Novas

  • María Ferreiro, Secretaria Xeral do SLG, na Comisión do leite: “Poderiamos estar ante outro caso de cártel de leite nesta última renovación dos contratos de abril”

    María Ferreiro, Secretaria Xeral do SLG, na Comisión do leite: “Poderiamos estar ante outro caso de cártel de leite nesta última renovación dos contratos de abril”

    • 17,Set 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • comisión do leite
    • Renovación de contratos do leite
    • Sector Lácteo
    • A Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro, lanzou dúas preguntas clave á Comisión especial do leite esta mañá no Parlamento. “Nesta situación de crise, cabe preguntarnos dúas cuestións: Que modelo de granxas queremos? Até onde estamos dispostas a perder e pechar granxas?”.

    • Mesas de negociación, o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, estudos públicos sobre os custos de produción, políticas públicas que garantan o relevo xeracional e a transición agroecolóxica, unha PAC ao servizo das producións galegas e poñer atención ao cambio climático e ás novas enfermidades para o gando, estas son propostas que o SLG presentou na Comisión.

    Compostela, 17 de setembro de 2026. A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG), a gandeira María Ferreiro, vén de comparecer na Comisión non permanente especial de estudo sobre os factores que inflúen sobre o prezo do leite en Galicia e a dificultade de aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria no sector do leite, esta mañá no Parlamento de Galicia. A gandeira comezou subliñando a relevancia do sector lácteo, en palabras da propia María Ferreiro, “un sector que ten tanta importancia e relevancia para Galiza e para a vertebración do tecido social, para as granxas que viven da produción pero tamén para toda a economía que se move arredor e que fai que moitos concellos non queden baleiros e despoboados”.

    Ferreiro destacou, ao inicio da súa intervención antes de afondar no sector lácteo e nas propostas do SLG, dous conceptos clave. En primeiro lugar, falou da alimentación, facendo alusión a que o dereito á alimentación está recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 como “dereito das persoas a alimentarse con dignidade, con alimentos sans e nutritivos”; e da soberanía alimentaria, entendido como “o dereitos dos pobos a definir as súas propias políticas agrícolas e alimentarias, priorizando a produción local e o acceso a alimentos saudábeis, concepto acuñado pola organización Vía Campesina -da que o SLG fai parte- en 1996, aproximando o sistema agroalimentario ás persoas e afastándose da especulación e poñendo no centro o dereito a alimentarse.

    As granxas galegas, en descenso

    Con eses dous termos na man, a gandeira de Curtis afirmou que “nestes últimos anos fomos vendo a desaparición continuada de granxas, no 2025 baixamos das 5.000 granxas produtoras de leite, cifra que era impensábel para moitas e moitos hai anos”. Aínda así, Galiza, segue sendo a rexión con maior produción do Estado español, supoñendo as granxas galegas o 42% das granxas de leite do Estado, e Galiza tamén unha das rexións máis importantes na produción a nivel europeo. Con todo, no lugar de termar das granxas vixentes, o que estamos vendo mes a mes é como a media do prezo do leite galego está como mínimo 2 céntimos por baixo do prezo estatal. Se imos, por exemplo, aos datos do mes de xullo, encontrámonos con que o prezo medio ponderado en Galiza foi de 44,38€ 100 litros sen IVE; o estatal 46,40€ 100 litros sen IVE; e por comparar cun territorio próximo, en Asturias 49,10€ 100 litros sen IVE. “Cómpre valorar as medidas adoptadas e facer propostas se queremos que Galiza siga sendo unha das rexións máis importantes na produción de leite, precisamos defender o sector lácteo e os sectores produtivos galegos”, aseverou Ferreiro.

    O sector lácteo: antecedentes

    A Secretaria Xeral do SLG fixo referencia a conflitos pasados do sector lácteo, como o acordo para a sostibilidade e estabilidade do sector lácteo, asinado en setembro de 2015 en Madrid, que o SLG non asinou; ou o paquete lácteo que trouxo, entre outras cuestións, contratos, obrigatoriedade e duración. “Xa dixemos no seu momento que a pesar de ser un avance, nos contratos faltaba falar das condicións do prezo e da negociación”, recordou. A continuación apareceu a figura das OPLs, “figuras que xa recoñeceron que non foron capaces de levar a cabo ningunha negociación que tivera consecuencias para as produtoras e produtores, a pesar de recibiren cartos públicos para poñelas en marcha”, engadiu.

    En 2020 presentouse en Galiza unha estratexia para o sector lácteo e, posteriormente, unha estratexia de dinamización do sector lácteo, onde a análise é clara pero carece de propostas que revertan o peche das granxas e o abandono do sector.

    Nestes últimos anos hai que falar tamén da conta láctea, “unha ferramenta na que tamén se inverteron cantidades importantes de recursos públicos que agardaba ser unha recollida de datos das granxas para ter obter resultados económicos”, lembrou a gandeira; e do cártel do leite, que xa está sendo avalado polos tribunais. “Poderiamos estar ante outro caso nesta última renovación dos contratos de abril de 2026”, salientou a Secretaria Xeral do SLG, aludindo á gravidade do momento actual e á vindeira renovación.

    A actual situación de crise

    María Ferreiro sinalou na súa intervención na Comisión especial do leite o momento de crise global no que nos atopamos na actualidade. “Vivimos nun contexto global cada vez máis inestable, de conflitividade de intereses, chegando a conflitos bélicos ou comerciais e vemos como a alimentación e os produtos labregos son unha moeda de cambio para os intereses comerciais e para as macroindustrias”, denunciou, aludindo á Guerra de Oriente Próximo e ao peche do Estreito de Ormuz, onde o prezo do gasóleo agrícola subiu un 45,6% dende febreiro até comezos de setembro, pasando de 0,96 €/litro a 1,40 €/libro. Neste contexto, “o sector lácteo e os restos de sectores produtivos saen perdendo cos incrementos dos custos de produción e pola gran dependencia dos insumos externos o que fai que os proxectos labregas vaian desaparecendo”.

    A Secretaria Xeral do SLG lanzou dúas preguntas clave á Comisión. “Nesta situación de crise, cabe preguntarnos dúas cuestións: Que modelo de granxas queremos? Até onde estamos dispostas a perder e pechar granxas?”.

    Nese senso, resaltou o importante que é a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria, para termos estudos e análises de custos de produción -que xa existen noutras comunidades como Andalucía ou o País Vascos- coa suficiente antelación para que estes poidan ser tidos en conta nos sucesivos contratos. A Lei da Cadea Alimentaria foi un dos avances imprescindíbeis para o sector gandeiro, e que no SLG sempre pedimos o seu cumprimento. “Para nós como persoas produtoras é importante unha lei que recoñeza que se ten que manter a cadea de valor e que non podemos vender por baixo dos custos de produción, algo que cando o reivindicamos no SLG se nos dicía que era imposíbel”, exclamou Ferreiro, subliñando que a día de hoxe faltan ferramentas que protexan ás gandeiras e aos gandeiros e que se vele polo cumprimento desta Lei, tan necesaria.

    Vinculado co cumprimento dos custos de produción, María Ferreiro falou da relevancia de darlle continuidade ás mesas de negociación, onde estean representadas a parte produtora, as industrias e a distribución, e que sexa unha mesa de diálogo que faga un seguimento e actúe polo cumprimento da cadea de valor, onde todas as partes gañen ou asuman riscos na mesma medida.

    Propostas do SLG para o sector lácteo

    A continuación, a Secretaria Xeral do SLG expuxo as propostas da organización para salvagardar o futuro das granxas galegas. Precisamos unha identificación clara na etiquetaxe, apostando polo produto galego e local; o cumprimento do paquete lácteo, garantindo estabilidade dos contratos; apoio público e administrativo ás iniciativas de transformación e comercialización directa e para poder facer unha comercialización o máis directa posíbel sen intermediarios; apoio público real que garanta o relevo xeracional; mantemento do PIAR 2 da PAC e que Galiza defina as prioridades que ten en canto a esta Política Agraria Común. Doutra banda, índonos aos datos do SAU, vemos como a dispoñibilidade de terras diminuíu en todas as provincias galegas. Galiza nas últimas tres décadas perdeu 265.000 has de SAU e dende o 2005 -120.000 HAS. “Neste momento estamos por debaixo do ¼ de superficie como SAU”, esclareceu Ferreiro. Por todo iso, cómpre activar de maneira inmediata:

    – Mesas de negociación

    – Cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

    – Estudos públicos claros sobre os custos de produción

    – Políticas públicas que garantan o relevo xeracional, que apoien as iniciativas dos mercados locais, as iniciativas de transformación e comercialización.

    – Unha PAC ao servizo das producións galegas con presuposto sólido, garantido, non rexionalización e mantemento do segundo PIAR.

    – Políticas públicas que garantan a transición agroecolóxica para unha gandaría e agricultura máis resiliente.

    – Poñer atención no cambio climático e nas novas enfermidades para o gando.