VIManifestaciónCidadesRuralContraOCapital_Ourense

21/11/2024

Este domingo 24N en Ourense: O pobo galego unido contra a depredación enerxética

O SLG é unha das máis de 120 entidades sociais que apoian a VI manifestación nacional contra a invasión de proxectos industriais. Animamos á cidadanía a visibilizar nas rúas a súa oposición á estratexia do PPdG de “legalizar” da destrución da nosa terra

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas é unha das máis de 120 organizacións, asociacións e entidades sociais que apoia a sexta manifestación nacional “O pobo galego unido contra a depredación enerxética”, convocada pola coordenadora local Afiando o Vento na cidade de Ourense para este vindeiro domingo 24 de novembro, con saída ás 12h. dende a Subdelegación do Goberno e finalización na Praza Maior.

O Sindicato Labrego vén apoiando esta sinerxía de traballo conxunto da poboación rural e urbana baixo a máxima “as cidades e o rural xuntas contra o capital” dende a convocatoria da primeira mobilización na Coruña en setembro do 2022; en Vigo, Lugo e Ferrol no 2023 e Pontevedra e Ourense no 2024, e confiamos en que esta forza conxunta nos permita seguir avanzando en distintos planos de loita para pór couto a un Goberno, o da Xunta de Galicia, que está a lexislar na contra da súa propia poboación.

Na Galiza levamos anos alertando do abominable estrago absoluto do medio rural que suporía o cumprimento dos polígonos industriais eólicos, fotovoltaicos, minas, fábricas de celulosa e ampliacións de balsas contaminantes que o Partido Popular de Galicia e empresas afíns pretenden impór no noso territorio.

A Xustiza danos a razón: as sentenzas xudiciais alertando da ilegalidade dos polígonos industriais eólicos cóntanse por ducias -a setembro de 2024 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tiña emitidos un total de 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 xa foron suspendidos-; e recentes fallos xudiciais en materia de minas apuntan xa concretamente á prevaricación de cargos políticos, cuestión que está a ser investigada pola Fiscalía a instancias do SLG e a fundación Montescola.

Lonxe de respectar a legalidade e pór fin á grave violencia estrutural materializada na ameaza de invasión do medio rural con estruturas industriais -contaminación de terras e augas, destrución de patrimonio natural e cultural, degradación medioambiental e da calidade de vida...-, adoptando un comportamento máis propio dun sicariato ao servizo de grandes empresas -vinculadas directamente as máis significativas con altos cargos do Partido Popular e o seu entorno, como Greenalia ou Inditex Renovables- non ten reparos en enviar á conselleira de medioambiente a Bruxelas a pedir que lle cambien as leis para que se antepoña o lucro e enriquecemento privado de determinadas empresas a cuestións esenciais para a supervivencia, non xa da sociedade galega, senón do propio planeta, como é a conservación e recuperación de espazos naturais que podan mitigar e reverter o quecemento global provocado pola industrialización exacerbada que acompaña ao capitalismo.

De feito, esta é a clave da estratexia do Partido Popular de Galicia: non procura que as empresas extractivas encadren as súas prácticas na legalidade e protección da saúde humana e medioambiental, se non manipular a lexislación para adaptala ao que lle piden certas empresas: a legalización da depredación. Os pasos máis significativos deste plan do Goberno Feijoo e do Goberno Rueda para pasar por riba dos dereitos sociais e medioambientais foron os seguintes:

2017: A Xunta aproba a Lei 5/2017 de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, alcumada socialmente como a primeira “Lei da depredación, co fin de acelerar os tempos de tramitación para a implantación de novos proxectos empresariais, recortando á metade os temos de información e participación pública.

2021: Lei 9/2021 de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica, que permite a proxección eólica incluso fóra das áreas de desenvolvemento programadas no Plan Sectorial Eólico, polo que practicamente calquera área do territorio é susceptíbel de acoller dita proxección no seu seo.

2024: Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia, publicada no DOG fai apenas uns días, afondando na desprotección da poboación rural posibilitando a fragmentación eólica e debilitando as declaracións de impacto.

Por suposto, podemos engadir a este corpus lexislativo a Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2025, que á luz deste itinerario legalizador do espolio semella ter o obxectivo de atallar en transversal “flecos pendentes” que molestan ás empresas, como a participación cidadá e de organizacións sociais en órganos consultivos do Goberno galego, entre outras.

No Sindicato Labrego temos claro que a veciñanza afectada, as organizacións sociais, a sociedade no seu conxunto, estamos facendo o xusto e responsábel defendendo a terra, auga e elementos naturais do nosos país fronte a un plan de negocio privado que o único que procura é encher os petos con beneficios inmediatos”, apunta Margarida Prieto. “Temos a razón nos nosos argumentos. E cada vez máis debemos denunciar que temos tamén a razón cando advertimos de que o Partido Popular e empresas están actuando como unha mafia. Que cargos políticos modifiquen leis ao servizo dos intereses de empresas privadas si que é algo que debería ser investigado por Bruxelas. E logo, non debemos esquecer a a propia patronal eólica sinalou publicamente a xuíces procurando presionar ao poder xudicial. Iso dá boa conta do poderosos que se senten con respecto ao respaldo das élites político-económicas galegas”.

Dende o Sindicato Labrego Galego convocamos á cidadanía a participar na manifestación nacional convocada para este domingo 24 en Ourense, para deixarmos ben claro que o pobo galego está ben esperto, e que por moitos impedimentos que nos poñan estamos e seguiremos en pé de loita, e que, ademais, son moitas as batallas na defensa da nosa terra que xa temos gañado.