rb

11/10/2024

Moita uva sen vendimar, vendas por baixo de custos e incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

A CMR segue sen publicar axudas para viticultoras/es, a mesa de traballo non existe e nada se sabe da suposta folla de ruta. Primeiros casos de abandono de viñedos na Ribeira Sacra ante a impasibilidade da Consellaría do MedioRural

No Consello do 2 de setembro Alfonso Rueda afirmou que a Xunta de Galicia empregaría 2 millóns de euros para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, unha medida “dirixida á viticultura heroica, na que se traballa nunhas condicións especiais de custos e dificultade”.

Pero non foron convocadas axudas ningunhas para as viticultoras e viticultores. As produtoras a día de hoxe seguen sen ter percibido absolutamente ningún apoio económico por parte da Consellaría do Medio Rural (CMR). Nin sequera se tentou dar pasos para adoptar o marco legal para aprobar axudas de minimis ao sector produtor empregado xa en xullo pola súa homóloga na Rioja.

Fai un mes a propia CMR anunciou a creación dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias que se baixaron das mobilizacións, pero non consta que se reunira máis veces que aquel día para a foto -e desmobilizar ao sector-.

Ao abeiro deste abandono e desleixo institucional, proliferan xa tamén os casos de incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, principalmente de adegas que se negan a recoller, mercan por embaixo do prezo acordado ou non queren realizar contratos ás viticultoras/es. O SLG denunciou recentemente ante Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) varios destes abusos, solicitando a apertura de investigacións para determinar posíbeis incumprimentos de contrato e vulneración da Lei 12/2013. Tanto o Ministerio de Agricultura como a Consellaría do Medio Rural son responsábeis de velar polo respecto da mesma.

Moita uva inda na viña, outra moita malvendida por embaixo de custos, ausencia total de información e descoñecemento absoluto da perspectiva de futuro para a comarca puxeron contra as cordas a centos de produtoras e produtores: temos xa coñecemento de varios os casos de persoas que están abandonando a actividade na procura doutra profesión ca que obter unha remuneración para poder sobrevivir.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas cuestionámonos se o “plan” da Conselleira María José Gómez Rodríguez é sinxelamente deixar que pase a vendima. De ser así, lembrámoslle en dous meses vai comezar xa a do 2025, posto que haberá que decidir se se podan as viñas para o vindeiro ano. Que vai facer a Consellaría para que esta catástrofe non se repita?

Reiteramos á Consellaría do Medio Rural a solicitude de convocatoria dunha verdadeira mesa de traballo, con tódolos axentes do sector, a activación de axudas de emerxencia ás persoas viticultoras e traballar de contado na elaboración dunha estratexia para salvar a vindeira campaña.