Do 13 ao 15 de marzo o movemento pola Soberanía Alimentaria Nos Plantamos organiza o seu encontro anual en San Lorenzo del Escorial (Madrid).
O labrego de San Sadurniño Xosé María García Villaverde, criador de ovella galega, avicultor artesanal e fruticultor ecolóxico, responsábel da nova Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego, participará no evento.
Máis de 50 persoas xuntaranse para construír unha axenda colectiva que impulse e apoie modelos de agricultura, gandería e consumo agroecolóxicos.
A recente escalada bélica, o acordo UE-Mercosur e as políticas de desregulación da Unión Europea formarán parte dos debates do movemento.
Galiza, 12 de marzo de 2026. Esta fin de semana, do 13 ao 15 de marzo, decenas de colectivos e organizacións do ámbito alimentario, agrario, científico, académico e activista, preocupados pola situación do medio rural e o modelo agroalimentario actual nun contexto como o da guerra de Irán, reúnense co fin de dar forza ao movemento e buscar solucións á precariedade do sector agrario e o mundo rural. Entre eles, estará o labrego de San Sadurniño Xosé María García Villaverde, criador de ovella galega, avicultor artesanal e fruticultor ecolóxico, responsábel da nova Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), en representación da organización.
Os últimos acontecementos políticos coa guerra de Irán, a aprobación do acordo UE-Mercosur e as políticas de desregulación europeas —que ameazan os logros conseguidos, as salvagardas para a saúde da cidadanía e dos territorios— marcarán a axenda do encontro de Nos Plantamos. “No terreo estatal e internacional o auxe da extrema dereita non deixa ver o bosque, con todo, o campo e o mundo rural están cheos de persoas diversas que buscan unha vida digna en contornas saudábeis”, afirman as organizacións convocantes.
A Soberanía Alimentaria e a agroecoloxía labrega son os cimentos deste movemento que pretende dar unha resposta conxunta ás necesidades do campo dende unha perspectiva de xustiza social e ambiental. O movemento alimentario construirá propostas de acción á vez que denunciará os impactos territoriais da agricultura e a gandería industriais: “A recente aprobación do tratado comercial UE-Mercosur reforza un modelo agroalimentario depredador que fai perigar a vida no campo e que supón graves consecuencias en ambas as rexións, principalmente para o clima, a biodiversidade e os dereitos humanos”.
Os estudos mostran como o número de persoas dedicadas á agricultura e gandería familiares descende á vez que aumenta a superficie das explotacións industriais de gran tamaño. Esta é unha das consecuencias do modelo agroindustrial imperante no Estado español: o predominio dunha “agricultura sen agricultores”. Segundo o movemento Nos Plantamos, trátase dun modelo agroalimentario dominado pola agroindustria, orientado ao mercado global, suxeito a movementos especulativos e que non ten entre as súas prioridades alimentar á humanidade; un modelo que despoboa, desertiza e desertifica, que destrúe infraestrutura clave para a Soberanía Alimentaria e a sostibilidade, que xera indefensión, inestabilidade e mesmo fame.
Neste contexto de industrialización agraria, as organizacións pola Soberanía Alimentaria denuncian os discursos da extrema dereita que se queren facer oír como única voz do campo e que tentan dirixir o malestar non contra a raíz do problema, senón contra as políticas ambientais e laborais, e mesmo contra a democracia e as liberdades en xeral. Por iso, dende Nos Plantamos insisten: “O problema do campo vén da especulación agroindustrial, do negacionismo climático e de quen domina ao seu antollo o que se produce, distribúe, vende e consume, chámese Mercadona, Danone, Lactalis, O Pozo, BASF, Bayer e tantos outros nomes”.
As consecuencias do ataque de Israel e EEUU a Irán xa empezan a notarse no sector agroalimentario. O aumento do prezo dos combustíbeis e derivados do petróleo non tardará en impactar en toda a cadea de produción, transformación e comercialización de alimentos. Ante esta situación, o movemento pola Soberanía Alimentaria resalta que “non nos podemos permitir o luxo de deixar de lado ao modelo agroalimentario na transición ecolóxica. Necesitamos abordar de maneira urxente unha transición agroecolóxica que relocalice o sistema e o faga menos dependente dos combustíbeis fósiles”.
Nesta transición, as organizacións que forman parte de Nos Plantamos apuntan á agricultura familiar e social baseada na agroecoloxía: “É a que dá cohesión social e vida ás zonas rurais, a que coida da biodiversidade agraria que produce alimentos sans e sostíbeis, e a que se desenvolve baixo un modelo agroalimentario socialmente xusto e sostíbel, con perspectiva feminista e asentado en bases de economía social e solidaria. Sobre ese modelo de produción e consumo debe centrarse o desenvolvemento de sistemas alimentarios, para que realmente sexan sostíbeis e resilientes ante a crise ecosocial, climática e de biodiversidade que si está a causar os verdadeiros problemas do campo”.