Info Degustación Compostela

08/07/2024

Información e degustación en Santiago de Compostela para reivindicar o modelo labrego fronte á industrialización da IXP Vaca de Galicia/Boi de Galicia

 O SLG leva á praza de abastos da capital galega a campaña “Na defensa da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo”. Degustación de balde de solombo de Boi á prancha, Mini burger de boi con chimichurri e Taco mexicano de agulla de boi

Mañá, martes 9 de xullo, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organiza unha xornada divulgativa e de denuncia dos cambios operados no prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terneira Galega/Vaca galega-Boi galego que obriga a acortellar os xatos que se sacrifiquen con máis de 8 meses de idade, deixando fóra da marca a todos os xatos que rematan a súa alimentación ao aire libre.

Dando continuidade á campaña “Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo”, as persoas que se acheguen mañá pola Praza de Abastos de Santiago de Compostela entre as 12h e as 14h poderán coñecer como foi o proceso de modificación deste prego de condicións e entender en profundidade porque este cambio supón unha industrialización desta Indicación Xeográfica Protexida ao tempo que agasalla aos cebadoiros industriais o prestixio gañado grazas ao modelo labrego.

Ademais poderán degustar de balde solombo de boi á prancha, miniburguer de boi e tacos mexicanos de agulla de boi, toda ela carne de produción en extensivo, alimentada en base a pasto de granxas da afiliación do Sindicato Labrego Galego.

Actualmente xa existen uns indicadores de calidade que permiten clasificar un canal de carne como Ternera Gallega Suprema. Dende o SLG-CCLL cuestionámonos: Se as granxas levan dende a creación de TG Suprema -hai décadas- acadando eses indicadores cunha alimentación saudábel en base a pasto e prácticas medioambientalmente sostíbeis, que motivo xustifica que se lles obrigue a alcanzar eses mesmos indicadores que xa cumpren, pero acortellando e alimentando con concentrados, cun maior impacto medioambiental, aumento de custos e en detrimento do benestar animal?

Como denunciamos dende un primeiro momento, esta modificación é contraria á promoción do modelo labrego, que precisamente é o que cada vez máis persoas consumidoras identifican ca alimentación de calidade. Ademais tamén terá un impacto negativo nas granxas certificadas en ecolóxico na IXP -dado que non está permitida a alimentación en base a concentrados- dificultando o obxectivo da UE de acadar un 25% de superficie agraria útil en ecolóxico para o ano 2030.

Asemade, están máis que constatados os beneficios que para o gando, o medioambiente e a praxe profesional da persoa gandeira aportados polo modelo extensivo e a alimentación en base a pasto, como así expuxemos na xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”celebrada en Teixeiro no mes de xaneiro.