LinguaAzulXullo24

23/08/2024

Instamos á paralización da vacinación da Lingua Azul nas zonas afectadas pola EHE

A morte súbita de varios animais infectados por EHE logo de seren vacinados de lingua azul confirma as alertas do sector. Pedimos á CMR que constitúa un gabinete técnico de urxencia para xestionar a simultaneidade destas dúas doenzas e detelas

Dende o momento en que comezou a ser administrada a vacina da lingua azul, multitude de granxas reportaron efectos adversos nunha significativa proporción da cabana gandeira, entre os que destacan as mortes e abortos. De feito, xusto o ano pasado por estas mesmas datas comunicámonos ca Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura ante a persistencia de problemas con esta vacina e o deseño da propia campaña en si.

Tamén xa daquela manifestamos a nosa preocupación porque o composto farmacéutico a inocular, modificado por mor dos efectos secundarios adversos da versión previa, comezou a ser probado precisamente na Galiza, onde hai unha maior cabana de vacún, sen dar tempo a seguir os seus resultados ou establecer comparativas con outros territorios.

A cuestión é que as consecuencias negativas da vacina da lingua azul non só continúan a día de hoxe, senón que o escenario co que nos atopamos este ano é moito peor debido ás súa simultaneidade ca Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), cunha intensa propagación nos últimos meses -onte mesmo a Consellaría declarou cinco novos focos en Lugo e Ourense-, e ante a cal a Consellaría do Medio Rural segue sen dar unha resposta que axude ás gandeiras e gandeiros a afrontar as graves perdas económicas asociadas, malia ás interpelacións, propostas e mobilizacións do sector.

Onte cinco vacas dunha granxa da provincia de Ourense enfermas de EHE morreron ás poucas horas de seren vacinadas da lingua azul. Malia que o gandeiro advertiu de que se trataba de gando enfermo e propuxo adiar a vacinación, o persoal veterinario da Consellaría desbotou esa posibilidade e seguiu co proceso, dando lugar finalmente á morte dos animais.

Esta circunstancia ten pasado máis veces. Non é un caso illado. E é moi grave, porque estamos a falar de que a xestión sanitaria dunha doenza incrementa as consecuencias negativas doutra ca que convive, co conseguinte aumento exponencial do estrés emocional, afección nos ritmos de traballo e impacto na viabilidade económica das propias granxas.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitamos a paralización inmediata da campaña de vacinación da Lingua Azul en áreas onde pode estar en curso a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, así como a constitución dun gabinete técnico de urxencia con participación das organizacións agrarias. Revisar as interrelacións entre os protocolos de actuación da EHE e da lingua azul é unha cuestión de urxencia para as gandarías galegas.

Neste senso, e como tamén temos advertido, cómpre revisar até que punto a vacinación é a estratexia máis axeitada para facer fronte á lingua azul en bovinos, habida conta de que a meirande parte dos animais contaxiados superan esta doenza sen maiores complicacións, en contraste cunha alta taxa de efectos secundarios negativos logo da administración da vacina contra a mesma.

Ademais, precisamos reforzo inmediato dos equipos veterinarios para que levanten acta das granxas e tomen as mostras ca celeridade que está a requirir esta situación sanitaria. Nin sequera houbo persoal abondo onte para atender a solicitude da gandaría de Ourense que tivo este caso de mortes múltiples.

Como pode ser que a Consellaría do Medio Rural leve desaparecida todo o verano con problemáticas como esta e outras de igual calado como a propia EHE, a crise de excedentes na Ribeira Sacra ou a baixada de prezos no vacún de leite e carne?

Levamos meses vendo á Conselleira María José Gómez de visitas e romarías varias, salpicadas cos xa clásicos anuncios de millóns de euros que a Consellaría di que vai inverter aquí e acolá pero que logo na práctica ninguén ve por ningures...

Dende o SLG comezamos a cuestionarnos os verdadeiros motivos polos que o Partido Popular de Galicia elixiu un perfil profesional como o de María José Gómez, que nada ten que ver co ámbito agroalimentario, para dirixir, ou máis ben “figurar como titular”, da Consellaría do Medio Rural.