Por mor de non aceptar as ofertas abusivas de Reny Picot, esta deixou de recollerlles o leite a varias granxas. De forma unilateral e incumprindo a Lei da Cadea, a finais de marzo a empresa comunicoulles a catro granxas de Ribadeo que as abandonaba.
Ofertas ilegais, con prezos por debaixo de custos de produción. Dende o Sindicato Labrego estamos trasladando as denuncias destes abusos á Axencia de Control Alimentario (AICA) e valoramos trasladar esta situación á xustiza, para defender e facer cumprir os dereitos das gandeiras e dos gandeiros de Galiza.
“Non podemos permitir que as gandeiras e os gandeiros se vexan obrigadas e obrigados a tirar o leite por unha práctica abusiva da industria”, denuncia o Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
Galiza, 6 de abril de 2026. Como consecuencia de non aceptar unha oferta de caída de prezos totalmente abusiva, moitas gandeiras e gandeiros do sector lácteo están a atravesar un momento especialmente difícil que vai supoñer, en moitos casos, o futuro das súas granxas. É o caso de catro granxas de Ribadeo ás que, por mor de non aceptar as ofertas abusivas da empresa Reny Picot, esta deixou de recollerlles o leite. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) exiximos a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego –que non foi reunido nesta crise do sector, sendo o órgano de máxima interlocución-, e tamén pedimos a convocatoria da Mesa do Observatorio do Sector Lácteo, solicitando que dean solucións reais ante esta problemática que compromete o porvir do sector lácteo. “Non podemos permitir que as gandeiras e os gandeiros se vexan obrigadas e obrigados a tirar o leite por unha práctica abusiva da industria”, denuncia o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Brais Álvarez.
As granxas abandonadas
En relación ás catro granxas de Ribadeo ás que Reny Picot deixou de recollerlles o leite, o Secretario de Acción Sindical do SLG, exclama: “É paradoxo que esta fábrica abandone a catro granxas que lle quedan a media hora….Que se fai isto para ser exemplo de abandono das granxas do rural ou como ameaza de que o feito de defender os prezos do produto -neste caso o leite-, supón o afastamento e o desleixo por parte da industria?”. Por iso dende a nosa organización solicitamos á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Axencia de Control Alimentario (AICA) unha actuación inmediata ante esta situación, na cal, unha vez máis, as labregas e os labregos están desprotexidas baixo a tiranía das industrias.
“De forma unilateral e incumprindo a Lei da Cadea, a finais de marzo Reny Picot comunicoulles a catro granxas de Ribadeo que lles negaba a recollida e que as deixaba. Destas catro, dúas granxas levan tirando o leite dende o 1 de abril porque non atopan fábrica que queira collelas”, explica o Secretario de Acción Sindical do SLG. “Denunciamos a gravidade destes feitos, que son consecuencia directa do incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e por ese motivo instamos á Consellería do Medio Rural, ao Ministerio de Agricultura e á Axencia de Control Alimentario (AICA) para que actúen de xeito inmediato con solucións co fin de que ninguén se vexa nesta situación e que, coa máxima urxencia, se cumpra a Lei con carácter inmediato”, resalta.

Ofertas ilegais con prezos por debaixo dos custos de produción
A Lei da Cadea di que se non se quere continuar coa recollida de leite nunha granxa a industria debe comunicalo con 2 meses de antelación. Neste caso Reny Picot comunicouno con 5 días, sen que as granxas tiveran unha posibilidade real de buscar unha alternativa. Ademais, o paquete lácteo obriga a mandar as ofertas con 2 meses, que non teñen porque ser aceptadas senón que marcarían en teoría un inicio de negociación, que podería mesmo continuar até 2 meses dende que se acaba o anterior contrato, segundo marca a Lei. E que están facendo as industrias? Ofertas ilegais, con prezos por debaixo de custos de produción. Estas actuacións son sancionábeis na Lei con fortes contías. Tamén son ilegais os cárteles e acordos de prezos, como os que estamos vendo estes días.
No contexto actual no que se atopa a sociedade galega en xeral e as gandeiras e gandeiros en particular -con fortes subas no gasóleo, nos fertilizantes, etc-, esta baixada nos prezos do leite supón un afogamento nas granxas e na súa viabilidade futura. Na nosa organización estamos trasladando as denuncias destes abusos á Axencia de Control Alimentario (AICA) e estamos valorando trasladar esta situación á xustiza, para defender e facer cumprir os dereitos das gandeiras e dos gandeiros de Galiza. Están acabando co rural e a Consellería do Medio Rural sen facer nada diante destes abusos. Parécenos inaceptábel que só digan que lle van pedir á distribución que “reflexione” ou que van pedir datos. Os abusos están ben á vista.
