LeiAcompañamento

18/11/2024

Lei de Acompañamento: roubar dereitos á cidadanía para outorgar privilexios ás empresas extractivas

O PPdG leva dende fai anos modificando lexislación para favorecer a explotación de bens comúns por empresas privadas. Achegamos documento de análise das modificacións impostas a través desta Lei elaborado polo Sindicato Labrego Galego

Na mañá de hoxe a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Margarida Prieto Ledo; acompañada por Brais Álvarez, da Executiva Nacional do SLG; Xosé Pérez do servizo xurídico do SLG e Xosé Ramón Cendán (asesor da Executiva Nacional do SLG), trasladaron en rolda de prensa en Santiago de Compostela unha análise da proposta de Lei de Acompañamento que aprobada pola Xunta de Galicia e que, entre outros aspectos, reduce a participación cidadá en cuestións de máxima actualidade no noso país, como a oposición social á invasión de proxectos industriais e contaminantes espoliadores de recursos naturais no noso medio rural -eólicos, minas, celulosas, etc.-.

En primeiro termo cómpre lembrar que Galiza ten a menor superficie agraria útil (SAU) de todo o Estado -só un 21%, fronte á media estatal do 45,8%-, polo que é especialmente importante non só evitar agrandar esta carencia, senón tamén facilitar que poda ser ampliada esta porcentaxe, acadando alomenos un terzo de SAU. Sen embargo, os cambios introducidos nesta Lei van no sentido totalmente contrario, favorecendo mesmo que terreos que a día de hoxe son agrarios podan ter outro tipo de usos en función do que decida a Administración nese momento, relegando unha cuestión tan sensíbel como é a produción de alimentos e, nomeadamente, a nosa soberanía alimentaria, a un segundo plano.

É polo tanto necesario que se reflicta expresamente no texto que se salve a protección para uso agrícola e gandeiro dos terreos que teñan aptitude produtiva ou vocación agrícola. Igualmente, no medio rural, en todas as agrupacións de casas ou núcleos, as masas forestais non deberían achegarse a menos de 500 metros. Estes 500 metros deben dedicarse a cultivos agrícolas e forraxeiros, froiteiras, e outros cultivos para a alimentación humana. Pode haber árbores caducifolias soltas, sempre que non se trate de masas forestais, particularmente de especies que sexan susceptibles de axudar a espallar o lume.

Canda a protección de terras agrarias cómpre tamén habilitar medidas que permitan que as persoas produtoras de alimentos se podan instalar no medio rural. Entendemos que tamén debería facerse un Plan especial con normativa específica para rehabilitar todas as vivendas abandonadas en núcleo rural e solo rústico/agrario, conminando aos propietarios/as a que as rehabiliten e se lles poida subvencionar coacordo de poñelas a disposición das persoas demandantes a prezo asequible ou establecer os mecanismos para que pasen a formar parte do patrimonio da Xunta de Galicia e ofertalas a prezo asequible, con especial atención a xóvenes que se queiran instalar na zona, e priorizando aqueles que se incorporen á actividades agrícolas e gandeiras ou os servizos esenciais para estas actividades e persoas que residen na zona.

Porén, a Lei de Acompañamento en absoluto ten en conta medidas destinadas a manter un medio rural vivo. Lexislación aplicable a cuestións tan significativas como a estrutura territorial agraria galega, política industrial, biotecnoloxía, vivenda e infraestruturas, minaría, patrimonio natural e cultural, polígonos industriais eólicos, montes, así como medidas excepcionais para adxudicar territorio a proxectos industriais son fortemente modificadas a través desta Lei de medidas fiscais e administrativas sen que teña existido un proceso participativo correspondente co calado que teñen estas modificacións. Estes cambios teñen a pretensión de liberalizar moitas das restricións ou trámites existentes, pero de xeito tan ambiguo que non se concreta o modo en que se van desenvolver.

A Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos da Xunta para 2025, unha vez máis cambia pola porta de atrás normativas sectoriais moi importantes que teñen un impacto no noso rural de moito calado, exemplos como a normativa en materia de minaría, eólica, forestal, ordenación do territorio, política social, etc.”, situou Margarida Prieto Ledo. “O goberno do Partido Popular continua nestes presupostos nunha carreira por facilitar as grandes empresas a súa implantación en calquera parte do territorio, tratando de eludir as proteccións que poidan existir respecto de diferentes elementos da natureza, o patrimonio, etc. En resumo: impoñendo que prácticas abusivas das empresas que a día de hoxe son ilegais, se convertan en legais”.

Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos hoxe o forte carácter antidemocrático evidenciado polo Partido Popular de Galicia na intencionalidade de aproveitar a súa maioría parlamentaria para modificar cuestións de base que rexen na actualidade os marcos de relación que deben respectar as empresas que queren desenvolver proxectos industriais no noso territorio.

Modificacións lexislativas desta trascendencia deben estar lexitimadas pola participación pública. Sen embargo, os cambios operados por esta Lei non contan cos informes dos organismos onde a cidadanía está representada, tales como o Consello Económico e Social (CES), o Consello Galego de Benestar Social (CGBS), ou o Consello Galego de Medioambiente e Desenvolvemento (COGAMADS), entre outros.

Por outra banda, en materia de biotecnoloxía, dende o SLG insistimos na necesidade de respectar o principio de precaución e, en todo caso, que as actuacións nesta materia teñan lugar dotando aos centros de investigación públicos de medios abondo para poder facer este traballo cas fincas labregas, especialmente de cara a desenvolver medidas fronte á emerxencia climática.

Ademais, xa no plano formal, esta lei transversal -que semella ter sido concibida como unha estratexia para impulsar o lucro empresarial en distintos ámbitos gubernamentais cun só movemento lexislativo- crea confusión e caos en todas as areas lexislativas, ao modificar articulado por separado en lugar de darse unha modificación da norma no seu conxunto e, polo tanto, un debate.

Aliás de restrinxir as funcións de órganos participativos da cidadanía, como sucede por exemplo co COGAMADS, a Lei de Acompañamento xa deixa ás organizacións sociais directamente fóra de espazos similares, creando por exemplo o Consello da Minaría de Galicia, un consello consultivo onde case están sos as empresas e a administración.

Nesta mesma liña, en canto á condición de Concellos Mineiros, as modificacións legais facilitan e flexibilizan a súa declaración. A finalidade é darlle máis puntos respecto de outros concellos en procedementos de concorrencia que dependan da Xunta de Galicia para diferentes actuacións e incluso favorecer a concesión de axudas a empresas ou particulares que desenvolvan a súa actividade nun concello destes. Dende o SLG consideramos que estes plantexamentos son, canto menos, problemáticos, e introducen elementos para determinar a distribución dos recursos públicos que lle dan á Administración maior marxe de discrecionalidade, o que supón un retroceso na xestión transparente dos recursos públicos.

Como é sabido, canda ao espolio mineral, a Xunta de Galicia leva anos favorecendo a instalación masiva de polígonos industriais eólicos. Nesta ocasión modifícase o Artigo 40 en canto á posible implantación en calquera categoría de solo, incluído tódalas categorías de Solo Rústico Protexido.

Fronte ao favorecemento normativo en materia de explotación de recursos naturais e destrución de patrimonio cultural e ecolóxico, dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos que en primeiro termo é necesaria a protección do solo e usos agrarios no territorio galego, de xeito que se poida garantir a produción de alimentos de calidade para a soberanía alimentaria de Galiza.

Considerando ademais que a base da economía galega reside nos proxectos sostibles do sector primario así como nas autónomas e pequenas empresas, debería protexerse todo este tecido produtivo fronte ó acaparamento por parte das grandes empresas, grupos financieros e lobbies de presión, en lugar de termos que padecer unha administración pública que se pon do bando de empresas privadas que se lucran a costa dos dereitos e calidade de vida da cidadanía.

Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2025