O Sindicato Labrego solicitoulle á Consellería do Medio Rural nun escrito o 21 de xullo a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego. Na reunión que estableceu a CMR co SLG e outras organizacións agrarias días despois, o 29 de xullo, comprometeuse -a petición do SLG- a convocar a Consello Agrario no mes de setembro. Aínda seguimos agardando.
Amosamos a nosa preocupación pola nova Política Agraria Común (PAC) e por doenzas que atentan contra as granxas das labregas da Galiza, como a Dermatose Nodular Contaxiosa ou a Lingua Azul, entre outras.
Galiza, 7 de outubro de 2025. “Estamos a día 7 de outubro e aínda non se convocou o Consello Agrario Galego”, reclama Brais Álvarez, apicultor, integrante da Executiva do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL), responsábel da Secretaría da Mocidade e coordinador do Sector da Carne. Álvarez e Xosé María García –integrante da Executiva do SLG e labrego-, reuníronse coa Consellería do Medio Rural (CMR) para abordar os Impactos da Futura PAC 2028-2034 o 29 de xullo en Santiago de Compostela.
Xuntanza á que nos convocaron dende a Consellería logo de que o SLG lle solicitara nun escrito -con datación do 21 de xullo-, a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego para tratar a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo para termos voz nas decisións que se tomen dende Europa. Esta petición tivo lugar logo de que a Xunta de Galicia anunciara -o pasado 18 de xullo- que ía convocar a todos os axentes do sector primario para facer fronte común diante das novas políticas europeas para o rural e o mar.
Pois ben, nesta reunión do 29 de xullo, a Consellería do Medio Rural anunciou que se comprometía a convocar en setembro, preferentemente despois de realizar a Comisión Sectorial, o Consello Agrario e crear unha comisión específica de traballo sobre temas da PAC. Iniciado o mes de outubro nada sabemos desta convocatoria.
“Pedimos que a Consellería cumpra coa convocatoria do Consello Agrario como lle corresponde por lei e que esta conselleira nunca convocou”, sinala Álvarez. “Unha das funcións que ten o Consello Agrario é establecer e crear grupos de traballo para afrontar diversas problemáticas que poida haber no agro, e agora mesmo non está funcionando con vontade integradora por culpa da Consellería”, denuncia.
Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas, esiximos con urxencia a convocatoria do Consello Agrario Galego para tratar, de forma inmediata, cuestións moi relevantes para o sector como é a Política Agraria Común (PAC), e vixencia de doenzas que atentan contra as granxas das labregas da Galiza, como a Dermatose Nodular Contaxiosa ou Lingua Azul, entre outras. “A situación é moi preocupante”, exclama Álvarez.
No centro, Brais Álvarez (29 de xullo de 2025)
