Desde o Sindicato Labrego Galego reiteramos unha vez máis a nosa preocupación ante a expansión da Dermatose Nodular Contaxiosa e a inacción da Consellería de Medio Rural.
Sen prevención e información temperá, a situación pode chegar a ser dramática para as gandeiras e gandeiros galegos.
Galiza, 21 de outubro de 2025. Desde Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) advertimos que a situación derivada da expansión da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) está a complicarse nos últimos días, con novos casos detectados no Estado español e en Francia. Este país en concreto está a rexistrar un empeoramento claro da situación sanitaria, e implantou medidas como a prohibición da celebración de feiras, así como a saída de gando bovino de todo o territorio metropolitano para evitar a propagación do virus. Pola súa banda, Cantabria vén de pechar oficialmente os seus mercados gandeiros como medidas preventiva e en Asturias a Consellería de Agricultura do Principado de Asturias puxo en funcionamento protocolos de prevención ante a enfermidade para abordar a crise.
Na Galiza, porén, a Consellería do Medio Rural non convocou ningunha reunión urxente, limitándose a fixar un encontro para o vindeiro día 27 de outubro
Na Galiza, porén, a Consellería do Medio Rural non convocou ningunha reunión urxente, limitándose a fixar un encontro para o vindeiro día 27 de outubro, que desde o Sindicato Labrego Galego consideramos que é demasiado tarde para garantir unha información e coordinación axeitadas.
Hai semanas xa advertimos da necesidade de activar un grupo de traballo de alerta temperá e de convocar con urxencia o Consello Agrario Galego para tratar a cuestión da expansión da Dermatose Nodular Contaxiosa.
Non é admisible que toda a información que estamos a recibir como sector veña do Ministerio ou doutras comunidades autónomas. A Consellería do Medio Rural debe asumir a súa responsabilidade, ofrecer transparencia e poñer en marcha medidas de prevención e comunicación directa coas gandeiras e gandeiros galegos.
Reiteramos unha vez máis que a prevención e a información temperá son esenciais para evitar a entrada e expansión da enfermidade na Galiza. Polo tanto, esiximos á Consellería que actúe de inmediato, en lugar de continuar coa pasividade e o silencio informativo que está a xerar preocupación e indefensión no sector.