28/11/2024
Impedir a participación social no Consello da Minaría e tramitación privilexiada para a empresa Cobre San Rafael/Atalaya Mining: denunciamos a estratexia de lowfare da Xunta de Galicia
Charlas informativas esta fin de semana para organizar a resposta social e parar unha vez máis a mina de Touro. Animamos a presentar alegacións a este proxecto altamente contaminante e alertar das malas prácticas de Cobre San Rafael.
Apenas uns días despois de denunciarmos canda outras organizacións sociais a tentativa da Xunta de Galicia de excluír as organizacións de defensa da natureza e das comunidades de montes veciñais do Consello da Minería de Galicia -do que forman parte desde que o órgano foi establecido en 2008 mediante a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría de Galicia- coa intención de limitar os dereitos da poboación do medio rural a opoñerse á imposición de industrias nocivas para a súa saúde e a do medio ambiente, as sospeitas de conivencia da Administración galega con determinadas empresas extractivas ficaron reforzadas coa publicación no DOG o pasado venres dunha nova tentativa de tramitación da perigosa mina que a polémica empresa Cobre San Rafael/Atalaya Minig pretende explotar no concello de Touro (A Coruña).
Esta mina de cobre, á que a Xunta de Galicia agasallou ca estratéxica catalogación de PIE para rebaixar os requisitos medioambientais e acelerar a súa tramitación, funcionou entre 1974 e 1987, abandonouse sen restaurar e agora é empregada para procesar e verter residuos. Foi responsable da inxección de metais pesados ao sistema fluvial do Ulla e á Ría de Arousa, e a día de hoxe os episodios de contaminación seguen a ser recorrentes e ben visibles. A estas malas praxes cómpre engadir a de facer presión na veciñanza amezando con expropiarlle as terras, da cal dimos conta o mes pasado.
“A propia necesidade da Xunta de Galicia de modificar constantemente lexislación ten que ver, por unha banda, coa depredación de recursos naturais e, por outra, con dificultar que a poboación poida defenderse desta violencia estrutural, evidenciando unha moi preocupante posición antidemocrática, moi lonxe das responsabilidades de protección e servizo social que competen a unha administración pública”, incide a coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG-CCLL, Margarida Prieto Ledo.
Fai precisamente menos dun ano máis dun cento de entidades ecoloxistas, veciñais, sindicais, agrarias e do mar solicitamos a retirada da “Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia 2030” por vulnerar os principios de neutralidade e obxectividade da administración, sendo absolutamente tendencioso, e xa daquela denunciamos a estratexia da Xunta esgrimir o ‘lawfare’ contra as organizacións sociais, un termo que podemos traducir como “guerra a través da lexislación”.
Marcado por unha forte oposición por parte da cidadanía galega, este vello proxecto de reapertura foi denegado en 2020 polas graves afeccións aos recursos hídricos. Ademais formúlase en máis de 800 ha de terreo, superando case en 200 ha máis o terreo que collería a mina, entre os que se atopa solo urbano que, segundo o PXOM do concello de Touro, non conta entre os seus usos permitidos o da actividade mineira.
Na contorna dos terreos cobizados por esta empresa existe ademais unha economía diversificada entre multitude de sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, servizos, comercio ou turismo, en especial o vinculado ao Camiño de Santiago. Abrir a mina de Touro significaría que a propia Xunta de Galicia non nos permita vivir das nosas granxas, dos noso pequenos negocios, etc para que unha empresa con longa traxectoria de nefastas praxes ecolóxicas se lucre a costa da nosa saúde e a destrución da natureza.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) instamos unha vez máis á Xunta de Galicia a retirar as restricións á participación social presentes na Lei de Acompañamento de Orzamentos 2025, e animamos á cidadanía a participar na campaña de alegacións contra esta nova tentativa de apertura da mina de Touro.
Impulsadas pola plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, esta mesma fin de semana terán lugar dúas charlas informativas baixo o título “A estratexia da mina de Touro ao descuberto”. A coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo, participará na sesión do sábado 30 no Local Social de Cornado (Touro).