Novas

  • Este venres 27 de marzo Guitiriz acollerá o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego

    Este venres 27 de marzo Guitiriz acollerá o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego

    • 25,Mar 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • congreso sector leite slg
    • guitiriz
    • PREZO DO LEITE
    • Renovación de contratos do leite
    • sindicato labrego galego
    • O acto terá lugar a partir das 11h da mañá na Casa Habanera de Guitiriz (rúa Concello, 42, 27300, Guitiriz – Lugo). Enmárcase en plena renovación dos contratos do leite, un momento difícil para o sector no que as industrias, unha vez máis, están a xogar co futuro das granxas galegas.

    • As produtoras e os produtores están a percibir un descenso de entre 4 a 10 céntimos por litro na renovación dos contratos. Un baixada que chega nun momento de suba dos custos de produción. “É máis necesario que nunca estar organizadas e fortes arredor do Sindicato Labrego Galego para combater estas inxustizas”, aseverou o coordinador do Sector Lácteo do SLG-CCLL, Xulio Fernández Carnero.

    • No período 2021-2025 o número de granxas de leite que deixaron de ter actividade ronda as 1500, quedando a día de hoxe menos de 5000 granxas con entregas de leite activas. Perdemos case a cuarta parte das granxas de leite do país, con especial impacto nas máis pequenas.

    Galiza, 25 de marzo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) realizará este venres, 27 de marzo, o Congreso do Sector do Vacún de Leite en Guitiriz. O acto terá lugar dende a partir das 11h da mañá Casa Habanera (rúa Concello, 42, 27300, Guitiriz – Lugo). Nel farase unha diagnose da situación actual do sector e definiranse os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos, ademais de renovarse a dirección do sector, composta polas correspondentes comarcais, responsábel e vicerresponsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego. O Congreso enmárcase en plena renovación dos contratos do leite, un momento difícil para o sector no que as industrias, unha vez máis, están a xogar co futuro das nosas granxas. “Imos avaliar as necesidades e o estado actual do sector, de onde vimos e cal é a reformulación futura para o sector lácteo que defende o Sindicato Labrego Galego”, esclareceu Xulio Fernández Carnero, coordinador do Sector Lácteo no SLG.

    O sector lácteo, un sector clave en Galiza

    Historicamente, no Sindicato Labrego Galego falar de leite non era só falar dun produto das nosas granxas. Falar de leite é falar de territorio, de país, paisaxe, economía rural, alimentación saudábel, transformación e soberanía alimentaria. O sector lácteo segue a ser unha peza fundamental para manter o rural galego cheo de vida. Por iso, dende o SLG, afrontamos este Congreso con forza, para avaliar e combater as inxustizas do sector lácteo e no rural en xeral. En anteriores congresos era un tema habitual a consecución e garantía dun nivel de renda digno para as persoas que traballan nas granxas. Neste aspecto, xoga un papel fundamental o prezo. Pero tamén alertaba o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas do alarmante peche de granxas e a concentración da produción en cada vez menos granxas. No período 2021-2025 o número de granxas de leite que deixaron de ter actividade ronda as 1500, quedando a día de hoxe menos de 5000 granxas con entregas de leite. Unha baixada do 23%. Perdemos case a cuarta parte das granxas de leite do país, con especial impacto nas máis pequenas.

    Prezos e cadea de valor

    Se parecía que estabamos nunha situación máis ou menos estabilizada en canto ao tema de prezos -que non no resto de aspectos (perda de granxas, falta de relevo, incrementos de custos etc)-, agora volvemos vivir unha nova tiranía da industria, que volven a facer o que lles dá a gana sen importarlles as consecuencias que supoñen para o sector nun momento moi delicado, que é esa perda de granxas e esa falta de relevo que cun mercado inestábel non fai nada atractivas as novas incorporacións, e volve a haber abandono ao seguir con esas prácticas”, denunciou Fernández Carnero.

    Dende o SLG levamos anos defendendo que o prezo se debía configurar de abaixo cara a arriba, dende o sector produtor pagando os custes de produción e salarios dignos. Xusto neste mesmo momento podemos ver que o prezo segue sen crearse na orixe da produción, o sistema de imposición de prezos por parte da industria segue tan vivo como sempre. A industria, unhas veces presionada pola distribución e outras veces en complicidade, aplican unilateralmente as condicións contractuais que só obrigan ás labregas e aos labregos produtores de leite.

    Con todo, Galiza foi e segue a ser a comunidade peninsular do Estado español que menor prezo do leite obtivo. E agora, en plena renovación de contratos do leite, os prezos seguen á baixa. Actualmente, as produtoras e os produtores están a percibir un descenso de entre 4 a 10 céntimos por litro que as empresas están a impor nos contratos do leite, sen xustificación no mercado e incumprindo a lei da cadea alimentaria. “É máis necesario que nunca estar organizadas e fortes arredor do Sindicato Labrego Galego para combater estas inxustizas”, aseverou o coordinador do Sector Lácteo do SLG-CCLL.

    Custos de produción

    En pleno auxe dos custos de produción (gasóleo, fertilizantes, etc), dende a nosa organización defendemos que para poder acadar unha renda digna, tamén é necesario que os custos de produción sexan reducidos e inferiores ao prezo pagado, pero a dinámica inflacionista e de crecemento dos prezos así como a continua e crecente industrialización das granxas, ou as esixencias normativas, arrastran ao sector a fortísimos investimentos que sitúan a unha parte do sector en niveis de endebedamento preocupantes, onde unha recorrente crise de prezos ocasionaría feridas irreparábeis nun sector lácteo galego máis vulnerábel.

    Seguimos acreditando na necesidade de ferramentas públicas de control da produción e tamén de mecanismos que impidan a destrución da cadea de valor como pode ser vender por debaixo de custos ou mesmo destruír o valor da cadea. Unha ferramenta reclamada polo Sindicato Labrego Galego sempre foi e será unha mesa do Leite con presenza de tódolos axentes implicados na cadea.

    Relevo xeracional

    Galiza incrementou a produción de leite, dende o fin das cotas en 2015 até 2025, un 16,2%. Pola contra, perdeu un 45,7% das granxas no mesmo período de tempo. Podemos dicir que sen relevo non hai futuro e xa hai tempo que o vimos dicindo, pero as políticas que deberían implantarse para favorecer este relevo, pola vía que sexa, non funcionaron. Mostra diso é o ritmo de peches e abandono de granxas que ten o sector. E os poucos que se dan, teñen moi difícil liderar o camiño do sector cara á soberanía alimentaria e o cambio da sociedade rural. Aínda así, non estamos vencidas e mentres quede un mozo ou moza, dende o Sindicato Labrego Galego loitaremos xunto con elas para manter vivo o rural galego.