 2021.
Neste sentido sería estupendo contar con datos actualizados, pero a tan cacarexada como inútil Conta Láctea que ía ser a ferramenta definitiva do anterior Conselleiro, José González, mais o Director Xeral, José Silvestre Balseiros, para demostrar os custos de produción e solucionar o problema da indefensión das granxas de leite galegas, a día de hoxe non fixo máis informes, e nin a Consellaría do Medio Rural nin o Ministerio de Agricultura teñen avanzado o máis mínimo neste aspecto, deixando ás labregas indefensas ante a extorsión das industrias.
Dende o Sindicato Labrego galego vemos fundamento abondo para acudir ante a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) e presentar denuncia por destrución da cadea por ofrecer prezos por baixo dos custos de produción.
As estratexias ilegais de baixada coordinada das industrias lácteas están presentes demasiado a miúdo no sector. De feito, vimos de coñecer recentemente o fallo da Audiencia Nacional ao respecto da sanción imposta pola Comisión Nacional de Competencia contra as industria que integraban o denominado Cártel do Leite, que operaba distorsionando prezos no mercado, demostrado este feito no periodo que vai de 2000 ata 2013.
Fai semanas tamén que temos solicitado entrevista á nova Conselleira do medio Rural para trasladarlle estes problemas e os doutros sectores, sen que ata o momento se dignara tan sequera a contestar.