
31/10/2023
Esiximos retirar a proposta de Decreto da Xunta de Galicia que restaría gobernanza ás propietarias dos montes
Durante meses organizacións integrantes do Consello Forestal Galego consensuamos o texto que debería conformar o borrador. O texto a exposición non só non é o acordado, senón que vulnera a posición do mesmo, que vela pola propiedade social do monte
O desprezo da Xunta de Galicia polos órganos consultivos de carácter social é ben coñecido polas organizacións que formamos parte dos mesmos, véxase por exemplo o tratamento que fan do PLADIGA no Consello Forestal de Galicia, no que reiteradamente pedimos que haxa unha mesa de traballo sobre os incendios, pero a Xunta limítase a presentar un plan pechado ao que non se lle poden facer achegas.
Hoxe temos que denunciar un novo episodio de manipulación dos mesmos na contra do interese xeral no Consello Forestal de Galicia (CFG). Está nestes momentos a exposición pública o texto do Proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento polo que se rexerán os contratos temporais de xestión pública dos montes e o fondo de melloras, co que a Xunta de Galicia, no marco do agravamento da súa ofensiva contra a propiedade comunal dos montes galegos -que mesmo motivou a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular-, pretende activar figuras que que restan gobernanza ás propietarias sobre os seu montes.
Isto significa camiñar indiscutiblemente cara o afastamento da sociedade dos terreos agrarios, para facilitar posteriormente o acaparamento de terras por parte de intereses privados das industrias enerxéticas e mineiras e da agroindustria.
No ano 2020, a Xunta de Galicia, no marco do Consello Forestal de Galicia, trasladounos ás organizacións integrantes do mesmo un texto base para a realización de achegas co obxectivo de elaborar unha normativa ao respecto.
Estableceuse un grupo de traballo nas que estivemos debatendo e realizando modificacións, até presentar unha posición común consensuada, documento que foi trasladado, conforme as canles oficiais correspondentes, tanto ao Consello Forestal de Galicia como á Xunta de Galicia. A Administración galega en ningún momento respostou a esta proposta.
Cal é a nosa desgradábel sorpresa ao atopar que o texto que finalmente se presenta a exposición pública non só non é o consensuado polas organizacións que traballamos no seo do CFG, senón que vulnera por completo a posición de fondo do mesmo, contrario a que se facilite dende a administración figuras que desprotexan o noso territorio e que van en contra dun traballo conxunto entre administración e titulares cara unha xestión común e consensuada do monte.
Dende o Sindicato Labrego Galego, a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común e Amigas da Terra esiximos á Xunta de Galicia a inmediata retirada do texto a exposición pública e a súa substitución polo documento lexitimado polo traballo realizado polas organizacións sociais no marco do Consello Forestal Galego.
Asemade, aproveitamos tamén para trasladar a nosa crítica ante a posición de cómplice necesario na manobra de privatización dos montes veciñais a favor de industrias mineiras, madeireiras, agroindustrias e empresas enerxéticas que están a adoptar tanto o propio presidente da Xunta -por exemplo con esperpénticas declaracións como as fornecidas nos últimos meses, nos que pretendeu retratar ás empresas mineiras como inocentes vítimas de desafiuzamentos executados por Comunidades de Montes-, como a Xunta de Galicia de xeito sistemático ao entrar en pleitos xudiciais contra a poboación galega poñéndose do lado das corporacións enerxéticas, e inda por riba empregando cartos públicos para financiar estes procesos xudiciais contra a sociedade civil.
Os órganos de participación social non están aquí para facer bonita a democracia, senón para garantir a participación social na defensa dos intereses da poboación. E á vista de actuacións de equipos de Goberno como o da Xunta de Galicia, é imprescindíbel garantir o respecto da súa lexitimidade.