Isabel Vilalba

14/05/2024

Isabel Vilalba denunciará ante o Ministerio de Agricultura as estratexias de industrialización da IXP TG e solicitará a revisión dos protocolos do baleirado sanitario

Participación do SLG no Foro de diálogo da Gandería Extensiva convocado polo Ministerio de Agricultura o 16 e 17 en Toledo. Prezos, relevo xeracional ou a racionalización das cargas burocráticas das granxas familiares, entre as nosas demandas

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, participará os vindeiros 16 e 17 de maio no Foro de diálogo da Gandería Extensiva convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na cidade de Toledo.

“Dende o SLG imos porlle sobre a mesa ao Ministerio a importancia de rexeitar con contundencia iniciativas de intensificación da gandería extensiva, como por exemplo o cambio que se está promovendo na IXP Tenreira Galega Suprema, que obrigaría a acortellar os animais os últimos dous meses e finalizalos con concentrados, aínda tendo pastos e forraxes propios de extraordinaria calidade”, concreta Isabel Vilalba. “Outra cuestión fundamental que trasladaremos dende as gandarías galegas é a necesidade de revisar os protocolos e esgotar todas as medidas diagnósticas que eviten matar centos de animais sans en zonas declaradas libres de tuberculoses, o baleirado sanitario, como está pasa hoxe en día no noso territorio con casos tan graves como o da granxa de Manzaneda que vimos denunciando nestes últimos meses”.

Aliás, durante as súas intervencións ao longo deste Foro, o SLG e outras organizacións integradas na Coodenadora estatal de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) rexeitarán frontalmente a imposición do veterinario de explotación e do plan sanitario integral. Tal e como mantivemos durante todo o proceso de negociación co ministro Luis Planas, esta é unha medida que excede a normativa europea e que xeraría máis custos e burocracia para as persoas gandeiras sen achegar melloras ao coidado, sanidade e benestar dos animais. Unha prórroga da entrada en vigor da normativa que recolle estas obrigacións non é suficiente; esiximos a súa eliminación.

Ao longo destas dúas xornadas, denunciaremos nas mesas de traballo deste Foro a complicada situación na que se atopan as pequenas e medidas explotacións gandeiras en extensivo por mor da falta de prezos e ingresos, as problemáticas ao redor da xestión da sanidade animal, os matadoiros e a comercialización, así como os problemas de substitución xeracional e a incidencia da fauna salvaxe.

Cada ano, 1.550 persoas gandeiras en réxime extensivo vense obrigadas a botar o peche. Dende o ano 2006, o Estado español perdeu 21.946 explotacións de vacas nodrizas e 6.132 explotacións de ovino de carne. Con todo, en vacún en extensivo a media de animais por explotación aumentou un 32%.

Ao longo deste Foro reivindicaremos un modelo que incentive unha “gandaría con gandeiros/as” que defenda a nosa alimentación evitando que o futuro da gandaría extensiva quede nas mans de grandes empresas, macro-explotacións e fondos de investimento.

As políticas públicas e as estratexias comerciais das grandes empresas empuxan á gandería extensiva a un maior dimensionamiento e unha maior burocratización. Isto dificulta a adaptación das pequenas e/o medianas explotacións, de carácter maioritariamente familiar, ás novas esixencias e sitúa a toda a gandería extensiva no punto de mira dos fondos de investimento. En relación a iso, demandaremos as seguintes medidas en materia de rendibilidade, mercados e sanidade animal:

• As particulares condicións dos gandeiros e gandeiras de extensivo dos nosos territorios fan que a rendibilidade das súas explotacións se vexa ameazada. En particular, a daqueles que xestionan explotacións pequenas e/o medianas, de carácter maioritariamente familiar. Neste sentido, non se pode eludir a cuestión da redución das axudas da PAC, que, a día de hoxe, son un piar imprescindible en garantir a rendibilidade deste modelo de explotación.

• Rexeitamento á imposición do Veterinario de explotación e ao Plan Integral Sanitario.

• A sanidade animal debe ser compatible coa gandería extensiva. É necesario flexibilizar todo o posible a normativa estatal sen incumprir as esixencias internacionais. Tamén hai que valorar o risco de transmisión de determinadas enfermidades á gandería extensiva a través da fauna silvestre e cinexética.

• Débense recuperar as axudas ás Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) como alternativa aos veterinarios de explotación.

• Debe facilitarse a venda de produto desde as ganderías en réxime extensivo, e non só a venda de animais vivos: unha maior flexibilización de determinados requisitos para a produción e distribución dos produtos procedentes de gandería extensiva en circuítos curtos de comercialización axudaría a mellorar a rendibilidade das pequenas e/o medianas explotacións, de carácter maioritariamente familiar. Ademais, débese recuperar a rede de matadoiros públicos municipais e poñer en marcha unha rede pública de matadoiros móbiles, de maneira que se favoreza o acceso desde ganderías de todo o Estado, axudaría a reducir a dependencia doutros operadores e contribuiría a mellorar a propia comercialización dos produtos procedentes da gandería extensiva en circuítos curtos.

• As figuras de calidade (produción ecolóxica, DOPs ou IGPs) por si soas non son unha solución para mellorar a rendibilidade da gandería extensiva. Moitos gandeiras/as ven obrigados a vender produtos de alta calidade, amparados baixo estas figuras, a prezos que non remuneran o esforzo investido na súa produción (por inserirse nunha cadea de valor desigual que prexudica, sobre todo, aos pequenos e/o medianos gandeiros).

• É importante que as Comunidades Autónomas e o resto do Estado (a través de AICA), cada unha no ámbito das súas competencias, fagan cumprir a Lei da Cadea Alimentaria: débense adicar máis recursos económicos e humanos para iso, aumentar as actuacións de oficio para o control e sanción e mellorar a coordinación efectiva entre as devanditas autoridades competentes.

• Rexeitamos os acordos de libre comercio. Estes prexudican moi especialmente á gandería extensiva ao favorecer a entrada no mercado de produtos de orixe animal a uns prezos que rompen o mercado e contribúen á destrución de tecido produtivo., caso do acordo UE con Mercosur que se está negociando ou Nova Zelandia, no caso do cordeiro.

• Actualmente non existen políticas públicas que favorezan o relevo xeracional: non existen medidas de acceso e acompañamento no sector (programas de acollida, , de rendibilidade, de formación, de acceso á terra e a protección do chan agrario que impida o acaparamiento de terras por fondos de investimento). Para garantir a substitución xeracional hai que garantir as condicións de vida nos pobos (acceso á vivenda, á terra, aos servizos públicos...) e evitar a aterraxe de grandes infraestruturas e fondos de investimento, vinculadas á agroindustria, empresas enerxéticas e de explotación de recursos naturais, que procuran o acaparamento destes territorios.