29/09/2024
Escola Feminista da Coordenadora Europea Vía Campesina e da rexión árabe e norteafricana
O SLG é organización anfitrioa na Galiza dun encontro global de mulleres labregas da Vía Campesina Internacional. Abordarán a historia deste movemento campesino, os retos para o futuro e estratexias para avanzar nos dereitos das mulleres
Dende o pasado venres até o vindeiro martes 2 de outubro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas está a ser a organización anfitrioa da Escola Feminista de Mulleres Labregas da Rexión árabe e norteafricana de #LaVíaCampesina (#ArNa) e da #CoordenadoraEuroepaVíaCampesina (ECVC), que se celebra en Vilarmaior (A Coruña).
Un total de 23 labregas representantes de 15 organizacións, acompañadas dunha equipa técnica internacional tamén integramente composta por mulleres, abordan ao longo destes cinco días cuestións como a historia das articulacións das mulleres nas rexións ARNA e ECVC; os retos e puntos fortes das nosas organizacións fronte á realidade actual, o reforzo das prioridades rexionais e interrexionais e os vindeiros pasos de cara ao futuro.
A través da posta en común das labregas norteafricanas e europeas, participantes chegadas de Palestina, Marrocos, Túnez, Bélxica, Gran Bretaña, Países Baixos, Austria, Francia, Georgia, Alemania, Irlanda, Euskal Herria, Galiza e distintos puntos do Estado español afondan na identificación de problemáticas comúns das mulleres, transversais a tódalas culturas, e deseñan estratexias para afrontalas adaptables aos diversos contextos.
A lóxica patriarcal do sistema capitalista provoca a discriminación nas políticas agrarias e dificultades para acceder á terra, agravando as súas violencias a través do racismo e o clasismo. Facer fronte a estas barreiras, así como desenvolver estratexias que permitan a xestión cotiá da triple xornada de traballo -produción, crianza e militancia política-, son algúns dos retos comúns das mulleres produtoras de alimentos a nivel global identificados neste encontro.