PropostasMinisterio280224-

04/03/2024

Esiximos concreción das propostas realizadas polo Ministerio para atender as demandas do sector primario

Mañá terá lugar unha segunda xuntanza co Ministro de Agricultura para xestionar as reivindicacións das organizacións agrarias. Saudamos a retirada da obriga do caderno dixital, pero advertimos inconcreción no cumprimento da Lei da Cadea

Logo das mobilizacións realizadas polas organizacións agrarias o martes 20 de febreiro na Galiza e o luns 26 de febreiro en Madrid, o pasado martes reunímonos co Ministro de Agricultura, Luis Planas, quen propuxo unha serie de modificacións a activar na aplicación na Política Agraria Común (PAC), ao tempo que recalcou que tamén hai cuestións moi significativas, como por exemplo a simplificación ou o relevo xeracional, nas que as administracións autonómicas, no noso caso a Consellaría do Medio Rural, poden establecer tamén actuacións que concreten as demandas realizadas polo sector produtor.

Mañá, martes 5 de marzo, terá lugar unha segunda xuntanza co Ministerio. Unha vez analizadas as propostas realizadas a semana pasada, dende o Sindicato Labego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) valoramos moi positivamente a existencia destes espazos de interlocución, que consideramos imprescindíbeis, e saudamos que accederan á demanda do SLG-CCLL de anular a obrigatoriedade do caderno dixital, unha esixencia de moi difícil cumprimento a tenor da idade media das persoas labregas e as limitacións da internet nas áreas rurais. Ademais, para a Galiza tamén é moi relevante que se poda manter un debate tanto sobre as distintas normas como sobre os ecorreximes, atendendo ás distintas características dos territorios.

Porén, advertimos, por unha banda, unha clara falta de concreción con respecto a de que xeito se van materializar na práctica cuestións determinantes para as persoas labregas como o cumprimento da Lei da Cadea.

Atendendo aos anuncios do Ministro neste sentido, de que xeito se vai reforzar o rango da AICA? Como se van axilizar os estudos da cadea de valor? De que maneira se vai potenciar o papel das OPAs respecto das denuncias? Que tipo de novas medidas sancionadoras de carácter disuasorio van ser introducidas? Por que o Ministerio non aborda de ningún xeito a cuestión dos prezos?

En segundo termo, parte das propostas ministeriais refírense ao aprazamento da obriga de medidas, non á súa exención para pequenas e medianas explotacións, como solicitamos dende o SLG-CCLL, co cal non se está a fornecer solución de fondo ningunha.

Este é o caso, por exemplo, da identificación electrónica de bovinos ou o Plan Sanitario Integral (PSI), que se demorarán un ano máis. No tocante á nutrición sostible de solos atrásase dous anos o plan de abonado -que implicaba a utilización de grandes máquinas- e flexibilízase a aplicación e almacenamento de estercos. A ordenación bovina e porcina no relativo ao benestar animal entraría en vigor en 2027.

En terceiro lugar, hai unha cuestión de especial relevancia que cómpre pór enriba da mensa. Na liña do anuncio realizado pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de retirar a proposta para reducir á metade o uso de pesticidas na Unión Europea (UE), dende o Sindicato Labrego Galego preocúpanos que as mobilizacións do sector primario sexan instrumentalizadas polos operadores agroindustriais para conseguir limitar medidas que velan pola saúde das persoas que consumen os alimentos, os territorios onde se producen e o benestar animal.

Dende o SLG-CCLL reiteramos que os estándares de control e esixencia a aplicar deben ser os máximos na produción industrial. Abondan os exemplos de problemas de saúde e medioambientais provocados por ese modelo.

O que non se pode é afogar ás pequenas e medianas granxas con medidas pensadas para as fábricas de alimentos. A industrialización alimentaria provoca uns problemas moi específicos, vinculados á produción intensiva; é inxusto e irresponsábel facer partícipes destes prexuízos sociais e medioambientais ás granxas das persoas labregas.

É mais, son estas producións as que deben ser coidadas polas administracións, potenciando un modelo de produción de alimentos que coida o entorno no que se desenvolve e proporciona alimentos sans e de calidade á cidadanía, mellorando a soberanía e a seguridade alimentarias. Máis persoas labregas significa ter mellores alimentos e un medio rural vivo.

Máis alá de normas que poñan límites e obstáculos, cómpre unha estratexia que reoriente o modelo agroalimentar. A administración pública debe pór en marcha os medios necesarios para unha transición das persoas labregas atrapadas no modelo intensivo industrial cara á agroecoloxía, garantindo a viabilidade das producións labregas, familiares, artesás...

Ademais, cada día é máis estratéxico que as políticas agrarias estean adaptadas á realidade específica de cada territorio. Non pode haber unha PAC igual para todo o Estado, precisamos unha adaptación á realidade galega, ou canto menos á realidade de Galiza e a cornixa.

Dende o SLG-CCLL seguiremos moi atentas á evolución deste proceso de negociación, e demandamos que na xuntanza de mañá o Ministerio concrete como se van a executar as propostas de solución que nos está a trasladar ás organizacións agrarias.

Compilamos a continuación as PRINCIPAIS MEDIDAS ANUNCIADAS O PASADO MARTES 27 DE FEBREIRO POLO MINISTERIO DE AGRICULTURA, adxuntas tamén a esta nota de prensa nun gráfico elaborado polo SLG-CCLL:

-Simplificación das seguintes normas de boas prácticas (BCAM): 4 (franxas protección augas), 5 (xestión para evitar a erosión), 6 (cobertura mínima do solo), 7 (rotación de cultivos), 8 (superficies non-produtivas) e 10 (fertilización...).

- As granxas de menos de 10ha quedan exentas dos controis de condicionalidade.

- Adaptar ecorreximes a zonas áridas, eliminar fotos xeorreferenciadas agás en casos imprescindibles, adaptar ecorreximes para facilitar a sua aplicación: rotacion de cultivos, barbeitos, leguminosas, cubertas baixo leñosas e biodiversidade.

- Búscase seguridade xurídica na PAC.

- O caderno dixital pasa a ser voluntario polo que tamén inflúe en moitas das obrigas vencelladas a este.

- A identificación electrónica de bovinos atrásase un ano. O Plan Sanitario Integral (PSI) atrásase un ano. A ordenación bovina e porcina no relativo ao benestar animal entrará en vigor en 2027. Flexibilizase a densidade gandeira en porcino.

- Nutrición sostible de solos: atrásase dous anos o plan de abonado e flexibilizase a aplicación e almacenamento de estercos.

- Comercio internacional: estase traballando coas cláusulas espello e vaise esixir o 0 técnico en produtos prohibidos no control de fronteira. O problema do etiquetado dáse pola reetiquetaxe de producións que entran. Estableceranse plans específicos de inspeccións.

- Lei da Cadea: reforzamento do rango da AICA. Axilizar estudos da cadea de valor. Potenciar o papel das OPAs respecto das denuncias. Introducir novas medidas sancionadoras de carácter disuasorio.

- Sanidade animal: aumentan as partidas para afrontar a EHE.

- Celebrar un foro de gandaría extensiva de 2 días de duración, en abril.

- Relevo xeracional: a competencia é das CCAA. Tentarán coordinar as convocatorias de incorporación.

- Seguros agrarios: tentar subir ao 75% (máximo) para profesionais, mozas e mozos e explotacións prioritarias. Fondos complementarios para cubrir a siniestralidade polo cambio climático.

- Fiscalidade:

  • Manter gasóleo agrícola até 2030.

  • Redución fiscal por adquisición de carburantes e fertilizantes.

  • Excluirase o IVE do cálculo de 250.000€ para poder pasar a módulos.

  • Exención fiscal dos ecorreximes.

  • Redución do rendemento neto un 10%.