CotasSeguridadeSocial_Concentración

11/06/2024

Non aos cobros da Seguridade Social ás labregas de baixa médica!

Concentración o martes 18, ás 12:30h. diante da Tesourería da Seguridade Social en Lugo e solicitude de xuntanza. O SLG-CCLL leva denunciando, reclamando e presentando recursos de alzada contra estes cobros abusivos dende o 2023

Como denunciamos a finais do pasado ano, a Tesourería Xeral da Seguridade Social está a reclamar ás traballadoras na actividade agraria por conta propia cantidades de diñeiro correspondentes a cotas de cotización de diferentes períodos entre os anos 2019 e o 2021 nos que estiveron de baixa durante máis de 60 días, obviando que xa foron pagadas no seu momento polas mutuas, que tiñan a obriga de facerse cargo delas en virtude da modificación que se fixo no seu día do artigo 308.1 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social.

Dende entón, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está a acompañar ás persoas afectadas no proceso de reclamación destas cotas, así como nos posteriores recursos de alzada.

Dado que, malia á denuncia pública realizada e aos recursos presentados, a día 31 de maio inda se estiveron cobrando cotas correspondentes a estes períodos, ao tempo que continuamos ca campaña de reclamacións o vindeiro martes 18 de xuño concentrarémonos diante da sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo para esixir o cese destes sobrecargos económicos que as persoas afectadas xa pagaron no seu momento a través das súas respectivas mutuas (adxuntamos cartaz). Ademais solicitaremos novamente unha entrevista con este organismo a fin de reiterar os motivos polos cales debe procederse a eliminar estes cobros.

O artigo 308.1 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social establece que as mutuas se farán cargo das cotizacións das persoas traballadoras por conta propia a partir do día 60 de incapacidade temporal.

Aínda que o texto da Lei mencionaba que se farían cargo desta cobertura “con cargo ás cotas por cese de actividade”, a redacción do mesmo non vinculou o dereito coa cotización por cese de actividade. Sen embargo, tanto as mutuas como a Tesourería Xeral da Seguridade Social obviaron esta interpretación e procederon a reclamarlle diferentes cantidades de diñeiro ás labregas e labregos que non tiñan esta cobertura e estiveron de baixa máis de dous meses entre o 2019 e o 2021.

A actual redacción do texto legal dende o 1 de xaneiro do 2023 xa dá cobertura a tódalas persoas traballadoras aínda que non estean cotizando con dereito a cese por actividade. Nunha resolución publicada no ano 2022 polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias, fallou a favor da persoa autónoma e en contra da mutua, determinando que debe ser esta última a que ten que facerse cargo das cotizacións a partir do día 60 dunha incapacidade temporal en tódolos casos, con independencia de ter ou non a cobertura de cese de actividade.

Ademais, con data 11 de abril deste mesmo ano, foi feita pública unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo que novamente dá a razón á persoa autónoma.

Xa que logo, é totalmente improcedente que tanto as mutuas como a Tesourería Xeral da Seguridade Social carguen sobre as labregas e labregos as cotizacións das que xa se fixeran cargo no seu día, optando tanto a Administración como as propias mutuas por unha interpretación da normativa ao seu favor e na contra das persoas autónomas.

Esta situación de indefensión vese agravada pola obriga de relacionarse de forma telemática coa Seguridade Social, que lle impide ás persoas acudir ás oficinas de forma presencial para recibir información sobre a súa situación ou realizar calquera trámite, como aprazamentos ou reclamacións.

Ademais de dificultar a súa relación ca administración pública, a exclusión do dereito a ser atendidas presencialmente implica que moitas das persoas traballadoras autónomas se vexan obrigadas a recorrer a servizos externos con custo económico para poder facer estes trámites, o que na práctica supón unha privatización mais dun servizo público.

Canda a paralización do cobro de cotas e o reintegro inmediato das xa cobradas, por parte do Sindicato Labrego Galego demandamos que se recupere de xeito inmediato a atención presencial en tódolos trámites realizados pola Administración pública, e condenamos a discriminación e graves prexuízos que para a cidadanía no seu conxunto está a supor a imposición excluínte do actual modelo de dixitalización.