MedidasRS

02/01/2025

Non ao peche en falso da crise da Ribeira Sacra: sen medidas coherentes para salvar ás viticultoras/es e a vendima do 2025

As axudas publicadas o 30 de decembro discriminan ás persoas produtoras a favor de quen teña grandes extensións de terreo. Condenamos a actitude antidemocrática da Consellaría ao negarse a convocar unha mesa de traballo con tódolos axentes

Acostuman a ser estas unhas datas para facer balance do ano que remata e propostas de actuación para o que comeza. Na Galiza, no ano 2024 a crise de excedentes da Ribeira Sacra, que supuxo a inédita negativa da meirande parte das adegas a mercar a uva das pequenas e medianas produtoras da comarca, está chamada a ser unha das prioridades a xestionar no 2025 no sector agroalimentario. Porén, o ano non comeza co grao de compromiso requirido dada a gravidade da situación.

En primeiro termo dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) insistimos en denunciar que segue faltando a medida fundamental para os e as viticultoras que non tiveron quen lles recollera a uva: unha axuda directa no 2024 para paliar as perdas de ingresos.

Estratexicamente vinculado a este aspecto, a Xunta de Galicia segue obcecada en negarse a convocar unha mesa de traballo na que todo o sector poida ter voz e participar na famosa “folla de ruta” para a denominación de orixe, que finalmente fomos coñecendo pola prensa logo de ser instrumentalizada para romper a unidade de acción sindical e parar as mobilizacións. Cómpre lembrar que, como castigo cara o Sindicato Labrego por seguir mobilizándose canda as viticultoras e viticultores, a Consellaría do Medio Rural anulou a xuntanza xa comprometida coa nosa organización, non nos convocou a ningunha máis e escenificou ante os medios de comunicación xuntanzas -baleiras de contido- con outras organizacións agrarias.

Fica claro que prometéronse solucións para desconvocar as mobilizacións do sector que nunca chegaron, e a comezos xa doutro ano séguese sen tratar de xeito integral e democrático, con interlocución con todas as organizacións do sector, un plan completo para a crise do sector, con solucións xa para a campaña 2025 e de futuro. Preguntámoslle á Consellería do Medio Rural: que vai pasar coas persoas viticultoras ás que non lles vai recoller a uva de novo neste 2025?”, cuestiona a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba.

A dous de xaneiro do 2025, o certo é que o futuro da Ribeira Sacra tal e como a coñecemos, segue estando en entredito.

O pasado día 30 de decembro publicouse no DOG a Resolución de 19 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á conservación do entorno paisaxístico e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, e se convocan para o ano 2025 mediante tramitación anticipada do gasto. Descoñecemos se van publicar todos os anos esta axuda ou vai ser só este ano: se só vai ser este ano podemos avanzar que pouca incidencia vai ter no futuro da DO.

Con esta medida, xunto coas aprobadas no pleno do día 18 de decembro do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra -diminución de rendementos de 9.500 a 7.500 kg/ha para as variedades tintas, limitación de novas plantacións e instar á Consellería para que solicite a poda en verde- e a destilación de crise de outubro, semella que se dá por pechada a crise de excedentes na Ribeira Sacra.

Pero estes “parches” van tarde e son insuficientes: non chegaron para evitar que moitas persoas viticultoras non viran como as súas uvas podrecían por falta de saída ou foran obrigadas a vender a prezos de miseria, e non garanten evitar que dentro de nove meses se volten ver na mesma situación.

Analizando independentemente cada unha delas destacamos os seguintes aspectos controvertidos:

1. Unha baixada de rendementos nunha campaña de 2.000 quilos por ha, se non se estipula un prezo digno do quilo da uva ou se se basea nos prezos pagados no 2024, máis que unha axuda pode ser un problema.

2. A poda en verde ten que solicitala a Consellería ao Ministerio antes do día 15 de xaneiro. Alguén sabe se a Consellería do Medio Rural está facendo estes trámites?

3. As axudas para a conservación da paisaxe -é dicir, as únicas con contías económicas directas- paradoxicamente non están ligadas ás perdas por prezo ou a non poder vender as uvas, senón á superficie. É dicir, van cobrar os maiores importes as plantacións con superficies máis grandes, aínda que sexan de adegas ou persoas viticultoras que puideron vender a uva sen problema, e logo as pequenas superficies como son as das plantacións en socalcos das ribeiras, que son a base das paisaxes e da viticultura social da DO, van recibir cantidades mínimas. Inda por riba, os importes propostos son máis pequenos que os aportados na Rioxa -onde no seu momento si se habilitou unha axuda de minimis-, malia requirir a Ribeira Sacra uns custos de produción moito máis altos.

Por outra banda, o sector do viño está pouco acostumado a solicitar subvencións, algunhas van ser de contías moi pequenas e hai concellos nos que non existe ningunha oficina na que se poida tramitar. Cremos que, dado que o pago vai ser segundo o que certifique o Consello Regulador, a Administración podería proceder ao pago automático de todos os inscritos e inscritas sen facer solicitude, tal e como se ten resolto con outras axudas a través publicación de beneficiarios e beneficiarias e pago.

En todo caso, deberían ser as oficinas agrarias da zona as que tramiten estas solicitudes, sobre todo as que non teñan que ser entregadas por vía electrónica, e o importe por ha debera ser progresivo: pago maior para as primeiras hectáreas. Ademais, o límite de 50.000 euros por persoa beneficiaria é excesivo para as características da maior parte das persoas viticultoras, distorsionando a finalidade lexítima de apoiar ás persoas produtoras de uva, beneficiando no seu lugar a quen teña extensións de terra.

Reiteramos: un plan para salvar á Ribeira Sacra -se é o que realmente pretende a Xunta, aspecto que inda non fica claro-, require dunha mesa de traballo na que tódolos axentes implicados podamos pór en común análises e propostas. Hai cousas que non mudan co cambio de ano.