LEITE_lUGO2

27/11/2021

Esiximos ao Ministerio mecanismos oficiais para establecemento de custos e obrigatoriedade de prezos xustos

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, participou onte en Madrid nunha xuntanza co Secretario Xeral de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda Sotillos, na que esixiu canda representantes doutras organizacións agrarias do Estado medidas inmediatas de apoio ao sector leiteiro.

Insistimos ao Ministerio na necesidade de que sexan establecidos por lei mecanismos para contar con índices oficiais de custos de produción e a súa evolución, así como un sistema de mediación de contratos agrarios e gandeiros, ámbalas medidas aplicadas a nivel de cada comunidade autónoma; así como actuacións inmediatas diante de calquera vulneración da Lei da Cadea Alimentaria, nomeadamente os pago do leite a prezos por embaixo de custos de produción.

Actualmente a industria láctea paga ás gandeiras e gandeiros un prezo medio de 35,3 céntimos/litro. Producilo custa máis de 40. Existe un claro incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria que precisa ser abordado con contundencia. Demandamos ao Ministerio unha resposta firme fronte aos abusos de empresas como Lactalis, confirmando que seguiremos co chamamento ao boicot dos produtos das empresas que pagan o leite por embaixo de custos.

Así mesmo, pedimos tamén que se esixa o cumprimento da Lei por parte da grande distribución, vixiando que os prezos de venda ao público non desequilibren a cadea e permitan cubrir custos de produción e remunerar o traballo.

En cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, os Gobernos estatal e galego teñen a obrigatoriedade de facer garantir a inclusión das subas de custos de produción e a prohibición de prezos que supoñan para o sector produtor a venda a perdas. A súa inoperancia e falta de vontade de apoiar ao sector lácteo está empuxando ao peche a milleiros de explotacións, dificultando o acceso a alimentos de proximidade, empobrecendo os territorios e acelerando o despoboamento rural.