A rolda de prensa terá lugar o luns 16 de marzo ás 12h no local nacional do Sindicato Labrego Galego en Compostela (rúa Ofelia Nieto, 13-23, Baixo 15705 – Santiago de Compostela). Márcase logo de termos xuntanzas con distintos grupos parlamentarios.
Participarán na rolda a gandeira e Secretaria Xeral do SLG María Ferreiro, e o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG Brais Álvarez, que darán a coñecer a proposta da PAC para o período 2028-2034 do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.
Pedimos que se poida acreditar a dispoñibilidade das parcelas da PAC mediante unha declaración responsábel da persoa propietaria das fincas, sen ter que aportar o DNI.
Compostela, 13 de marzo de 2026. Estas semana, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos con preocupación diversas cuestións que afectan ao medio rural galego. Nun comunicado o 10 de marzo advertimos que os fondos destinados para as incorporacións ao agro das mozas e mozos non cobren a demanda existente, despois de concentrarnos ás portas da Xunta de Galicia o 20 de febreiro solicitando a resolución das axudas de incorporación de 2025.
Doutra banda, este mércores, denunciamos os prezos especulativos do gasóleo agrícola en Galiza e pedimos a intervención urxente da Xunta de Galicia. O 19 de febreiro dábamos a coñecer a postura do SLG respecto á Política Agraria Común (PAC), previa á convocatoria do Consello Agrario Galego onde se someteu á aprobación final un acordo arredor da nova PAC. Nesta xuntanza, o SLG levou o tema da obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas arrendadoras das propietarias nas solicitudes da PAC, aspecto que xa tratamos nunha nota de prensa o 3 de febreiro, avisando de que este feito vai supoñer varios problemas, como a redución na superficie declarada ou o atrasado na tramitación das axudas.
O tema do DNI na PAC tamén se tratou por parte do SLG-CCLL con Ana Rodríguez Castaño, secretaria xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, o 25 febreiro, no marco da presentación do Proxecto de Desenvolvemento do Plan Estratéxico do Sector Lácteo por parte da Interprofesional Láctea (INLAC) á que acudiu Isabel Vilalba, gandeira de leite e integrante da Executiva Nacional do SLG. Dende a nosa organización, pedimos que se poida acreditar a dispoñibilidade das parcelas mediante unha declaración responsábel da persoa propietaria das fincas, sen ter que aportar o DNI.
Rolda de prensa este luns 16 de marzo
Ante esta situación, e sen ter resposta a día de hoxe por parte da Consellería do Medio Rural, o Sindicato Labrego Galego convoca unha rolda de prensa o luns 16 de marzo ás 12h no local nacional da organización en Santiago de Compostela (rúa Ofelia Nieto, 13-23, Baixo 15705 – Santiago de Compostela). Esta rolda márcase logo de termos xuntanzas con distintos grupos parlamentarios, como PSOE e BNG. Participarán na rolda a gandeira e Secretaria Xeral do SLG María Ferreiro, e o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG Brais Álvarez, que darán a coñecer a proposta da PAC para o período 2028-2034 do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.