10/11/2023
Leite Río segue reafirmándose nos seus ataques e desprezo polo sector produtor
Trasladamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas as nosas consideracións ao respecto da carta aberta feita pública onte pola Sra. Carmen Lence a través do seu perfil nun portal de emprego.
Primeiro- Ao mesmo tempo que Carmen Lence facía actos nos que afirmaba o seu recoñecemento ás mulleres gandeiras, as granxas estaban a recibir propostas de baixadas de prezo de Leite Río.
Segundo.- Que aínda que hai uns meses a propia Carmen Lence (aí está a hemeroteca) declarou que o leite nas granxas tiña que manterse ou subir, o leite pagado ás gandeiras e gandeiros galegos estivo baixando de prezo continuamente, tamén ás persoas gandeiras que lle venden a Leite Río.
Terceiro.- Que estivo sendo das empresas máis agresivas en tirar para abaixo os prezos de cesión do leite á distribución, e polo tanto ao final da cadea dos ingresos das gandeiras e gandeiros.
Cuarto.- Que a aposta de Leite Río pola marca branca ten sido nefasta para as gandeiras e gandeiros galegos. Ao final supuxo unha competencia por tirar os prezos do leite á baixa, romper a fidelidade dos consumidores a marcas nas que estaba máis clara a orixe e condicións de produción. O leite UHT e a marca branca de distribución facilita meter leite de outros países e enganar ao consumidor.
Quinto.- Que entendemos que, como di, a súa filosofía como empresaria é obter os máximos beneficios para empresa, pero non para "todos", pese ao que di.
Sexto.- Que hai meses que lle pedimos unha entrevista, pero que non foi posible. Que nunca dixemos que houbo ningunha negociación con Leite Río porque niso cremos que ten razón. Leite Río, como en xeral a industria láctea, impón prezos e condicións unilateralmente, coa pasividade da administración.
Séptimo.- Que nos parece que non casa moi ben envolverse na bandeira galega e ser das empresas que máis incidencia ten en baixar os prezos do leite ás gandeiras e gandeiros galegos, e por conseguinte no peche de granxas.