Novas

  • A Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA) impulsa varios cursos especializados en venta directa cárnica e fiscalidade

    A Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA) impulsa varios cursos especializados en venta directa cárnica e fiscalidade

    • 29,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • fiscalidade
    • formación online
    • formacións
    • inscricions
    • RITA
    • venda directa produtos cárnicos

    A Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA), da que formamos parte no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), pon en marcha dúas novas formacións especializadas dirixidas a persoas gandeiras, empresas e iniciativas vinculadas á agroecoloxía, á gandería extensiva e a transformación alimentaria a pequena escala. Trátase do Curso de Venda Directa de Produtos Cárnicos, que se desenvolverá ao longo do mes de febreiro de 2026 (un total de 20 horas), e dunha Pílula formativa online sobre “A Fiscalidade na Transformación de Produtos Alimentarios(4 febreiro, de 2 horas), centrada nos principais réximes fiscais aplicables ao sector.

    Curso de Venda Directa de Produtos Cárnicos: 8 sesións sobre experiencias reais de ganderías e proxectos colectivos

    O “Curso de Venta Directa de Produtos Cárnicos. Marco legal, xestión e experiencias prácticas”, xurde nun contexto de crecente interese por modelos de comercialización máis xustos, transparentes e próximos, que permitan mellorar a rendibilidade das explotacións gandeiras, reforzar o vinculo entre produtores e consumidores e avanzar cara a sistemas alimentarios máis sostibles. A venda directa de carne preséntase como unha ferramenta clave para responder a estes retos, aínda que segue enfrontándose a importantes barreiras normativas, económicas e organizativas.

    Cunha duración total de 8 sesións online, que se celebrarán os martes e xoves do mes de febreiro de 2026, en horario de 17 a 19.30 h., o curso ofrece un percorrido completo polo proceso de venda directa: desde a introdución ao marco legal e a avaliación da viabilidade económica, ata a transformación dos produtos cárnicos, a xestión de matadoiros e salas de despece —individuais ou compartidas— e a comercialización final. A formación apóiase en experiencias reais de ganderías e proxectos colectivos que xa están desenvolvendo estes modelos en distintos territorios.

    Entre as temáticas que se abordarán destacan as certificacións en gandería extensiva, os modelos de comercialización conxunta, a loxística e relación coas persoas consumidoras, así como as melloras na xestión gandeira orientadas á cooperación e a eficiencia. O curso contará coa participación de persoas expertas, entidades técnicas e proxectos de referencia, como ACTYVA, PASCUUM, Belardi, Pueblo Ingenio, Huecos del Arroyo ou La Caperuza, entre outros.

    Dende RITA sublíñase que este curso non só aporta ferramentas prácticas ao sector produtor, senón que tamén contribúe a garantir á cidadanía un acceso máis directo a alimentos de orixe coñecido, producidos con criterios sociais e ambientais, reforzando a confianza e a trazabilidade na cadea alimentaria.

    📝Inscricións curso “Venda Directa de Produtos Cárnicos”

    As persoas interesadas nesta formación sobre venda directa poden inscribirse a través do seguinte formulario:
    https://forms.gle/1AhUQTVa6jV1NveU7

    Consulta o programa completo aquí

    Curso de A Fiscalidade na Transformación de Produtos Agrarios

    Como complemento a esta formación de maior percorrido, RITA organiza tamén a píldora online de Fiscalidade na Transformación de Produtos Agrarios, que terá lugar o 4 de febreiro de 2026, de 16:00 a 18:00 horas, e estará impartida por Óscar Lugrís Beteta, de Servizos Agrarios e Contables S.L.

    Esta sesión abordará de xeito claro e práctico os distintos réximes fiscais que afectan ás actividades de transformación alimentaria, incluíndo IVE, IRPF, Imposto de Sociedades e outros réximes específicos aplicables ao sector agrario. A pílula está especialmente orientada a resolver unha das principais dúbidas e dificultades detectadas por RITA no seu traballo con iniciativas de pequena transformación: a falta de información accesible e adaptada sobre fiscalidade, un aspecto clave para garantir a viabilidade económica e a seguridade xurídica dos proxectos.

    Dende RITA destácase que comprender correctamente o marco fiscal é fundamental para tomar decisións informadas, evitar riscos administrativos e facilitar o paso da produción primaria á transformación e comercialización directa. Esta formación reforza o enfoque integral do proxecto, que combina aspectos normativos, económicos e organizativos para acompañar ao sector na construción de sistemas alimentarios locais, sostibles e xustos.

    📝 Inscricións pílula formativa “Fiscalidade na Transformación de Produtos Alimentarios”

    As persoas interesadas nesta formación sobre fiscalidade poden inscribirse a través do seguinte formulario:

    https://forms.gle/PdJa5tNS7f4MXese6

    Sobre RITA

    A Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA) é un proxecto estatal que traballa para acompañar, dar visibilidade e fortalecer iniciativas de transformación alimentaria a pequena escala, promovendo a relocalización dos sistemas alimentarios e o desenvolvemento rural. Neste marco, a formación concíbese como unha panca estratéxica para xerar coñecemento compartido, alianzas territoriais e modelos replicábeis.

    O proxecto RITA é impulsado por ARCA, Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego, SEAE e o Instituto de Estudios Campesinos de la Universidad de Córdoba e conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel y Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostible, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.

    Dúbidas? Escríbenos a rita@taapa.org – 📞 +34 660 92 18 20