10/05/2024
Industrias lácteas agravan a presión sobre as granxas familiares argumentando normativa inexistente
Denunciamos unha nova estratexia para forzar unha baixada no prezo do leite que implicaría o peche de centos de explotacións. Solicitamos á CMR e ao Ministerio que se interesen por este novo posible incumprimento das boas prácticas da Lei da Cadea
Nas últimas semanas varias gandarías foron ameazadas cun cese de recollida do leite (non renovación de contratos) argumentando determinadas industrias, ao fío da estabulación trabada, un suposto incumprimento das normas de benestar animal recollidas no Real Decreto de Ordenación de Bovinos.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vimos de confirmar con fontes da Consellaría do Medio Rural que en ningún caso o feito de que as vacas sexan amarradas durante a noite cando veñen de estar pacendo ao aire libre todo o día afecte ao seu benestar nin infrinxa extremo algún da abundante normativa que a día de hoxe vela polas boas prácticas no manexo do gando na produción alimentaria, incluído o RD no que se escudan as empresas que están a protagonizar este novo abuso na cadea alimentaria.
É máis, as granxas nas que inda se realiza esta práctica -fomentada no seu momento pola propia Xunta de Galicia- caracterízanse polo seu pequeno ou mediano tamaño e xestión tradicional, con un número limitado de cabezas de gando, produción en extensivo e un seguimento do benestar animal moi próximo, que contrasta claramente ca situación na que se atopan as vacas das grandes producións de orientación industrial, pechadas todo o día e xestionadas en masa.
“Pedimos á Consellaría do Medio Rural que contacte cas empresas lácteas para aclarar esta situación e sobre todo para deixarlles ben claro que o motivo argumentado para non lles renovar os contratos ás gandeiras e gandeiros é totalmente inxustificado”, demanda o coordinador do sector leiteiro no SLG, Xúlio Fernández. “Ademais consideramos que o Ministerio de Agricultura tamén debería interesarse por estes movementos, habida conta de que semellan unha máis que posible distorsión da aplicación do RD de ordenación bovina por parte destas industrias e o incumprimento das boas prácticas recollidas na Lei da Cadea Alimentaria”.
No SLG temos a certeza de que as empresas lácteas son coñecedoras da normativa e conscientes de ausencia total de xustificación para esta chantaxe ás granxas familiares, polo que interpretamos que o que pretenden é, esgrimindo un argumento que abarca á meirande parte delas ao tempo que elude a cuestión do modelo, dificultar a súa viabilidade e forzar a súa desaparición.
Temos escoitado publicamente ás industrias en moitos foros afirmar que non lles preocupa o peche de granxas galegas mentras sega habendo o mesmo volume de produción de leite, desprezando por completo os aportes ao medio rural -e á calidade alimentar- que implica contar con moitas pequenas granxas que doten de vida estas contornas e dinamicen a economía.
As industrias saben que se non lles poden vender directamente, moitas gandarías terán que malvender a intermediarios, a un prezo moito máis baixo, podendo a continuación ser adquirido este mesmo leite de novo pola industria láctea por menos cartos do que tería pagado ás gandeiras e gandeiros directamente.
Por outra banda, ante as dificultades para adaptarse a requisitos inventados polas industrias (que hoxe é o da estabulación e mañá pode ser calquera outro), engadidas ás problemáticas xa estructurais no sector, como son o feito de ter un dos prezos máis baixos de todo o Estado e un sistema de contratos de curta duración e fortemente condicionado polo poder das industrias na súa negociación, terán que decidir pechar, “deixando o campo libre” a producións de carácter industrial, sexan estas alimentarias ou, como se está a intensificar nestes últimos anos, enerxéticas e de explotación de recursos naturais.
Porén, se o analizamos con perspectiva de futuro, a propia desaparición das pequenas granxas pode redundar nun agravamento das problemáticas xa existente nas grandes, cada vez máis concentradas e illadas, xa que a eliminación de servizos que se sostiñan coas pequenas -por exemplo os veterinarios- vai prexudicar a todas. De feito, se persisten nesta carreira pola concentración monopolística da produción tamén algunha destas industrias acabará desaparecendo.
Dende o SLG defendemos, por unha parte, que a alimentación é un dereito, non un produto máis do mercado, polo que debería estar protexida das estratexias de ampliación de marxe de beneficios utilizadas por intereses privados. Por outra banda, a presencia de numerosas granxas produtoras de alimentos é garantía dun medio rural habitado, con servizos, cun maior número de postos de traballo indirecto, ecosistemas mellor coidados e protexidos, en definitiva, un medio rural vivo.
“Non é desexo das persoas consumidoras que se reduza o número de gandarías familiares, senón que se poña fin aos modelos intensivos de produción, é dicir, ás fábricas de alimentos, non ás pequenas e medianas granxas. Pedimos ás industrias que non distorsionen e empreguen interesadamente un argumento co que precisamente o que pretenden é favorecer o avance dun modelo que observa aos animais como meras unidades produtivas das que obter os maiores beneficios”, lembra Xulio Fernández.