Hoxe, venres 22 de agosto, ás 13:30h, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, o Sindicato Labrego Galego, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presentou o calendario das charlas e conferencias das xornadas “O Futuro das Persoas Viticultoras na Ribeira Sacra”, un espazo para reflexionar e dialogar sobre o futuro do sector vitivinícola nesta comarca.
Participaron Ana Rodríguez Vázquez, responsable do SLG na zona sur de Lugo, e Daniel García Fernández, deputado provincial do Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Lugo, 22 de agosto de 2025. O Sindicato Labrego Galego–Comisións Labregas (SLG-CCLL), en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presentou hoxe 22 de agosto en rolda de prensa a continuación das xornadas e ciclos de conferencias O Futuro das Persoas Viticultoras na Ribeira Sacra, que se desenvolverán do 29 de agosto ao 6 de setembro en distintos concellos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
No acto participaron Ana Rodríguez Vázquez, responsable do SLG na zona sur de Lugo, e Daniel García Fernández, deputado provincial do Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, quen destacaron a importancia de crear espazos de diálogo cos viticultores e viticultoras da comarca para analizar a situación da vendima deste ano 2025 e debater os retos e oportunidades do sector.
Unhas xornadas para lembrar a importancia de protexer a Ribeira Sacra
Durante as xornadas, lembrouse á poboación afectada pola vaga de lumes que arrasa o país e que afecta a persoas labregas por todo o territorio. Neste sentido, Daniel García abriu a súa intervención mandando palabras de afecto e agradecemento ás pequenas produtoras adegueiras que están vendo a súa produción danada polos lumes, e a todas as persoas que loitan para deter os focos activos. Tamén, destacou a colaboración previa co SLG e a importancia dunhas xornadas como estas.

“No pasado mes de febreiro colaboramos co Sindicato Labrego na programación do Foro de Agroecoloxía en Antas de Ulla, onde reflexionamos sobre ameazas como os modelos da mega industria, como Altri, que afectan aos recursos naturais, produtivos e culturais sen xerar valor engadido”, comentou García. “Agora, con estas xornadas, centramos os esforzos nun sector vitivinícola tamén ameazado, buscando alternativas que garantan a súa viabilidade e supervivencia futura.”
Pola súa parte, Ana Rodríguez tamén falou da situación de emerxencia da vaga de incendios, explicou a situación actual do sector vitivinícola e o obxectivo destas xornadas.
Desde o Sindicato Labrego Galego queremos chamar a atención sobre a situación complexa que vive a Ribeira Sacra”, destacou Ana Rodríguez.
“Desde o Sindicato Labrego Galego queremos chamar a atención sobre a situación complexa que vive a Ribeira Sacra”, destacou Rodríguez. “A Ribeira Sacra é a única denominación de orixe vitícola da provincia de Lugo, e levamos desde principios de 2024 reclamando solucións para os problemas que sofre. A supervivencia das viticultoras, dos viticultores e da propia paisaxe que define a comarca depende diso”.
A representante do SLG advertiu tamén sobre os riscos para o futuro do sector, lembrando que a principal adega da denominación de orixe non vai recoller uva este ano; e que as demais seguen con dificultades por mor de enfermidades e da seca.
“A colleita será pequena. Aínda que as hectáreas cultivadas non baixan, o número de viticultores e viticultoras si diminúe cada ano”, destacou Rodríguez. “Non queremos que pase co viño o mesmo que co leite, onde hai produción, pero sen produtores nin produtoras.”
As xornadas, explicou Rodríguez, servirán para informar e dar voz ao sector. A intención das mesmas é compartir cos viticultores e viticultoras a información que o Sindicato foi recollendo a través do Consello Regulador e das adegas, e rematar unha conferencia en Monforte sobre a Lei da Cadea Alimentaria, a gran descoñecida para moitas persoas produtoras, pero que tamén afecta ao viño. O ano pasado, mesmo moitas adegas incumpriron a lei e non pasou nada. “Esperamos que a Consellería actúe e de verdade se traballe polo futuro da Ribeira Sacra”, rematou rodríguez.
As charlas programadas son as seguintes:
– Quiroga: Venres, 29 de agosto, ás 19:00 h – Casa da Cultura
– Chantada: Sábado, 30 de agosto, ás 12:00 h – Local do Sindicato Labrego Galego
– Pantón: Mércores, 3 de setembro, ás 19:00 h – Casa da Cultura
– Sober: Xoves, 4 de setembro, ás 19:00 h – Casa da Cultura
– Taboada: Sábado, 6 de setembro, ás 12:00 h – Casa da Cultura
A maiores, celebrarase tamén a seguinte conferencia:
“Lei de Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola: contratos, prezos e incumprimentos”, a cargo de Orlando Vázquez Yáñez, Xefe do Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería de Medio Rural. En Monforte de Lemos: Venres, 5 de setembro, ás 12:00 h – Centro do Viño da Ribeira Sacra
Con estas actividades, o Sindicato Labrego Galego quere reforzar a información e o debate sobre cuestións clave para a viticultura na Ribeira Sacra, fomentando a participación activa das persoas produtoras e a colaboración coas administracións.