Elaboración artesanal de queixos ecolóxicos

20/03/2025

Nace a Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA)

Co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, ponse en marcha a ‘Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria’ (RITA) para o fomento, consolidación e mellora da viabilidade de pequenas iniciativas de produción, transformación e comercialización de alimentos.

É un proxecto promovido polo Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL), ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), Germinando, Extremadura Alimenta, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e ISEC-UCO (Instituto de Sociología y Estudios Campesinos - Grupo PAIDI SEJ 179 da Universidade de Córdoba).

logos rita

A innovación e a relocalización son aspectos fundamentais para a viabilidade de pequenas e medianas empresas e persoas que se dedican á transformación de alimentos. Obradoiros compartidos, pequenos matadoiros e salas de despece e outro tipo de instalacións adaptadas a procesos artesanais e a pequena escala son iniciativas innovadoras e, en moitos casos, pioneiras para o desenvolvemento sostíbel do sector da pequena e mediana produción.

Estas prácticas innovadoras abordan importantes aspectos técnicos, pero tamén aspectos sociais ou de xestión e gobernanza que son necesarios, entre outras cuestións, para ofrecer unha alimentación saudábel, conseguir prezos xustos ou influír positivamente no emprego rural.

Para estimular a creación e consolidar estas innovacións e boas prácticas, nace a Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA), un proxecto de seis entidades con ampla traxectoria en iniciativas para o desenvolvemento de sistemas alimentarios territorializados, a articulación de procesos colectivos e o impulso da agroecoloxía. Estas organizacións son ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL), SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e ISEC-UCO (Instituto de Sociología y Estudios Campesinos - Grupo PAIDI SEJ 179 da Universidade de Córdoba).

O obxectivo da Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA) é favorecer un ecosistema de apoio para quen transforma alimentos a pequena e mediana escala, e mellorar o acceso da poboación a alimentos saudábeis e de calidade, respectuosos co medio ambiente e xustos coas persoas que os producen e o desenvolvemento socioeconómico do medio rural.

O proxecto conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostíbel, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.

Elaboración de conservas en obradoiro compartido (S'Obrador de APAEMA, Mallorca)

Elaboración de conservas en obradoiro compartido (S'Obrador de APAEMA, Mallorca)

Que vai facer a Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria?

A RITA quere favorecer o desenvolvemento profesional, cultural e económico de iniciativas ligadas á transformación de materias primas producidas nas propias granxas ou leiras e a súa comercialización, ben sexa directa ou a través de canles curtas.

Para facilitar este proceso, as entidades impulsoras da RITA preparan unha serie de actividades que lles permitirán co-xerar coñecemento sobre aspectos clave relacionados coa viabilidade e sostibilidade da pequena transformación alimentaria, como son a flexibilización dos requisitos hixiénico-sanitarios, a xestión ou a gobernanza de infraestruturas compartidas. Este coñecemento verase plasmado en recomendacións, guías e outra serie de recursos de utilidade para o sector agroalimentario. Estarán accesíbeis nunha web que pretende converterse nunha referencia a escala estatal.

Instalacións do Centro de Transformación Cárnica Belardi

Instalacións do Centro de Transformación Cárnica Belardi (Urduña, Bizkaia)

Visita o 25 e 26 de marzo

Tamén hai actividades para a transferencia e sensibilización, que darán visibilidade tanto a estas pequenas producións como ás innovacións existentes e o coñecemento xerado. Por exemplo, os días 25 e 26 de marzo hai unha visita técnica a diferentes proxectos de xestión colectiva relacionados con matadoiros de baixa capacidade, salas de despece e obradoiros, situados nos municipios de Urduña (Bizkaia) e Etxarri Aranatz (Nafarroa).

Coas diferentes accións do proxecto, a RITA busca facilitar a replicabilidade e o desenvolvemento destas innovacións na transformación de alimentos a pequena e mediana escala; mellorando a viabilidade e incorporación no sector e fomentando o acceso da poboación a alimentos sans, xustos e sostíbeis.

As novidades da Rede compartiranse a través da web e redes sociais das entidades impulsoras da iniciativa.