PrimaCantidade

04/04/2025

Iniciamos campaña de visibilización da discriminación de Lactalis, CAPSA e Lence ás pequenas e medianas granxas

Lanzamos un gráfico que concreta os prezos finais sen IVE, visibilizando o impacto da incorporación da prima por cantidades. Prima por cantidades: unha estratexia comercial das empresas lácteas que acelera a industrialización alimentar e do medio rural

O pasado 21 de marzo informamos do envío de cartas ás industrias lácteas Lactalis, Capsa e Lence -as que máis leite recollen en Galiza, por esta orde-, trasladándolles a nosa preocupación, tanto polas ofertas por embaixo da media estatal e europea que estaban chegando ás granxas, como pola utilización dunha estratexia comercial que impón, por leite de idénticas calidades, un prezo inferior para as pequenas e medianas granxas e un máis favorábel para as grandes explotacións. Nestas comunicación solicitamos expresamente o cese deste agravio na retribución económica que afecta a arredor de 3.000 granxas galegas.

Habida conta de que Lactalis, Capsa e Lence persisten no seu trato depreciativo cara practicamente a metade de granxas leiteiras do noso país, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas inicia no día de hoxe unha campaña de visibilización en redes sociais dirixida ás persoas consumidoras explicando esta situación a través do desglose do prezo final pagado ás persoas gandeiras (ADXUNTAMOS ARQUIVOS).

Nestes momentos todas as ganderías que producen menos de 240.000 litros/ano quedan fóra da prima por cantidades; na Galiza, o 48.60% das granxas de leite producen menos de 250.000 litros/ano. Aliás, aínda as máis grandes, coas primas, seguen por de baixo do prezo medio de Estado español e do prezo medio da UE-27.

“Lactalis e Capsa non aumentaron o prezo base, Río subiuno lixeiramente. A suba de prezos que se percibe no caso destas tres industrias produciuse fundamentalmente polo cambio das primas e, sobre todo, pola introdución dunha prima por cantidades”, explica a gandeira e economista especializada en políticas agrarias Ana Rodríguez. “A maior parte das persoas que producimos leite neste país asinamos con algunha destas tres industrias. O contrato é para catro meses: o 1 de agosto temos que asinar outro, así que o 1 de xuño temos que empezar coas novas ofertas. Estamos moi preocupadas pola posibilidade de que estas tres industrias insistan en privilexiar o modelo de grandes explotacións a través da prima de cantidade en detrimento do modelo familiar, que é o que realmente garante un medio rural vivo e medioambientalmente coidado e saudábel”.

Dende o SLG insistimos en que non existe ningún motivo obxectivo polo que as pequenas granxas que producen en Galiza cobren menos polo leite. É máis, en todo caso deberían ser especialmente remuneradas polo seu aporte á vertebración social, desenvolvemento económico e coidado ecosistémico das zonas nas que se ubican, apostando por máis granxas no territorio e non por un número limitado con moitos animais concentrados nuns poucos concellos da franxa central de Galiza, que é o que está pasando nestes momentos.

Solicitamos novamente polo tanto ás industrias Lactalis, CAPSA e Lence que poñan fin a esta agresiva estratexia comercial que afecta precisamente ás unidades produtivas máis vulnerables do elo máis feble da cadea láctea, ao tempo que demandamos un incremento de prezos a tódalas granxas, acorde cos prezos medios estatais e europeos.

Se non hai melloras no actual contexto comercial, o Sindicato Labrego Galego avanzará na realización dunha campaña informativa en superficies comerciais e con organizacións de consumidores e consumidoras que procure a complicidade e apoio destas ás pequenas e medianas granxas galegas.

Gráfico prezos leite