16/12/2022
Inicio de mobilizacións para esixir solucións para as granxas excluídas das axudas ao sector ecolóxico e zonas desfavorecidas
Arredor de 200 produtoras/es acompañaron á SX do SLG no rexistro hoxe en Lugo da solicitude de entrevista co conselleiro. Inicio de campaña de mobilizacións para esixir medidas para as granxas discriminadas pola CMR no acceso ás axudas públicas
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, acompañada por arredor de 200 produtoras e produtores de ecolóxico, solicitou esta mañá en Lugo unha xuntanza urxente co Conselleiro de Medio Rural (CMR), José González Vázquez, para a trasladar a alarma xerada no sector ecolóxico ante as informacións, saídas da propia Consellería, da falta de fondos previstos para facer fronte ao total de solicitudes para a línea de ecolóxico da PAC 2022.
Este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico, as cales viñéronse a engadir ás 100 explotacións que non puideron solicitala anteriormente, e ás que xa viñan solicitando o ano anterior. A piques de rematar o ano, e despois de promocionar dende a propia CMR a existencia de axudas para facilitar esta transición de convencional a ecolóxico, trasládaselle ao sector, 6 meses despois da solicitude da PAC, que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas. Esta intolerábel carencia de previsión e de respecto por parte da Consellería de Medio Rural cara o sector de ecolóxico porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos.
Estas dificultades viranse a engadir ademais en moitos casos ás derivadas da decisión da Consellaría de excluír 8.255 granxas do acceso ás axudas por zona desfavorecida.
No escrito rexistrado esta mañá, a Secretaria Xeral do SLG demandou a subsanación inmediata das consecuencias da ausencia de planificación por parte da CMR, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica garantindo que todas as persoas solicitantes podan acceder a este pago e que baixo ningún caso poida ser un motivo de denegación a falta de fondos, así como a rectificación urxente e inclusión para o novo periodo da PAC (2023-2027) dos pagos para zona desfavorecida (pagos distintos as zonas de montaña) ao total dos concellos calificados como tal.
Ca acción desta mañá en Lugo dende o SLG-CCLL damos inicio a unha campaña de mobilizacións en todo o país esixindo a subsanación da xestión discriminatoria destes orzamentos públicos realizada pola Consellaría do Medio Rural en detrimento das pequenas e medianas explotacións ecolóxicas e en zonas desfavorecidas.