faixa eólicos non

05/11/2021

Endesa encarga investigacións para identificar e neutralizar colectivos sociais que dinamizan a resistencia contra a invasión eólica

Importando as mesmas estratexias de identificación de resistencias locais empregadas dende fai décadas para a explotación de recursos naturais nos países en vías de desenvolvemento, están a ser varias as multinacionais enerxéticas que, a través de consultoras medioambientais ao seu servizo, están a contactar aos colectivos que informamos, denunciamos e nos opoñemos á invasión eólica do medio rural galego.

Un dos últimos episodios tivo lugar esta semana. A multinacional enerxética Grupo Enel, unha das principais monopolizadoras dos mercados mundiais de electricidade e gas enfocado en Europa e Latinoamérica, quere poñer da man de Endesa corenta aeroxeradores tripala de 170 m de diámetro e 115 m de altura -máis as correspondentes liñas de alta tensión e subestacións-. É o parque eólico Santuario, que afectaría á poboación de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), Guitiriz, Vilalba e Xermade (Lugo), formando parte dunha xigantesca macroestrutura integrada por seis parques eólicos actualmente en desenvolvemento por parte de Enel Green Power España S.L.

Baixo as ordes do Grupo Enel (Endesa), a empresa consultora “Ideas Medioambientales” contactou dende Madrid co Sindicato Labrego Galego, explicando que no marco da realización dun “estudio detallado de la coyuntura social, económica y ambiental del área de influencia del proyecto, que incluye también el análisis de los grupos de interés locales”, din ter “identificado” o noso sindicato. Entre a clientela de “Ideas Medioambientales” podemos atopar, ademais do Grupo Enel, outras empresas involucradas na implantación masiva de eólicos no noso país, como Greenalia ou Naturgy; ou da explotación de recursos en xeral, como Gas Natural Fenosa ou Iberdrola. Multinacionais adicadas á explotación de acuíferos e fábricas de enerxía fotovoltaica a nivel internacional, tamén forman parte da súa carteira de clientes.

A estratexia deste tándem entre estas empresas e as consultoras medioambientais, ademais da realización dun mapeo de resistencias aos macroproxectos enerxéticos, é tamén limpar a imaxe das primeiras, ao poderen argumentar ter tido contacto ou feito consultas ca cidadanía.

Pero cada vez son máis as persoas, tanto no rural como nas nosas vilas e cidades, que son conscientes da estratexia de espolio de recursos naturais que estas multinacionais enerxéticas, da man da lexislación ad hoc aprobada pola Xunta de Galicia, están a tentar impoñer no territorio galego, co obxectivo de converter o noso medio rural nunha fábrica de enerxía.

Dende o Sindicato Labrego Galego, ao igual que outras organizacións que están a recibir este tipo de contactos, como recentemente o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ou Petón do Lobo -que forman coma o SLG parte da Rede Galega Stop Eólicos-, rexeitamos rotundamente participar na farsa e manipulación que constitúe esta nova ofensiva das multinacionais da enerxía.

As persoas que vivimos no medio rural non queremos grotescas macroestruturas enerxéticas ao noso redor. Non imos ser cómplices da perversión do verdadeiro significado da enerxía renovable. Rexeitamos este modelo que primeiro destrúe a calidade de vida das persoas que habitan na contorna e logo contribúe ao seu empobrecemento, e ao de toda a poboación no seu conxunto, facendo parte dun mercado enerxético abusivo e inxusto co que unhas decenas de persoas se están a facer obscenamente ricas a costa da intensificación do empobrecemento social.