MANIFESTO DA CONCENTRACIÓN CONTRA A VESPA VELUTINA (LUGO)

11/10/2023

MANIFESTO DA CONCENTRACIÓN CONTRA A VESPA VELUTINA (LUGO)

Reproducimos o Manifesto lido esta mañá, por persoal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, diante da Xunta de Galicia, en Lugo, solicitando con urxencia un plan de loita contra a Vespa Velutina.

Hai máis dunha década chegounos á Galiza outra praga da man da globalización e de todas as prácticas que promoven as institucións públicas para beneficio das grandes corporacións e que son totalmente contrarias á produción labrega e local: A Vespa velutina nigrithorax. A pesares de estar clasificada como “especie exótica invasora” no estado español, dende a Xunta de Galicia, lonxe de asumir as competencias que ten atribuídas nesta materia, non houbo ningún movemento significativo para o control desta especie. A velutina adaptouse perfectamente ás condicións do territorio galego e expándese sen control, constituíndo unha ameaza importante para distintos ámbitos da nosa vida cotiá: En primeiro lugar supón unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, de froita e de viño. Cando hai unha gran presenza de avespas, a froita e a uva sofren danos importantes quedando inservibles para a comercialización ou a transformación. Nos apiarios, as colmeas colapsan chegando a mortandades moi elevadas, que fan inviable a continuidade dos apiarios. E chegando a poñer en perigo a incorporación de persoas mozas á actividade agraria. Tamén é un grave perigo para a saúde das persoas debido á alta presenza de niños, especialmente en núcleos de poboación, aparecendo incluso dentro das vivendas ou nas súas inmediacións.

No aspecto laboral o risco é plausible dende hai anos, tanto nos traballos forestais como nos agrícolas. Complicando en gran medida a realización de certas tarefas durante o verán e o outono. A nivel medioambiental a afectación non é menor producindo unha diminución drástica na biodiversidade, por predación de algunhas especies de insectos e por competencia polo nicho ecolóxico con outras moitas. Ante todo isto, a Xunta de Galicia optou por quedar de brazos cruzados tentando botar responsabilidades sobre outras administracións. Asinou convenios cos concellos para a retirada dos niños, pero sen dotación dos recursos necesarios. E tivo un papel moi residual no financiamento e promoción da investigación científica.

Durante todos estes anos, por medio de distintas organizacións e plataformas, foron trasladadas ó Goberno galego as necesidades en torno a este tema, chegando tamén ao Parlamento de Galicia sen que tivese a máis mínima repercusión. Neste tempo o desleixo da administración e o abandono sufrido polas persoas produtoras fixo xurdir numerosas propostas para a diminución da presión das avespas nos apiarios. Con moitas luces e sombras no proceso. Un proceso que tería sido moito máis efectivo se existise un protocolo de loita elaborado mediante a coordinación da Xunta de Galicia coas organizacións agrarias, as universidades e as distintas administracións involucradas.

Neste 2023, o Sindicato Labrego Galego xa avisou á Xunta de Galicia que ía ser un ano de gran expansión da Vespa Velutina. Xa que “os abelleiros e abelleiras detectaron unha elevada presenza de velutinas na súa rede de trampeo primaveral. Este elevado número de raíñas na primavera e a presenza tan temperá nos apiarios, facía presaxiar que sería un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de Vespa velutina, con consecuencias que poden ser devastadoras”. Isto foi trasladado á Consellería de Medio Ambiente á Consellería do Medio Rural en sendos escritos, onde se enumeraban as nosas propostas e se solicitaba unha xuntanza de urxencia.

Ademais foi exposta a situación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 19 de xuño e no Consello Forestal de Galicia do día 23 de xuño. Lonxe de escoitar as demandas da sociedade, a situación continuou a agravarse. Por parte da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda, que é quen obstenta as competencias na materia, nin sequera se dignaron a contestar. Dende a Dirección Xeral de Gandeiría, derivaron as responsabilidades no control da Vespa velutina á citada Consellería de Medioambiente e á Secretaría xeral técnica da Vicepresidencia segunda a través da empresa SEAGA. No tocante ó Progama de vixiancia e control fronte á velutina, ademais de suprimir a atención persoalizada na recepción telefónica dos aviso, podemos constatar que a retirada dos niños se estivo a producir con alomenos 2 meses de retraso dende que se producía o aviso. Debido en boa parte ó pouco persoal contratado, quedando as persoas traballadoras en situación de precariedade, cun gran número de niños sobre os que actuar diariamente en longas xornadas de traballo.

Cabe preguntarlle á Xunta de Galicia que sae máis económico, dotar de orzamentos para esta tarefa ou mobilizar os dispositivos de urxencias para a atención sanitaria e as hospitalizacións? Ou podemos incluso cuestionar canto vale para eles unha vida humana? Por todo isto demandamos que a Xunta de Galicia asuma as competencias na loita contra a Vespa velutina nigrithorax.

E esiximos:

- Que se elabore un Plan galego para a detección control e/ou erradicación da Vespa velutina nigrithorax.

- Que se fomente a investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da Vespa velutina nigrithorax na Galiza. Así como das ferramentas de trampeo, tipos de trampas e atraíntes, máis efectivas e menos perxudiciais para outras especies.

- Que se priorice o trampeo e a actuación anticipada sobre os niños primarios, fronte á retirada de niños secundarios. Que se estableza un protocolo e un plan coordinado coas distintas consellerías, a FEGAMP e os concellos.

- Que se dote de recursos suficientes para a retirada de niños secundarios.

- Que se habiliten axudas específicas para a prevención dos ataques nos apiarios, para minimizar as perdas de produción polo ataque do tártago (Vespa velutina nigrithorax).

- Que se prevea a posibilidade de habilitar axudas polas perdas ocasionadas por esta especie, no caso de ser necesarias.

- Que se consideren as baixas ocasionadas pola Vespa velutina nigrithorax como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas “Axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria”, como nas “Axudas Agroambientais da PAC”.

Basta Xa!! Velutinas nunca máis!!

(Enlace á lectura no vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=2P2ZbVQHkJ4&t=300s)