Novas

  • Mañá o SLG está convocado ao Consello Agrario Galego en Compostela, onde se someterá a aprobación final un acordo arredor da nova PAC

    Mañá o SLG está convocado ao Consello Agrario Galego en Compostela, onde se someterá a aprobación final un acordo arredor da nova PAC

    • 19,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • A convocatoria terá lugar mañá 20 de febreiro ás 10h no Edificio EGAP da Xunta de Galicia (Escola Galega de Administración Pública) en Santiago de Compostela.

    • Postura do Sindicato Labrego Galego ante a proposta de acordo do Consello Agrario Galego no marco da proposición da comisión europea para a nova PAC (2028-2034).

    Galiza, 19 de febreiro de 2026. No pasado mes de xullo deuse a coñecer por parte da Comisión Europea o borrador da nova Política Agraria Común (PAC) máis alá de 2028. A proposta tradúcese en menos orzamentos (20% de recorte sen ter en conta a inflación que podería situar o recorte arredor do 31%), ningunha ferramenta para a regulación dos mercados que permita garantir prezos agrarios dignos e reducir a dependencia das axudas as granxas -as axudas seguen orientadas á terra non ás persoas que producen alimentos- así como o desmantelamento da política agraria común da UE coa supresión dos dous piares e a inclusión da PAC nun fondo multisectorial que fará que se compita con outros sectores por recursos económicos. Ademais, o risco á renacionalización da PAC traerá unha competencia á baixa entre os Estados membros aumentando as desigualdades entre agricultoras segundo o país onde vivan.

    Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos que esta proposta aceleraría aínda máis a desaparición de pequenas granxas agrícolas que son esenciais para a soberanía alimentaria europea, para un modelo de agricultura diversificado e para manter un medio rural vivo.

    Neste contexto, nunha xuntanza convocada pola Consellería do Medio Rural co SLG-CC.LL, UUAA , ASAGA e Cooperativas a finais de xullo para tratar como afectaba esta proposta da PAC á Galiza, dende o SLG-CC.LL propuxémoslle a Consellería do Medio Rural crear un grupo de traballo específico sobre a PAC dentro do Consello Agrario Galego para traballar unha postura conxunta que trasladar á Comisión Europea e, así, tentar frear un recorte tan dramático para o noso país e traballar por unha PAC máis xusta.

    A idea da creación deste grupo de traballo por parte do SLG-CC.LL, é tamén, para dotarnos como organización dun espazo onde trasladar á administración as nosas demandas como persoas labregas e poder ser escoitadas neste proceso. As persoas produtoras non poden ser excluídas deste tipo de decisións. Finalmente o Consello Agrario do 16 de xaneiro de 2026 aprobou a creación deste grupo de traballo en base a un texto previo. A comisión, constituída polo Director Xeral do FOGGA, a Subdirectora Xeral do FOGGA e un representante de cada organización agraria (SLG-CC.LL, UUAA e ASAGA), reuniuse poucos días despois para traballar un acordo previo que será aprobado polo Consello Agrario deste 20 de febreiro e que se remitirá á Comisión Europea, ao Goberno do Estado e ao Parlamento Europeo para mostrar o rexeitamento conxunto á proposta de PAC feita pola Comisión Europea en xullo e a proposta de modificación feita en novembro.

    Que di a proposta de acordo conxunto do Consello Agrario?

    Ante as distintas posturas que existen entre as organizacións asinantes e a propia Consellería do Medio Rural respecto á PAC, o noso obxectivo dende o SLG-CC.LL foi en todo momento acordar un texto que permitira rexeitar a totalidade da proposta feita polo Consello Europeo e asinar un rotundo rexeitamento dende Galiza ao novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 onde se incluiría a futura PAC.

    Tras o debate, o texto que se vai presentar no Consello Agrario do 20 de febreiro de 2026 recolle:

    1- Traballar conxuntamente na defensa dos intereses do sector agrario e do rural galego ante a nova proposta da PAC posterior a 2027.

    2- Rexeitar a redución orzamentaria proposta do montante dedicado á PAC para o novo período.

    3- Desaprobar o desmantelamento do actual modelo da PAC baseado en dous piares.

    4- Rexeitar este novo modelo que creará diferenzas entre os Estados membros e rexións ao deixar en mans dos gobernos as cantidades de fondos e porcentaxe de cofinanciamento destinados ás axudas da PAC.

    5- Demandar unha PAC máis baseada na promoción da actividade agraria, concibida como un apoio á renda das persoas que realicen efectivamente unha actividade agraria, rexeitando que continúe cimentándose nun sistema baseado en superficies e dereitos históricos.

    6- Esixir ao goberno o compromiso de que as melloras propostas pola Comisión Europea para o financiamento da PAC (reforma intermedia) que teñen carácter opcional para os Estados membros sexan implantadas no Estado español polo importe máximo permitido.

    7- Insistir na necesidade da autoxestión rexional do programa de axudas, e que estes poidan ser adaptados á nosa realidade.

    POSTURA DO SLG ANTE O TEXTO PROPOSTO Á VOTACIÓN NO CONSELLO AGRARIO DO 20 DE FEBREIRO DE 2026

    Ante o texto formulado e despois dos debates que se deron no grupo de traballo impulsado por petición do SLG-CC.LL analizamos que:

    1- Actualmente o que temos enriba da mesa é unha proposta da Comisión Europea formada por membros do Partido Popular Europeo (PP) e os Socialdemócratas (PSOE) moi prexudicial para os intereses das granxas galegas e que comprometen a súa viabilidade no futuro próximo, non respondendo ás necesidade das mesmas. É, por tanto, un obxectivo do SLG-CC.LL mostrar en Europa un rexeitamento amplo das granxas galegas a esta proposta, darlle visibilidade á nosa situación particular e amosar o malestar xeral que esta xera. O texto debatido no grupo de traballo amosa o rexeitamento de todas as asinantes á proposta feita dende Bruxelas e pode axudar a modificar a postura da Comisión Europea, aínda así somos conscientes que este acordo só ten validez para mostrar o rexeitamento nesta fase de negociación onde se está a debater a nivel de Bruxelas sendo necesario profundar no futuro como imos desenvolver estes puntos aquí.

    2- O texto recolle de forma xenérica algunha das demandas históricas do SLG-CC.LL e da Vía Campesina Europa (ECVC) como a recollida no punto 5 da mesma, abrindo a posibilidade de camiñar cara a unha PAC que estableza unha verdadeira axuda á renda xunto coa promoción e protección da actividade agraria e das persoas que realmente habitamos o territorio e producimos alimentos. Nestes primeiros momentos é, para nós, un paso importante que se recoñeza, a nivel global, que a PAC non protexe ás persoas produtoras de alimentos nin é, actualmente, un sistema vantaxoso para as nosas granxas. Este punto ábrenos a posibilidade no futuro de loitar porque os pagos ás granxas sexan unha verdadeira axuda á renda das persoas titulares e a PAC serva para garantir uns prezos dignos e unha renda digna, aínda así temos que ter claro que o texto proposto só é un inicio.

    3- Por último, o texto formulado ábrenos a porta a traballar por acadar unha PAC onde os Estados e as rexións pesen máis nas decisións e como aplicar as políticas agrarias no seu territorio. O texto abre a posibilidade a que Galiza teña un maior peso en decidir como se aplica esa PAC no seu territorio.

    4- Aínda entendendo que este acordo entre a Consellería do Medio Rural, SLG-CC.LL, UU.AA e ASAGA é coa idea de facer chegar o malestar do sector agrogandeiro galego á Comisión Europea, para o SLG-CC.LL é o punto de inicio que debe guiar a implantación da PAC no noso país, e polo tanto, asinar este texto para remitir á Comisión Europea e ao Goberno español, non é un cheque en branco para a Consellería do Medio Rural, senón que ten que ser un compromiso de seguir a desenvolver estes puntos que consideramos vantaxosos para as granxas galegas e que necesitan ser traballados para materializalos en cuestións reais que se trasladen as granxas. Polo tanto a nosa sinatura ante o presente acordo está supeditada a un compromiso en firme de que a Consellería do Medio Rural siga á traballar neste grupo de traballo e desenvolver as propostas iniciais en medidas concretas.

    En Santiago de Compostela, a 18 de febreiro de 2026.

    A Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.

    Descarga aquí: 

    POSTURA DO SLG – PAC