Novas

  • Lugo acolleu a presentación do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía ‘A agroecoloxía é o relevo’ que chegará a Mondoñedo o 7 e o 8 de febreiro

    Lugo acolleu a presentación do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía ‘A agroecoloxía é o relevo’ que chegará a Mondoñedo o 7 e o 8 de febreiro

    • 30,Xan 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Agroecoloxía
    • DEPUTACIÓN DE LUGO
    • FORO LABREGO AGROECOLOXÍA
    • mondoñedo
    • soberanía alimentaria
    • O encontro está organizado polo Sindicato Labrego Galego e conta co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

    • Aberta a inscrición do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía no seguinte enlace: https://forms.gle/w5Rp3tXbDPi4w1G68

    Lugo, 30 de xaneiro de 2026. Esta mañá o Salón de Actos da Deputación de Lugo acolleu a presentación do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía, titulado ‘A agroecoloxía é o relevo’, que terá lugar o 7 e 8 de febreiro no Pazo de Santomé en Mondoñedo. O encontro, organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, contará con palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos.

    A gandeira, produtora de faba de Lourenzá e integrante da Executiva e Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane; xunto a Irea Blanco Rodríguez, moza integrante da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego que vai a coller o relevo na granxa da súa familia Casa Bértolo en Friol -granxa de vacún ecolóxico con produción de leite e elaboración de queixo do do país-; o deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Daniel García Fernández; e o concelleiro do Concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, participaron na rolda de prensa de presentación.

    Rolda de prensa Foro Labrego 2026 2

    O relevo xeracional no centro

    Dende a área de Medio Rural e Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos a colaboración co Sindicato Labrego Galego hoxe máis que nunca, tras a ameaza directa que supón o acordo UE-Mercosur para o sector primario galego, xa que calquera tratado comercial debe priorizar os dereitos das persoas labregas e a soberanía alimentaria por riba dos intereses comerciais”, comezou destacando o deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Daniel García Fernández.

    A temática do relevo xeracional debe ser prioritaria no deseño das políticas de desenvolvemento rural e na aplicación transversal das políticas activas encamiñadas a frear a ameaza presente e futura da crise demográfica da provincia de Lugo”, fixo fincapé, incidindo, ademais, na importancia de promover este tipo de foros de debate, co obxectivo de ampliar e reforzar a rede de entidades do ámbito agrario que promoven a sostibilidade e a produción de alimentos saudábeis e de calidade.

    Orgullo, compromiso, respecto, gratitude e servizo son palabras coas que queremos despedir esta benvida, palabras que definen a toda a xente do rural”, resaltou García Fernández.

    Pola súa banda, a gandeira, produtora de faba de Lourenzá e integrante da Executiva e Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, iniciou a súa intervención destacando a presenza na presentación do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía de Irea Blanco Rodríguez, moza integrante da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego que vai a coller o relevo na granxa da súa familia Casa Bértolo en Friol. “A presenza de Irea hoxe aquí é enormemente simbólica porque representa unha mocidade que se está formando e unha mocidade que quere construír o seu futuro no medio rural, estes dous elementos son para nós fundamentais”.

    Rolda de prensa Foro Labrego 2026 3

    Un programa diverso e necesario

    Vilalba citou a enorme cantidade de granxas que están pechando nestes últimos anos e o pouco relevo xeracional existente para elas. “O problema do relevo xeracional é un dos eixos centrais que temos neste momento, por iso quixemos reunir a voces que están traballando nesta temática dende distintos ámbitos. Dende a academia, temos a profesoras como Mar Pérez Fra ou Guillermina Fernández que son grandes expertas na cuestión do relevo xeracional”, subliñou, destacando tamén a importancia da cuestión formativa no relevo xeracional. “Contamos con persoas tanto do ámbito da universidade como persoas que veñen da formación profesional agraria, temos persoas que veñen dos servizos de extensión agraria que son servizos que deben ter un papel fundamental no futuro e temos espazos innovadores, como os Espazos Test Agrarios. Tentamos que estiveran presentes tanto a academia como os GDR, que están tendo iniciativas como o proxecto Nó Rural, que apoia o relevo xeracional”, explicou a labrega.

    Mondoñedo, lugar emblemático

    Na programación do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía escoitaremos tamén a experiencia de persoas que deron o paso a iniciarse en proxectos agroecolóxicos, tanto de produción de carne, de leite e de horta. Nese senso, a gandeira da Mariña resaltou a relevancia do lugar onde vai ter lugar a oitava edición do Foro. “Mondoñedo é un lugar que é absolutamente emblemático do potencial que a horta ten en Galiza, ten unhas características biofísicas e de terreo imprescindibles”, apuntou.

    Nese senso, o concelleiro Eloi Cabanas agradeceu tanto ao Sindicato Labrego Galego como á área de Medio Rural da Deputación de Lugo o feito de ter escollido Mondoñedo para realizar estas xornadas. “Cando falamos de medio rural falamos de tres patas, que é o sector agrícola, gandeiro e forestal, pero para que esa mesa se sostente é necesario que haxa un relevo xeracional, o título que levan estas xornadas está moi acaído”, dixo, á vez que animou á toda a cidadanía a participar neste Foro que vai poñer en valor a agroecoloxía como solución a moito retos que temos presentes hoxe en día.

    Rolda de prensa Foro Labrego 2026 4

    A agroecoloxía é o relevo

    Isabel Vilalba mencionou tamén que para o Sindicato Labrego Galego a agroecoloxía é unha saída a moitos dos problemas que estamos na actualidade, como é facilitar un ámbito para incorporar a mozos e mozas, como dar resposta a un reto que é achegar alimentos saudábeis, locais e de temporada á maioría da poboación, como dar unha resposta a cuestións que temos hoxe como problemas enerxéticos, longas cadeas de distribución alimentaria, a ameaza de tratados como o de Mercosur, e a xestión do territorio, e como seguir tendo un territorio ordenado diante de ameazas como pode ser os incendios do verán, entre outras cuestións.

    Irea Blanco Rodríguez, exemplo de relevo xeracional no medio rural, comentou que proximamente se vai incorporar á granxa familiar Casa Bértolo en Friol. “Vou estar incorporada proximamente á terceira xeración feminina na casa, unha granxa de leite ecolóxico con transformación en queixos do país”.

    “A agroecoloxía para nós, como di o lema deste foro, é o relevo, e loitamos pola soberanía alimentaria. Na nosa casa, en concreto, desde pequeniña tratou de facérsenos a min e á miña irmá atractivo vivir no rural e poder traballar nel, loitar polo acceso á terra e por produtos saudábeis”, defendeu Blanco, facendo tamén referencia á importancia da agroecoloxía como a mellor ferramenta para loitar contra a emerxencia climática que afecta a todo o planeta.

    Rolda de prensa Foro Labrego 2026 5

    PROGRAMACIÓN DO VIII FORO LABREGO DE AGROECOLOXÍA

    Sábado 7 de febreiro

    A programación abrirase ás 11h horas do sábado 7 de febreiro coa visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo). Logo dun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo, ás 15:30h terá lugar a abertura do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía a cargo de Isabel Vilalba Seivane, labrega da Mariña e integrante da Executiva Nacional do SLG-CCLL; e de Daniel García Fernández, deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

    Tras esta benvida inicial, Vidal Martínez Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, intervirá na mesa ‘Benvida ao territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda’, á que seguirá o coloquio ‘Relevo Xeracional: Situación actual e respostas políticas’ (16h), onde afondaremos no contexto socioeconómico do relevo xeracional no territorio galego da man de Xosé María García Vilaverde, labrego e membro da Executiva Nacional do SLG; Mar Pérez Fra, doutora no Departamento de Economía Aplicada da USC; Programa Terractiva – Guillermina Fernández Villar, investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC; Proxecto Nó Rural – Miguel Teixido Sotelo do GDR Seitura 22, entre outros.

    Ás 18:30h será a quenda da palestra ‘A formación que fomenta o relevo xeracional’, a cargo de Alba Vázquez Lema, docente de agroecoloxía de Formación Profesional acompañada de alumnado; Laura Megias Garriga, da Rede estatal de Espazos Test Agrarios; Eva López Quiroga, do Espazo Test Eoalimenta; e Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural. A primeira sesión do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finalizará ás 21h cunha cea agroecolóxica no seminario.

    Domingo 8 de febreiro

    A segunda xornada do Foro inaugurarase o domingo 8 de febreiro ás 10h con Habelas Hainas: Experiencias de éxito no Relevo Xeracional’, onde participarán a finca As Fadegas T.C, proxecto de hortalizas e froita (Ribadeo- Lugo); Refol S.C, proxecto de vacún de carne (Xermade- Lugo); e Casa Codesal S.L, proxecto de vacún de leite (Friol-Lugo). Despois dun breve descanso, David González Sánchez falaranos da súa experiencia en Sustraiak, no marco da mesa ‘O papel da Agroecoloxía no Relevo Xeracional’ (11:15h); á que proseguirá Pensando o relevo desde a organización’ (12h), espazo facilitado con REXENERANDO SCG e que levará ao peche do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía cun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo.

    Programa VIII Foro Labrego de Agroecoloxía