Esta mañá a nosa compañeira Margarida Prieto Ledo, vocal do Sindicato Labrego Galego no Consello Galego de Benestar Social, participou na rolda de prensa de presentación da plataforma ‘Emerxencia, Dependencia’ -da que no Sindicato Labrego Galego facemos parte-, en Compostela, cuxo obxectivo da plataforma é facer fronte común á necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte.
Anunciamos a convocatoria dunha concentración diante do Parlamento, o 17 de novembro
Compostela, 22 de setembro de 2025.- Organizacións sociais, políticas e sindicais presentaron esta mañá, en rolda de prensa a Plataforma por unha Atención Digna á Dependencia “Emerxencia, Dependencia”, para facer fronte común á necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte.
Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), COTOGA (Colexio de Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.
Con este motivo anunciaron que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da Xunta para 2026, ademais da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.

Atallar a emerxencia
Segundo denunciaron, a principios deste ano 2025, a Xunta de Galiza, aprobou de forma unilateral unha reforma da lei 13/2008 de servizos sociais que, “lonxe de mellorar a situación da atención á dependencia, reduce o dereito dos galegos e galegas aos servizos sociais”. Unha reforma que se fixo, segundo denunciaron, “pola porta de atrás, aproveitando a lei de acompañamento dos orzamentos, para evitar así a consulta e participación dos axentes sociais”.
Neste sentido, aseguraron que nin sequera se convocou o Consello Galego de Benestar Social, órgano consultivo e de participación en materia de servizos sociais, e mesmo se aproveitou o mesmo sistema da lei de acompañamento para deixalo sen competencias.
Xunto a isto, explicaron que desde o 3 de xaneiro de 2025, unificáronse as solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, “o que trata as valoracións profesionais como un simple trámite ou acto administrativo” o que constitúe “un ataque aos dereitos da cidadanía, de ter uns servizos sociais dignos e de calidade”, porque as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo “provocando a desigualdade no acceso aos recursos”.
393 días agardando
A plataforma denuncia que, a día de hoxe, unha persoa dependente en Galiza ten que esperar de media 393 días, unha semana máis que en decembro de 2024, máis do dobre do que di a lei que fixa en 180 días o tempo máximo de tramitación. Ademais “hai case 1.700 persoas agardando por un servizo ou prestación á que teñen dereito recoñecido por lei, case 200 persoas máis que en decembro de 2024” e no que levamos de ano “faleceron en Galiza máis de 55 persoas agardando pola dependencia”, que se suman ás máis de 7.000 que faleceron na lista de espera desde 2017.
Xa a finais do ano 2023 se tiñan publicado cambios normativos onde se unificaba nun procedemento a valoración de dependencia e a aprobación do PIA (Programa Individual de Atención) e coa que se pretendía reducir os prazos á metade, que naquel momento xa estaban en máis dun ano. Porén denunciaron que estes prazos “se alongaron e ademais as persoas dependentes perderon dereitos ao unificar o procedementos”.
A modo de exemplo referíronse a casos de arquivo por falecemento atopándose a valoración feita, e despois de transcorrido máis de un ano (solicitude de decembro de 2023, valoración en agosto 2024, falecemento en outubro de 2024 e arquivada por falecemento en febreiro do ano 2025); tempos de agarda de 14 meses en persoas con 98 anos de idade; peticións de actualización de informes médicos, con ameaza de arquivo de expediente e meses de espera para o cambio de PIA por empeoramento e ingreso en residencias.
Persoas con discapacidade
A plataforma entende que estas modificacións van traer importantes prexuízos tamén para as persoas con discapacidade, porque “non se avalía a situación real e individual de cada caso, nin por exemplo a mobilidade reducida que afecta a moitas persoas maiores”. Por iso denuncia que o que hai detrás “é a privatización do sistema de xeito encuberto” que se pretende culpar ás profesionais do atasco nas resolucións, en lugar de asumir a responsabilidade “pola súa incompetencia e mala xestión”.
Fronte a isto a plataforma reclama máis recursos públicos e menos bonos inxustos; incrementar os cadros de persoal dos servizos de dependencia e discapacidade, incorporando tamén profesionais de disciplinas non contempladas agora, cubrindo baixas e vacantes (e non reforzando os servizos cando se “desmadran” os tempos de agarda). “O persoal non pode asumir a mesma carga de traballo nun momento en que, cada vez máis, se incrementan as necesidades da poboación en situación de dependencia”.
Rexeita a utilización dos bonos anunciados pola Xunta do PP, cos que busca silenciar a persoas usuarias e familias, entendendo que “é unha estratexia para non dar servizos á poboación e que o diñeiro público remate en mans privadas”, que devolve os coidados ao fogar, “perpetuando o rol de coidadoras das mulleres”.
Coidados convertidos en negocio de grandes multinacionais
Para a plataforma o PP pretende converter os coidados en negocio das multinacionais. Fronte a iso defende unha estratexia de servizos sociais, que garantan a calidade dos servizos públicos e exixe ao goberno de Alfonso Rueda que revogue os cambios realizados na Lei 13/2008 en materia de acceso ao sistema de dependencia.
Demanda a posta en marcha sen demora dun sistema público galego de atención á dependencia, que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF; reclamamos a dotación urxente de persoal para as valoracións de dependencia e discapacidade, e que estas valoracións se realicen no domicilio da persoa, tal e como estabelece a lei; o aumento de orzamentos para a atención á dependencia, a dotación adecuada de prazas en centros públicos, e a creación de cantos recursos públicos sexan necesarios para garantir que as necesidades das galegas e galegos sexan cubertas.
Canda isto solicita a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, e que se repoña o papel consultivo deste organismo e fai un chamamento ás organizacións políticas para que asuman estas reivindicacións como propias e poñan en marcha cantas iniciativas consideren para camiñar para a súa xusta consecución.