Novas

  • No Día Mundial das Abellas o SLG alerta da difícil situación que atravesa o sector e demanda a activación de medidas urxentes

    No Día Mundial das Abellas o SLG alerta da difícil situación que atravesa o sector e demanda a activación de medidas urxentes

    • 20,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • apicultura
    • DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS
    • sindicato labrego galego
    • Nos últimos anos o sector apícola afrontou unhas taxas de mortaldade superior ao 40% e a produción viuse reducida á metade dende comezos de século.

    • Factores ambientais, xunto a novas ameazas como a vespa velutina, ou o aumento sen control da varroa destrutor e outras enfermidades, comprometen a supervivencia das granxas apícolas no país e, polo tanto, da abella apis mellifera.

    • As administracións públicas no lugar de termar do sector, esquéceno. Esiximos ser tidas en conta”, reivindica o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez. Demandámoslle á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Unión Europea a activación de medidas para salvagardar o sector apícola.

    Galiza, 20 de maio de 2026. No Día Mundial das Abellas o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alerta da difícil situación que atravesa o sector apícola en Galiza, advertindo do posíbel risco de desaparición da abella apis mellifera no noso territorio, un insecto fundamental na polinización e no mantemento dos nosos ecosistemas.

    Alta mortaldade

    Este 20 de maio o Sindicato Labrego Galego fai un balance de como foi o último ano no sector. Cómpre destacar a altísima mortaldade que se sufriu este inverno, que, en moitos casos, superou o 50%, sendo un ano especialmente virulento. Na última década dende o SLG constatamos unha mortaldade acumulada superior ao 40%. Esta situación pon en risco a supervivencia de moitas granxas apícolas. As perdas supoñen dificultades engadidas na primavera próxima para obter o número suficiente de colonias coas que obter o mel e xerar os ingresos que permitan facer da actividade apícola unha actividade agraria da que vivir.

    Cambio climático, vespa velutina e varroa destrutor

    Dende a nosa organización aludimos especialmente a tres factores fundamentais que ocasionan a alta morte das abellas: o cambio climático -que está forzando á nosa abella a adaptarse a episodios moi extremos no clima que antes non tiña-, o avance sen control da vespa velutina e ao aumento da infección varroa destrutor -que está a xerar resistencias aos tratamentos e é un perigo constante na saúde das abellas-. A suma destes tres elementos “é un cóctel moi perigoso que fai que a mortaldade aumente”, sentencia o apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez. Dende comezos do século a produción por colmea reduciuse á metade, pasando dunha media de 20 quilos por colmea a 10 quilos, isto está motivado precisamente por termos un clima cada vez de máis extremos, que provoca que os períodos de floración sexan máis curtos ou que por mor das inclemencias meteorolóxicas -moita calor ou moita choiva- directamente as abellas non as aproveite”, afirma o mozo apicultor.

    Un sector con moitas oportunidades, ignorado polas administracións

    Son moitas as mozas e os mozos que nos últimos anos decidiron incorporarse á actividade agraria no sector apícola, entendéndoo como un sector anovado que non precisas grandes investimentos para comezar, o que fai que a mocidade se sinta atraída cara a el. Con todo, os múltiples problemas que atravesa poñen en perigo o porvir destas novas granxas, proxectos cun futuro por construír e que contribúen ao mantemento do medio rural vivo e á salvagardar da abella e do seu importante papel no medio ambiente.

    Á praga da vespa velutinaque non atopa unha resposta eficiente dende a Xunta de Galicia e cada ano vai a máis, causando baixas en todas as granxas apícolas do país- e ao avance das enfermidades temos que sumarlle como risco para o sector as importacións masivas de mel e suposto mel: o chamado “ fraude do mel”. Trátase de produtos que entran na UE a un prezo medio de 1,5€, co beneplácito das institucións estatais e europeas, o que fai que sexa moi difícil para as granxas do noso territorio competir con eles.

    As administracións públicas no lugar de termar do sector, esquéceno. É o gran esquecido, sendo invisíbel ás mesmas”, denuncia Brais Álvarez. “Unha mostra é que na recente axuda publicada polo Ministerio para facer fronte aos custos de produción derivados da guerra en Oriente Medio, as granxas e persoas produtoras apícolas non poden acceder ás bonificacións contempladas para o gasóleo, e na apicultura, aínda que usemos pouco gasóleo agrícola, si que utilizamos furgonetas entre os colmeares, sendo o gasto de gasóleo normal unha das partidas máis grandes que temos nas granxas. Esiximos ser tidas en conta”, reivindica o apicultor.

    E por iso que dende o SLG, aproveitando o Día Mundial das Abellas, demandámoslle á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Unión Europea as seguintes medidas:

    1. Plan de actuación coordinado e con fondos suficientes para frear o avance da vespa velutina e outras especies invasoras que ameazan a supervivencia das abellas.

    2. Cubrir os gastos derivados das perdas que ocasiona a vespa velutina, dando unha axuda a tanto alzado sobre o censo anual en relación ás baixas directas e indirectas que xera a vespa velutina.

    3. Aumentar as partidas orzamentarias do Plan Apícola para a loita e control da varroa destrutor. Actualmente é necesario aumentar o control sobre a mesma e o actual plan sanitario esta desfasado para as necesidades do sector.

    4. Regular e vixiar a entrada de mel de fóra da UE. En datos xa denunciados no mes de marzo máis da metade dos controis que se facían en fronteira demostraron fraude no mel.

    5. Fixar custos de produción para evitar a venda a perdas. Actualmente os nosos custos de produción superan os 5€ cando o prezo medio da venda a granel non supera os 4€. Para iso, esixímoslle á Xunta de Galicia a constitución dunha mesa do sector onde estean representadas asociacións, OPA,s IXP e comercializadoras.

    6. Protexer o mercado europeo das importacións masivas de mel e xaropes de 3 países, aumentando as peaxes arancelarias e fixando prezos mínimos de entrada no mercado europeo. Nese senso, reiteramos o noso rexeitamento ao tratado UE-MERCOSUR, que vai abaratar aínda máis a entrada de mel dende os países do Mercosur. un mel que actualmente entra xa a un prezo inferior a 1,50€.

    7. Inclusión do sector nas axudas publicadas para paliar o aumento dos custos de produción derivados da guerra de Oriente Medio, promovendo unha liña propia para cubrir os custos do combustíbel ou incorporando a especificidade do sector apícola na propia liña existente.

    8. Recoñecemento na PAC do papel fundamental do sector e das abellas para o mantemento dos ecosistemas. Tendo en conta o mesmo para o acceso ás axudas do PIAR 1 onde ao basearse actualmente en base á superficie e ao non ter o sector unha axuda asociada propia, queda excluído. Tamén se demanda un aumento da partida e publicación anual das axudas destinadas á apicultura polo PIAR 2, en concreto as axudas agroambientais.

    9. Camiñar cara a unha PAC que sexa unha verdadeira axuda á renda e, polo tanto, que todas aquelas persoas se que dedican á produción agraria poidan acceder a ela.

    10. Publicación dunha axuda por parte da Xunta de Galicia para o mantemento da actividade nas zonas onde se produciron os incendios no ano 2025. Estes territorios de moita importancia biolóxica para as nosas abellas non son quen de rexenerar o alento suficiente para as abellas até pasados 3-4 anos, sendo necesarios cubrir os gastos das persoas afectadas polas mesmas. As axudas publicadas son insuficientes para que estas granxas continúen coa actividade.