Saneamento

08/03/2023

Esiximos ao Director Xeral de Gandaría solucións inmediatas para as eivas da campaña de sanemento animal

O SLG acompañou a gandarías afectadas na Terra Chá a unha xuntanza co Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias. Dende outubro granxas afectadas veén denunciando numerosas problemáticas vinculadas ás deficiencias do saneamento animal

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acompañou onte a través da coordenadora comarcal da Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, ás gandeiras Josefina Cillero Chao da Balsa (Muras), Henar Román Fernandez Labrada (Abadín) e Senén Lamelas (Fanoi) á entrevista concedida a solicitude do SLG-CCL para trasladar ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias, Silvestre José Balseiros Guinarte, os problemas que están a sufrir as explotacións por mor do prolongado mal funcionamento do servizo de saneamento animal.

As granxas da comarca levan organizándose e denunciando dende outubro do ano pasado unha situación que non só está a incrementar a súa carga de traballo e provocando un considerable aumento de custos e perdas, senón tamén infrinxindo un deterioro importante do medio debido á reducción da carga gandeira e ao cambio e manexo dos animais, conlevando o desprestixio das explotacións afectadas e incrementando as dificultades que impiden que a xente moza fique ou se incorpore á actividade agraria, acentuando o despoboamento das áreas rurais. Aliás, todo isto repercute tamén no estado de ánimo dos gandeiros e gandeiras, implicando nalgúns casos trastornos emocionais porque o sustento de moitas familias está en grave risco.

Nesta xuntanza, a Consellaría do Medio Rural admitíu que efectivamente está a haber un mal funcionamento da campaña de saneamento, e que así fora trasladado xa á empresa. As representantes das granxas afectadas presentaron unha batería de medidas concretas para subsanar a actual situación.

Solicitouse que a campaña de saneamento teña lugar entre abril e maio nas zonas de explotacións en extensivo; que se realice a proba comparada cando se faga a campaña; axilidade e rigor nos diagnósticos; o establecemento de vinculacións atendéndose á realidade do manexo das explotacións; informes detallados dos resultados das probas de todos os animais de cada explotación; unha axuda económica ás explotacións afectadas pola perda de rendibilidade e de ingresos; o establecemento de indemnizacións proporcionais ao valor de mercado dos animais sacrificados; a posibilidade de ter dúas ou máis barras no mesmo CEA cando os animais non se vinculen; que os animais en seguimento deixen de ter esta condición unha vez que pasen unha nova campaña e non sexan reaccionantes; que para considerar unha zona ou explotación de risco os antecedentes que se teñan en conta se baseen na positividade real dos animais, non en reaccionantes, e nun espazo de tempo non superior a dúas campañas; que en igualdade de condicións sanitarias se teñan as mesmas normas para as explotacións afectadas e que as granxas inmobilizadas podan mandar os xatos para calquera cebadeiro.

Das propostas realizadas polas gandeiras e gandeiros asisitentes á xuntanza, Balseiros comprometeuse a que a partires dagora as campañas se fagan na primavera, que é a época máis idonea, e quedou en estudar a posibilidade de que as/os gandeiras/os teñan acceso a todos os resultados das probas online na oficina virtual, en lugar de ter que pedilo cada gandeiro como está a acontecer na actualidade.

A Consellaría tamén se comprometeu a valorar poder facilitar ás gandeirías información do historial sanitario dun animal, antes de mercalo e incorporalo, así como a actualizar as vinculacións entre as propias gandeirías, dado que as actuais non se corresponden coa realidade.

Non resultou sen embargo receptivo o Director Xeral de Gandaría ante a proposta de que se active unha solicitude de axudas para compensar a estas explotacións, inda que dixo que se comprometía a valoralo, ao tempo que informou de que por parte do Ministerio estanse a revisar os varemos de indemnización.

Dende o Sindicato Labrego Galego seguiremos acompañando ás gandeiras e gandeiros afectados e dirixíndonos a tódalas instancias administrativas pertinentes até que sexan solventadas as numerosas deficiencias do servizo de saneamento animal.