Novas

  • Esiximos a restitución dos dereitos do xuíz Villares e do resto de maxistradas apartadas das súas funcións

    Esiximos a restitución dos dereitos do xuíz Villares e do resto de maxistradas apartadas das súas funcións

    • 24,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • defensa da terra
    • villares
    • Levamos anos asistindo a cambios normativos na lexislación a prol dos proxectos industriais. O resultado é unha fonda desprotección da poboación rural, que posibilita a fragmentación de proxectos, debilita as declaracións de impacto ambiental e outorga prioridade aos grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga.

    • Tamén se reduciron os requisitos para que un proxecto industrial poida ser considerado estratéxico, axilizouse a expropiación e outorgouse á Consellería de Industria a potestade de decidir acerca da utilidade pública dos proxectos e da súa prevalencia sobre a actividade agraria.

    • Co traslado forzoso de Luis Villares e doutras xuízas, como María Dolores López, dáse un ataque á independencia xudicial sen precedentes que, de ser levar a cabo con carácter definitivo, atinxe a todo o sistema de garantías xudiciais.

    Compostela, 24 de abril de 2026. As manobras da Xunta de Galicia para facilitarlle o camiño ás grandes empresas que pretenden arrasar co noso país, non teñen límite. A finais de marzo soubemos da decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo de trasladar a varias xuízas e xuíces da Sección encargada dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción e cuestións de contratación administrativa. Entre eles encóntrase Luis Villares, que vén de presentar recurso ante o Consello Xeral do Poder Xudicial por dito afastamento do Tribunal Superior de Xustiza da Galicia. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCL)) queremos amosar a nosa solidariedade con Luis Villares e demais maxistradas apartadas, e esiximos a restitución dos seus dereitos.

    Cambios normativos a prol dos proxectos industriais

    Levamos anos asistindo a cambios normativos nas lexislacións cuxo obxectivo é eliminar as garantías que podían valorar os grandes impactos que os proxectos industriais (mineiros, eólicos, etc.) teñen sobre a nosa terra, a nosa auga e o noso patrimonio natural. Algúns exemplos deses cambios normativos son: un fracasado Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, a Lei 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e a Lei 2/2024 de promoción dos beneficios sociais e económicos -que, baixo o pretexto da simplificación e axilización, eliminaron controis fundamentais a nivel ambiental e reduciron os prazos de exposición pública-. Nos últimos anos tamén se reduciron os requisitos para que un proxecto industrial poida ser considerado estratéxico, axilizouse a expropiación e outorgouse á Consellería de Industria a potestade de decidir acerca da utilidade pública dos proxectos e da súa prevalencia sobre a actividade agraria.

    O resultado é unha fonda desprotección da poboación rural, que posibilita a fragmentación de proxectos, debilita as declaracións de impacto ambiental e outorga prioridade aos grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga. Grandes campañas publicitarias, da man destas empresas, branqueando os seus plans -campañas nas escolas, publicidade nos medios de comunicación-.

    Cómpre citar a creación da sociedade público-privada para impulsar proxectos industriais, a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia S.L., disolta en catro anos, pasando algúns dos seus cargos públicos a formar parte dos consellos de administración de grandes empresas. Ademais, todas e todos coñecemos como varios exconselleiros da Xunta de Industria e Medio Ambiente pasaron a formar parte das direccións desas mesmas empresas.

    O caso de Villares

    Pero ás empresas que queren depredar o noso país non lles pareceu dabondo, e tiñan que, ademais, dar un escarmento a quen ousa opoñerse a elas, facendo o seu traballo e aplicando a lei. Temos visto moitas veces denuncias a activistas e organizacións para amedrentarnos, pedíronnos sancións millonarias por dano á imaxe empresarial destas empresas, pero o acontecido nas últimas datas a Xunta superouse a si mesma.

    Luis Villares leva anos sendo acosado e intentando ser desprestixiado no seu labor profesional, en varias ocasións. Na tramitación do PE Campelo de Greenalia, pediuse a recusación de Villares por suposto “interese persoal e directo”. A Sala rexeitou de plano a recusación. En varias ocasións o presidente do TSXG saíu na defensa de Villares e dos compañeiros da Sala que estaban sendo acosados e desprestixiados a nivel mediático.

    Co traslado forzoso de Luis Villares e doutras xuízas, como María Dolores López, dáse un ataque á independencia xudicial sen precedentes que, de ser levar a cabo con carácter definitivo, atinxe a todo o sistema de garantías xudiciais.Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos todo o noso apoio a Villares e esiximos a restitución dos seus dereitos e do resto de maxistradas apartadas das súas funcións.