24/11/2023
Fronte ás violencias machistas: empoderamento, sororidade e solidariedade internacional
Xornada de loita feminista colectiva arredor dos dereitos das mulleres labregas o luns 27 na Aula da Natureza de Toques. Este 25N dende o SLG-CCLL denunciamos a violencia do Estado de Israel contra as mulleres palestinas como estratexia militar
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participará mañá nas mobilizacións convocadas en toda Galiza pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, ao tempo que animamos a secundar tanto esta como outras mobilizacións e actos convocados ao abeiro desta data.
Nesta liña, dende o SLG-CCLL celebraremos o vindeiro luns 27 de novembro, na Aula da Natureza de Toques, unha xornada de loita colectiva polos dereitos das mulleres labregas. A través desta xornada, que dará comezo ás 11:00h. e rematará cun xantar compartido, crearemos un espazo de confianza e agarimo no cal abordar as distintas materializacións das violencias machistas que dende unha perspectiva interseccional podemos identificar nas mulleres labregas: por unha banda por ser mulleres, fronte ao patriarcado; por outra por ser labregas, fronte á globalización neoliberal.
Así, faremos fincapé nas violencias que afectan de xeito diferenciado ás mulleres produtoras de alimentos, por exemplo no eido da Seguridade Social, compartindo experiencias que nos axudarán a visibilizar esta situación e avanzar na procura de ferramentas cas que facer fronte a este tipo de discriminacións.
Outro aspecto que abordemos son as implicacións que para as mulleres ten o feito de estar en primeira liña de loita pola defensa da terra, da que no noso país estamos a ter unha intensa experiencia a través da participación na articulación da resistencia fronte ao espolio enerxético da nosa biodiversidade e, nomeadamente, a imposición da industrialización das áreas rurais onde vivimos e desenvolvemos a nosa actividade profesional as labregas.
Tamén afondaremos en técnicas para a construción do bo trato, e debullaremos claves vinculadas á violencia estrutural contra as mulleres labregas, por exemplo as discriminacións presentes na Política Agraria Común (PAC)
Aliás, durante o encontro que desenvolveremos o vindeiro luns 27 presentaremos tamén un documento que recollerá os principais Dereitos das Mulleres Labregas, e que aspiramos serva como ferramenta de apoderamento.
Asemade, nunha data como é o 25 de novembro, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas teremos un especial recordo e recoñecemento para as mulleres palestinas, obxecto diferenciado da extrema violencia do Estado de Israel, e que garda relación estratéxica co obxectivo militar de fondo do Goberno de Netanyahu de perpetrar o xenocidio do pobo palestino.