ALimiaKirk

16/10/2024

Incertidume e preocupación ante as dificultades para recoller a produción de pataca na Limia

Das case 5.000ha. cultivadas habitualmente, estímase que un 60% das fincas de patacas están inda sen recoller na comarca. Demandamos á Consellaría do Medio Rural que inicie xa traballo conxunto co sector para establecer medidas fronte ás perdas

Medra a preocupación entre os pataqueiros e pataqueiras da Limia ante a incertidume provocada como consecuencia das condicións climatolóxicas, que están a complicar a recollida da produción.

O ano agrícola empezou mal e pode rematar peor. As choivas da primavera retrasaron a sementeira do cultivo das patacas, polo que o ciclo de cultivo tamén se retrasou para poder recoller as fincas cultivadas”, explica o responsábel do SLG na comarca da Limia, Anxo Pérez Rúa.

A choivas persistentes do outono están a dificultar a recollida das patacas con maquinaria pesada, nuns casos porque o avance da maquinaria é moito máis lento do habitual e, noutros casos, porque a excesiva humidade das fincas fai moi complexa a entrada de maquinaria pesada nas mesmas, polo que imposibilita a recollida.

Nótase ansiedade na comarca porque a climatoloxía non dá tregua e os gastos que están invertidos na terra establécense entre 6.000 – 8.000 euros por hectárea. Estímase que na comarca da Limia a día de hoxe aínda quedan máis do 60% das fincas de patacas sen recoller das case que 5.000 hectáreas cultivadas habitualmente. Se non se dan recollido estas patacas as perdas na comarca van a ser astronómicas”, advirte Pérez Rúa.

Logo dun ano desastroso na recollida do cereal na que non se cubriron custos de produción, quedaba a esperanza de que o cultivo de pataca dese polo menos salvado a campaña da comarca, pero segundo van pasando os días a situación non fai máis que agravarse.

Como xa demandamos ante os estragos causados pola borrasca Kirk a pasada semana, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) insta á Consellería de Medio Rural a que tome cartas no asunto e, xunto co sector, empece a traballar en medidas que corrixan as enormes perdas económicas que vai supoñer esta situación para unha das principais comarcas agrícolas de Galiza.