
21/04/2009
Mariam Sissoko, Coordinadora en África da organización labrega internacional Vía Campesina, aboradará os impactos do cambio climático na agricultura
No marco da Semana Galega do Comercio Xusto, o Sindicato Labrego Galego colaborará coas organizacións Amarante e Verdegaia, na realización dunha xira na Galiza da dirixente campesiña Mariam Sissoko.
Na mañá de hoxe, a presidenta da CNOP -Coordinación Nacional de Organizacións Campesiñas de Mali- e coordinadora en África do movemento Vía Campesina, Mariam Sissoko, trasladou en rolda de prensa en Santiago de Compostela o seu apoio aos pequenos labregos se labregas da Galiza.
Asemade, sinalou a grande importancia que a agricultura ten tamén no seu país, Mali, onde un 80% da poboación se adica a esta actividade, sendo ademais as mulleres (que representan un 56% da poboación total) quenes asumen a meirande parte do traballo, ao que se lle engade o coidado da familia e a xestión dos fogares.
M. Sissoko salienteou as dificultades para acceder á auga coma unha das máis graves problemáticas das labregas e labregos de Malí, quenes malia a ser o 80% da poboación constitúen o estrato social con maiores dificultades económicas.
Baixo o título "Consumo responsable e Cambio climático", Mariam Sissoko abordará os impactos que o cambio climático supoñen na agricultura.
Sissoko debullará tamén o traballo que desde a CNOP e Vía Campesina se está facer a prol da loita pola soberanía alimentaria no continente, así como a necesidade de fomentar un medio rural vivo en confrontación ao modelo de produción e consumo capitalista.
***Mariam Sissoko dará conferencias nas principais vilas galegas entre o 21 e o 24 de abril.
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON Lídia Senra Rodríguez, Secretaria de Organización do SLG, Responsábel de Sectores Gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina e membro da Comisión Internacional de Mulleres da Rexión Europea (Vía Campesina) TLF: 609 845 861
|