RB Lugo

18/06/2024

Insistimos na necesidade de incorporar as recomendacións da UNESCO na xestión da RB Terras do Miño

Para valorar a verdadeira presión industrial que sofren as reservas da biosfera cómpre incluír os proxectos en tramitación. Propoñemos que a agricultura agroecolóxica sexa recollida como actividade prioritaria no Plan de Xestión 2024-2034

A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no órgano de participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, interveu na reunión desta entidade convocada na mañá de hoxe en Lugo para voltar reiterar a necesidade de proceder á valoración do impacto de diversos proxectos sectoriais integrados -e os que eventualmente poidan integrarse- nestes territorios protexidos, incluídos os proxectos industriais en tramitación -na súa meirande parte polígonos eólicos, fotovoltaicos e explotacións mineiras- a fin de avaliar a ameaza real sobre estas áreas protexidas.

Durante a súa intervención fixo fincapé nas alegacións presentadas tanto polo SLG-CCLL como por outros colectivos sociais ao respecto da pertinencia de incorporar no Plan de xestión para a década 2024-2034 as recomendacións nesta materia recollidas no “Informe sobre Viabilidade Das Instalacións Eólicas, Fotovoltaicas e Termosolares, incluida particularmente a repotenciación e infraestruturas asociadas nos territorios declarados Reserva da Biosfera no territorio do Estado”, elaborado polo Consello científico do Comité español do Programa “Home e Biosfera” (MAB) da UNESCO, e elaborado precisamente a raíz das denuncias realizadas por varias entidades sociais galegas, incluído o SLG.

“Nos últimos anos, temos detectado, non só as organizacións agrarias e ambientais, senón que tamén se ten constatado por parte do servizo de Medio Ambiente da Diputación provincial mediante os informes e alegacións presentadas a varios proxectos, importantes amezas de proxectos industriais, os xa existentes que si están recollidos no Plan, pero tamén un alto número en fase de tramitación, moitos deles eólicos, polígonos fotovoltaicos, explotacións mineiras e agora ultimamente mesmo unha celulosa”, explica Margarida Prieto. “Isto é unha realidade constatable á que non podemos dar as costas. Entendemos que igual que é importante inventariar plantas invasoras e acometer plans para a súa erradicación no espazo da reserva, debemos facer unha aposta para inventariar, monitorizar e valorar na súa xusta medida a ameaza que estes proxectos industriais van a supoñer no futuro para a conservación dos valores ambientais e socieconómicos a protexer”.

Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que é unha contradición que dende este órgano se tente potenciar actividades económicas compatibles cos valores da Reserva ao tempo que pecha os ollos ante a invasión de proxectos industriais que ameazan estas áreas rurais. Neste senso, o SLG, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Adega e a Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga instamos hoxe á RB luguesa a recoñecer a actividade agraria agroecolóxica como un sector estratéxico, recollendo esta categoría no plan de xestión para a vindeira década. Deste xeito non só estaría cumprindo ca súa responsabilidade como órgano que vela pola preservación destes espazos naturais, senón tamén aportando medidas para abordar a grave problemática de carencia de terras agrarias que sufrimos no noso país, e que está a dificultar a incorporación de novas persoas labregas.

“Atopámonos con que en lugar ser reservas naturais a Administración actúa case como se se tratara de reservas industriais. É absolutamente incomprensíbel por exemplo que se estea a plantexar a día de hoxe a construción dunha planta de biometano en Coeses [situado na RB Terras do Miño] argumentando que se fará cargo de toneladas de residuos de granxas, para o que terá que verter no Vilalvite -afluente do Miño- augas residuais das fases industriais tratadas quimicamente e augas residuais pluviais contaminadas e tratadas tamén con produtos químicos. O que precisamos é máis granxas labregas e agricultura agroecolóxica, así forneceremos alimentos de calidade á cidadanía e coidaremos o medioambiente, e non fará falta construír unha fábrica para xestionar residuos tóxicos en altas cantidades, porque non existirán”, apunta Marcos Besada, do SLG en Teixeiro e integrante da Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga (Lugo).

Hai moita marxe de actuación por parte da Administración autonómica e os órganos de xestión da Reserva. De feito, a propia Unesco chama a atención de xeito concreto sobre a responsabilidade que os órganos xestores deberían asumir con respecto aos polígonos industriais enerxéticos, instándoas a desenvolver unha reflexión sobre as circunstancias específicas de cada un destes territorios, presentando precisamente o caso da RB Terras do Miño, e de todas as RB galegas, a singularidade de contar xa con milleiros de estruturas industriais malia a tratárense de espazos naturais protexidos. Esta situación ten sido alertada tamén polo SLG habida conta de que podería mesmo pór en risco a continuidade da categoría Reserva da Biosfera nestes territorios.

É polo tanto fundamental, e así insistimos hoxe durante a reunión, que o Plan de Xestión para a vindeira década cumpra cas medidas específicas sinaladas no informe elaborado pola Unesco, moitas delas sinxelas de ser postas en marcha pola administración pública, tales como a creación dun único portal informativo que albergue os expedientes de tódolos proxectos solicitados -aportando unha panorámica da totalidade de actividades industriais e mellorando o dereito á participación pública- e fomentando estudos, encontros e intercambios de boas prácticas sobre esta temática.

“Non aceitar e recoller estas suxerencias vai radicalmente en contra dos obxectivos recollidos no Plan de Acción da Reserva, así o entendemos e imos denunciar onde sexa preciso. A protección do medio ambiente e do territorio ten que ir máis alá das declaracións de intencións: ten que pasar a acción, e o paso que propoñemos é algo inicial para conquerir os obxectivos de protección dos valores da reserva que todos estamos dacordo en defender”, interpelou a vogal do SLG-CCLL.