16/02/2024
Mobilizacións agrarias conxuntas o vindeiro martes 20F en toda Galiza
Entre as demandas: prezos xustos, racionalización da burocracia esixida ás granxas, cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. Trasladamos ao Delegado do Goberno unha táboa reivindicativa común e insistimos na necesidade de protexer o sector primario
A gandeira e Vicerresponsábel do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, presentou na mañá de hoxe na Coruña en rolda de prensa canda representantes da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA) a táboa conxunta de reivindicacións e o calendario de mobilizacións que terán lugar o vindeiro martes 20 de febreiro en múltiples puntos da xeografía galega [ACHEGAMOS CARTAZ].
Adxuntamos imaxes da rolda de prensa e arquivo de audio con declaracións de Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada en políticas agrarias no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.
Posteriormente, as representantes das organizacións agrarias mantiveron unha xuntanza co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que debullaron polo miúdo as reivindicacións que motivan estas mobilizacións [ACHEGAMOS IMAXES].
Dende o Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez fixo fincapé na falta de adecuación á Galiza das políticas agrarias desenvolvidas polo propio Ministerio de Agricultura, e de xeito diferenciado nas establecidas para o desenvolvemento da Política Agraria Común (PAC). O Delegado expresou o seu acordo con esta análise, manifestando o seu apoio a tentar adecuar estas medidas á realidade galega.
Arquivo: Declaracións Ana Rodríguez
Mobilizacións agrarias conxuntas o vindeiro martes 20F en toda Galiza