O borrador do Plan Estratéxico do Sector Lácteo do Estado español, impulsado pola INLAC, non se adapta á realidade das granxas de Galiza, a principal produtora de leite do Estado. Solicitamos que se elabore unha análise individual e propia do caso galego.
Están a chegar as primeiras renovación de contratos para o próximo período. No SLG constatamos que se mantén o mesmo prezo que o período anterior (prezos á baixa) na maioría das industrias cunha duración de catro meses, nunha situación de incremento de custos e crise climática con pragas e perdas nas colleitas.
O peche de granxas galegas acelérase, cada vez fican menos persoas producindo no territorio. Volvemos a reclamar que se establezan as mesas de negociación e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria.
Galiza, 23 de xullo de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos que o Plan Estratéxico do Sector Lácteo do Estado español non se adapta á realidade das granxas existentes en Galiza, a principal produtora de leite do Estado, onde a maioría das granxas son de pequeno e mediano tamaño. “O camiño cara ao que se vai é o modelo de granxas cada vez máis grandes con menos persoas e máis produción”, sentencia o coordinador do Sector Lácteo do SLG, Xulio Fernández. Este Plan, impulsado pola Organización Interprofesional Láctea (INLAC), está en pleno desenvolvemento, cuxo borrador inicial foi elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela.
“O Plan avalía unha realidade estatal, pero que non se axusta á realidade galega”, indica a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira María Ferreiro, resaltando que nin as características das granxas, nin o tamaño das mesmas nin a superficie ocupada son comparábeis. Polo que, dende a nosa organización solicitamos que se elabore unha análise individual e propia do caso galego, tendo en conta, ademais, que Galiza é a principal produtora de leite do Estado. A realidade galega debe ser a que domine o plan estratéxico e non ao revés.
Ademais, facemos fincapé en que un plan estratéxico do sector lácteo debe incluír unha diagnose e propostas para todos os elos da cadea: produción, transformación e comercialización. Tendo en conta esta cuestión elemental, sería fundamental ter unha estratexia de cadea completa e medidas acordes ás necesidades das persoas produtoras.
A rendibilidade é o factor fundamental tanto para ter persoas producindo con perspectiva de futuro así como para o relevo xeracional. Non haberá continuidade en ningún sector condenado a vender a perdas ou sometido a condicións de volatilidade de xeito estrutural. A construción dos prezos en orixe non pode estar desvinculado da evolución dos custos de produción, para o que cómpre ter referencias medidas de xeito obxectivo a través de modelos matemáticos que demostren a súa representatividade, e que garantan prezos que cubran custos e un pagamento axeitado ás moitas horas dedicadas e ao capital investido. O sistema de configuración de prezos debe incluír ferramentas áxiles e eficaces para evitar prácticas abusivas, de aplicación inmediata, e que resarzan os danos producidos á parte produtora -por exemplo, para evitar un novo cartel.
Renovación dos contratos do leite: como veñen?
Na rolda de prensa que o Sindicato Labrego Galego organizou o 7 de xullo en Compostela, María Ferreiro lembrou que estabamos as portas da nova renovación dos contratos do leite é que a Consellería do Medio Rural non puxo a andar ningunha medida para que non pasara o da pasada renovación no mes de abril. “Vivimos unha situación moi preocupante e vemos que nada mudou. Recordemos que houbo granxas que quedaron sen que se lle recollera o leite por unha imposición unilateral das empresas”, sinalou a gandeira, subliñando que “as persoas que se dedican á produción de leite con este tipo de prácticas poidan deixar de producir”.
Agora que están a chegar as primeiras renovación de contratos para o próximo período, constatamos que as industrias lácteas manteñen o mesmo prezo do leite a pagarlle ás gandeiras e gandeiros que o período anterior (prezos á baixa), nunha situación de incremento de custos e crise climática con pragas e perdas nas colleitas, o que, en realidade, semella unha baixada polo aumento dos custos sen que vaia acompañado do correspondente ascenso do importe a percibir polo produto. A duración de ditos contratos é de catro meses, á excepción de Naturleite, que se desmarca apostando por unha leve suba en outubro con contratos máis duradeiros pero tamén inferiores a un ano.
Seguimos baixando a media do prezo mes tras mes, segundo os datos mensuais que vén de publicar o Ministerio de Agricultura, encabezando os prezos máis baixos xustamente Galiza.
Peche de granxas en aumento: quen ha de producir o noso leite?
Segundo o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), en maio de 2026 había 8.578 produtoras e produtores activos no Estado español, fronte aos 9.104 rexistrados o ano anterior: un 5,8% menos en tan só 12 meses. No caso de Galiza, a principal produtora do Estado, perdeu máis de 300 granxas nos últimos doce meses.
O peche de granxas galegas acelérase, cada vez fican menos persoas producindo no territorio. Como vimos denunciando desde a última renovación de contratos en marzo, os prezos baixan, os custos de produción soben. Moitas gandeiras e gandeiros vense na obriga de ter que pechar e nin a Consellería do Medio Rural nin o Ministerio de Agricultura reaccionan ante esta realidade, a realidade dun país, Galiza, que non coida das dúas produtoras de alimentos. Por iso, dende o SLG, volvemos a reclamar que se establezan as mesas de negociación e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria. Temos unha ferramenta e precisamos que funcione: a Lei da Cadea Alimentaria. Non ten lóxica poñerse a traballar noutras cuestións, como o Plan Estratéxico, senón facemos por cumprir as que xa temos activas.
Nun contexto de mudanzas no clima e seca –que levamos denunciando dende o inicio do verán, pedindo a convocatoria dunha Mesa polo Cambio Climático-, de aumentos dos custos de produción polas guerras, no SLG esiximos salvagardar ás gandeiras e aos gandeiros e que se lle pague un prezo digno polo seu produto. Cómpre reaccionar antes de que sexa demasiado tarde.
Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego solicitámoslle ao Ministerio de Agricultura e á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia un estudo e plan propio adaptado á realidade das granxas galegas; e pedímoslle ás industrias lácteas que deixan de castigar ás gandeiras e aos gandeiros cos seus prezos abusivos e que cumpran a Lei da Cadea Alimentaria.

