30/11/2022
Esiximos á CMR que corrixa a súa neglixencia e garanta apoios para todas as solicitantes da agroambiental de ecolóxico inscritas no CRAEGA
É intolerábel que a Administración galega non levase un control do número de solicitudes en relación aos apoios dispoñíbeis. A PAC procura fomentar a agricultura ecolóxica pero a CMR ningunea o sector mentras desvía fondos cara a agroindustria
Nun momento no que a Política Agraria Común (PAC) aposta por chegar a ter un 25% das terras agrícolas na UE en agricultura ecolóxica daquí a oito anos, a neglixencia da Consellaría do Medio Rural (CMR) ameaza con deixar sen apoios económicos para esta conversión a prácticamente a metade das terras que solicitaron a súa inscrición este ano no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
A gandeira e economista especializada na PAC, Ana Rodríguez, Vicerresponsábel do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), alerta da preocupante deixadez da CMR, que tiña a responsabilidade de pedir estes datos ao CRAEGA para saber cantas granxas estaban solicitando a inscrición no Consello Regulador, información que xa estaba dispoñíbel desde principio deste ano 2022, antes de solicitar a axuda. “Con estes datos, a Consellería podería ter informado previamente ás persoas de que os fondos non van chegar e se van empregar criterios de priorización, non esperar a que pase todo ano e dicir a final de ano que non hai fondos para tantas solicitudes”, explica.
A situación de incertidume económica na que se atopan agora estas labregas e labregos é a consecuecia dunha preocupante irresponsabilidade da Consellería, que debería ter botado contas fai seis meses coas solicitudes xa enriba da mesa e actuar: ou denega axudas (pero fai seis meses, non agora) para que a xente tome decisións con respecto a súa vida ou, se quere aprobalas, buscar orzamento para poder pagalas. “A gandería e a agricultura galega serían distintas se tiveramos administracións que botaran contas e planificasen algo, aínda que só sexa saber facer divisións: cartos dispoñibles para unha axuda entre o número de has. en ecolóxico e conversión presentadas a esa axuda”, apostilla Rodríguez.
A Xunta de Galicia e, nomeadamente a CMR, saben perfectamente que o aumento da produción certificada como ecolóxica é unha cuestión secundada polo meirande das administracións, o aumento de solicitudes en ningún caso pode ser considerado unha sorpresa. Este avance cara a produción dunha alimentación máis san e saudábel para as persoas e o medioambiente está a ser incentivada pola Unión Europea, que a través do “Pacto Verde Euroepo” publicado en decembro de 2019, no que presenou toda unha batería de medidas a activar polas administracións. Asemade, en maio de 2021 publicáronse dous documentos que influíron moito no Plan Estratéxico da PAC presentado por todos os Estados da Unión Europea, tamén polo Español: a Estratexia da granxa á mesa e a Estratexia Biodiversidade Horizonte 2030.
Neste sentido, parece que todas as administracións están dacordo en apoiar a gandería e agricultura ecolóxica para poder chegar a acadar o obxectivo do 25% das terras agrícolas na UE en agricultura ecolóxica para o ano 2030. O problema aparece cando a xente responde pero administracións como a galega, non.
Na súa estratexia de apoiar o modelo agroindustrial de macrogranxas e expulsar poboación no rural facilitando o acaparamento de terras para uso industrial -eólicos, minas, bonos de carbono...-, o desprezo do Partido Popular de Galicia cara o modelo de pequenas e medianas explotacións ou a produción en ecolóxico provocou que a ano 2020 tiveramos inda tan pouca superficie ecolóxica inscrita que Galiza nin aparecía nos cadros do Ministerio. Segundo datos do CRAEGA no 2020 estaban inscritas 32.000 has, un 5,15% da Superficie Agraria Útil (SAU) galega (moi lonxe do 25%). De feito, se conseguiran inscribirse as 12.000 has. que a mala praxe da CMR pode deixar fóra, apenas estariamos nalgo máis dun 7%.
Darse de alta no CRAEGA implica un gasto por parte das granxas de 450 euros de inscrición e uns 500 euros adicados a cuestións como corrixir pequenas incidencias detectadas na inspección de inscrición, así como unha baixada de produción no primeiro ano e a perda da axuda da agroambiental de pastoreo que viña cobrando ate ese momento, e que é incompatible coa axuda de ecolóxico. Inda por riba, debido á intencionada ausencia de promoción desta alimentación por parte da Xunta de Galicia, arestora esta certificación non está a achegar un maior recoñecemento económico polo produto. De feito, no caso dos e das produtoras de carne, a Administración nunca activou medidas para promocionar o consumo dun alimento de calidade nutricional excepcional como é a carne certificada en ecolóxico, polo tanto, as produtoras/es acostuman vender a prezos de carne convencional.
Canda este premeditado desleixo, a Xunta tamén discrimina ás gandeiras en ecolóxico -que afrontan dificultades a maiores, como un maior gasto en pensos, que ao ser ecolóxicos custan 0,15ct./l. máis que os convencionais-, complicando o seu acceso a orzamentos públicos. Por exemplo, na futura PAC, no deseño das agroambientais feito pola Consellería do Medio rural hai unha axuda complementaria da de extensificación de granxas gandeiras, que consiste en complementar con 75 euros/ha no caso de que se realice o pastoreo en zonas con presenza de grandes carnívoros. O problema é que as ganderías de ecolóxico que soliciten a agroambiental de ecolóxico non teñen acceso a este complemento, algo ilóxico porque fan pastoreo e están, como as outras ganderías, en concellos con presenza de lobo. Para unhas 20 has. esta axuda ronda os 2.400 euros.
Para acceder a esta agroambiental, a Consellería pon como requisito dispor de sistemas de vixilancia e coidado do gando, que poden ser GPS ou cans mastíns. Neste caso, resulta obvio que tamén deberían servir as demais medidas de prevención que establece unha gandería e que serven para acceder ás axudas de prevención de ataques do lobo, como pastores eléctricos e/ou cercas de malla electrificada e valados fixos.
Dende o Sindicato Labrego Galego instamos á Consellaría do Medio Rural a subsanar as consecuencias da súa neglixencia, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica garantindo que todas as persoas solicitantes poidan acceder ás contías inicialmente establecidas, ao tempo que condenamos a súa intención de destruír a través do abandono económico e institucional modelos de produción de alimentos sans para as persoas e o medioambiente, como o labrego e o ecolóxico, e esiximos que deixe de derivar fondos públicos cara o modelo agroindustrial, incompatíbel cun medio rural vivo.