Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), denunciamos unha vez máis que as axudas publicadas para paliar os danos provocados polos incendios son insuficientes para o sector apícola e ademais está pouco clara a súa tramitación.
Á hora de acudir ás oficinas de tramitación, apicultores e apicultoras afiliados ao SLG trasladaron unha serie de dúbidas que non puideron ser resoltas polo persoal da administración.
Galiza, 16 de setembro de 2025. A gran vaga de lumes forestais deste ano afectou gravemente á apicultura galega. Colmeas queimadas, perda de áreas de pecoreo, movemento forzado de colmeas cara a outros asentamentos ou esmelga anticipada son algunhas das consecuencias desta catástrofe ambiental no sector apícola. Todo isto compromete a viabilidade dos abelleiros e abelleiras, xa que, para moitos deles, esta é a súa única fonte de sustento e, para outros, unha parte esencial dos seus ingresos.
Mentres esta é a realidade no sector, desde a Xunta de Galicia publicouse a Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025 (códigos de procedemento MR616A e MR616C). Esta Orde, ademais de ser insuficiente tras o acontecido, como xa denunciamos anteriormente desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), tamén levantou dúbidas entre os apicultores e apicultoras afiliados ao SLG á hora da súa tramitación.
Á hora de tramitar as axudas publicas na Orde do 29 de agosto de 2025, os apicultores e apicultoras afiliados ao SLG trasladan unha serie de cuestións que non puideron ser resoltas polo persoal da administración e que, nalgúns casos, deron lugar mesmo a información contraditoria en distintas dependencias.
Á hora de tramitar as axudas publicas na Orde do 29 de agosto de 2025, os apicultores e apicultoras afiliados ao SLG trasladan unha serie de cuestións que non puideron ser resoltas polo persoal da administración e que, nalgúns casos, deron lugar mesmo a información contraditoria en distintas dependencias.
En primeiro lugar, existe unha evidente falta de claridade no relativo ao orzamento, xa que se descoñece o importe habilitado para cada liña de axuda e non hai garantías de que a partida destinada á apicultura non quede reducida dentro da prevista para gandería. Tamén xorden dúbidas arredor da xustificación do gasto, se a resolución de adxudicación reduce de maneira significativa o importe solicitado.
No caso da axuda para alimentación, resulta problemático determinar o número de colmeas, pois moitas delas tiveron que ser trasladadas desde os apiarios orixinais para evitar que arderan. Non ten sentido obrigar a devolvelas a zonas afectadas, xa que moitas presentan danos e a vexetación está arrasada en quilómetros á redonda.
Do mesmo xeito, é necesario aclarar como se considerará a zona de afectación no relativo á área de pecoreo, tendo en conta que as abellas se desprazan nun radio aproximado de tres quilómetros arredor do apiario.
Ademais da falta de claridade e información á hora de tramitar as axudas, desde o SLG denunciamos tamén que a Orde resulta insuficiente para atender ás necesidades específicas da apicultura. En primeiro lugar, porque é imprescindíbel habilitar unha liña propia para o sector, dotada dun orzamento que garanta a cobertura das súas necesidades reais.
A Orde resulta insuficiente para atender ás necesidades específicas da apicultura.
No que respecta á perda de produción, a realidade é que nas zonas afectadas polo lume a flora non se recuperará, como mínimo, ata dentro de tres anos, nun grao suficiente para permitir a alimentación das abellas e a produción de mel e doutros produtos da colmea. A esta situación engádese o desprazamento forzoso das colmeas cara a outros asentamentos, o que incrementa a presión sobre esas áreas e reduce aínda máis a dispoñibilidade de recursos, coa conseguinte diminución da produción e mesmo co risco de perda de poboación.
En relación coa axuda para alimentación, a súa limitación a seis meses é claramente insuficiente. Mesmo se se ampliase, non sería viábel manter as colmeas durante un período tan prolongado unicamente con alimentación artificial, e resulta totalmente inviábel producir mel a partir desta base. Ademais, o desprazamento forzado de colmeas, provoca unha sobrecarga noutras áreas e apiarios, o que dificulta a alimentación nesas zonas porque non hai comida suficiente para todas as colmeas.
Por todo isto, faise imprescindíbel acordar unha solución que permita aos apicultores e apicultoras manter vivas as súas colmeas durante este tempo crítico, evitando que se vexan obrigados a pechar a súa actividade económica.
Por todo isto, faise imprescindíbel acordar unha solución que permita aos apicultores e apicultoras manter vivas as súas colmeas durante este tempo crítico, evitando que se vexan obrigados a pechar a súa actividade económica.
Por todo isto, solicitamos á Consellería do Medio Rural que se aclaren as cuestións relativas á Orde de axudas publicada no DOG, co fin de garantir maior seguridade ás apicultoras e apicultores na tramitación das mesmas. Así mesmo, pedimos que se teñan en conta as especificidades do sector apícola para habilitar axudas adaptadas que minimicen as consecuencias dos lumes e eviten o peche dos apiarios. Finalmente, reclamamos a convocatoria dunha xuntanza coa Consellería para tratar directamente todas estas cuestións.