ElecciónsPE

24/05/2024

Eleccións ao PE 2024: Regular os mercados para pór a soberanía alimentaria no centro da PAC

Presentación ás candidatas/os da análise e propostas elaboradas polas organizacións da Coordenadora Europea Vía Campesina. A actual PAC destrúe o campesiñado: 6 millóns de granxas desapareceron dende o ano 2009 e a media de idade é 57 anos

No Parlamento Europeo decídese o futuro do noso medio rural, tanto a nivel de produción de alimentos como de modelo de desenvolvemento. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) somos conscientes de que é moi necesario trasladar ás nosas futuras parlamentarias/os medidas concretas dende Galiza, polo que hoxe presentamos ante persoas candidatas e os medios de comunicación a guía política “Recomendacións de políticas da ECVC para as eleccións ao Parlamento Europeu de Xuño de 2024 e a lexislatura a seguir”, canda análise executiva “Levar a regulación dos mercados ao centro da PAC”.

Elaborado polas organizacións que integramos a Coordenadora Europea do movemento labrego mundial La Vía Campesina, estes dous documentos teñen como obxectivo de trasladar ás persoas candidatas aos próximos comicios comunitarios instrucións que permiten avanzar na soberanía alimentaria dos pobos europeos.

A economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL, Ana Rodríguez e o fruticultor, gandeiro en ecolóxico e integrante da Executiva Nacional Xosé María Villaverde foron os responsables de presentar publicamente na Galiza este documento, que en cada país da UE será trasladado, dende a adecuación á diversidade de realidades produtivas, ás formacións políticas que por cada territorio concorren aos vindeiros comicios europeos.

Dende a Coordenadora Europea Vía Campesina consideramos que no actual contexto de levantamento labrego en toda Europa, no que as demandas de prezos e mercados agrícolas máis xustos e mellores condicións laborais se impoñen claramente, as vindeiras eleccións europeas deben permitir ás nosas e aos nosos responsables políticos organizar unha transición dos sistemas agrícolas e alimentarios baseada no dereito á soberanía alimentar.

As Política Agraria Común (PAC) actual non teñen como eixo central as necesidades da cidadanía, senón os intereses das empresas. Os datos falan por sí mesmos: en Europa hai hoxe ao redor de 9 millóns de explotacións agrícolas, mentres que no 2003 había 15 millóns; a actual idade media das persoas agricultoras é de 57 anos.

“Os nosos problemas como persoas produtoras de alimentos están principalmente relacionados co modelo agroindustrial, orientado á exportación, que promove a concentración das unidades produtivas e a substitución das persoas labregas por operarias industriais, moitas veces en réxime de semiescravitude, e con abundante man de obra migrante precarizada”, plantexou Xosé María García. “Por iso o que queremos é unha transformación radical do modelo, e para acadar ese obxectivo dende o Sindicato Labrego Galego, ao igual que as demais organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina, facemos propostas de políticas que permitirían realmente facer unha transición agroecolóxica no camiño da soberanía alimentaria para os pobos europeos e, ao mesmo tempo, facer posible o relevo xeracional, non só das granxas que inda sobreviven, senón tamén que sexa posíbel recuperar poboación labrega, pór en marcha granxas dende cero, cousa que a día de hoxe é unha heroicidade, cando non unha milagre”.

Así, articulamos en sete bloques 21 medidas precisas para operar esta transformación no modelo:

1) Garantir prezos viables e máis persoas agricultoras na UE. Precisamos máis labregas para posibilitar a transición cara á agroecoloxía; a adopción de políticas públicas que regulen os mercados agrícolas e o control da produción, redistribuír a produción a máis labregas e zonas en Europa e garantir o dereito a unha alimentación saudable para toda a poboación.

2) Priorizar os alimentos locais e as necesidades das poboacións en troques das exportacións. Isto implica parar os tratados de libre comercio.

3) Manter unha regulación estrita de todos os Organismos Modificados Xenéticamente (OXM), incluídas as novas técnicas xenómicas, e facer cumprir os dereitos labregos sobre as sementes.

4) Facer do acceso á terra un tema prioritario das políticas públicas para garantir a integración de máis persoas agricultoras novas e a saúde do solo. A metade da superficie agrícola europea está en mans de só o 3% das granxas.

5) Mudar o paradigma das políticas climáticas cara a reducións directas de emisións e transición agrícola e evitar calquera mecanismo de crédito de carbono vinculado á terra.

6) Reequilibrar a presenza de explotacións gandeiras en todos os territorios europeos daquí a 2035.

7) Incluír a implementación da Declaración das Nacións Unidas sobre os Direitos Labregos e Doutras Persoas que Traballan en Zonas Rurais (UNDROP) en todas as políticas públicas da UE en materia de alimentación e agricultura.

Para levar adiante esta viraxe das políticas agrarias é imprescindíbel un cambio de paradigma en todo o tocante á regulación dos mercados.

“O Parlamento Europeo codecidirá a nova PAC, e parece que se vai centrar nos bonos de carbono, é dicir, en converter a contaminación nun negocio no que uns podan mercar e outros vender. Nós pedimos que a vindeira política agraria común se centre na regulación dos mercados. As subvencións poden ter a súa función, pero para conseguir prezos que cubran custos de produción e remuneren o noso traballo o que precisamos é regulación do mercado, onde habería que incluír sacar a alimentación fóra da Organización Mundial do Comercio (OMC)”, expuxo Ana Rodríguez.

A través do estudo “Levar a regulación dos mercados ao centro da PAC”, dende a CEVC explicamos por que a regulación dos mercados agrícolas é a peza necesaria que lles falta ao Pacto Verde Europeo e á Autonomía Estratéxica Aberta Europea para obter bos resultados, e establecemos a seguinte folla de ruta:

Regular a produción e distribución dos volumes agrícolas mediante unha reterritorialización da agricultura.

Garantir prezos xustos mediante mecanismos de estabilización dos prezos agrícolas e dos insumos.

Incrementar o poder de negociación dos produtores e das produtoras e regular as marxes de beneficio do sector agroalimentario e da gran distribución.

Obter, sobre todo por parte da UE, a derrogación do acordo sobre a agricultura da OMC e a adopción dun novo marco para o comercio agrícola internacional que se basee na soberanía alimentaria.

Xestionar dunha forma máis xusta as importacións e as exportacións.

Un dos obxectivos da Política Agrícola Común Europea é garantir unha agricultura sostible no territorio europeo. Non obstante, apenas observamos melloras nos últimos 30 anos. É máis, vimos un empeoramento do estado do medio ambiente, da sociedade e da saúde pública.

Nós propoñemos un cambio de rumbo. Hai que saír do paradigma actual para que a regulación dos mercados e dos prezos dos produtos alimentarios e agrícolas xustos e estables permitan que se poña en marcha unha transición planificada dos sistemas alimentarios europeos hacia unha reterritorialización e a creación de 10 millóns de granxas novas en Europa, condición sine qua non da soberanía alimentaria.

Esta soberanía alimentaria inclúe a realización do dereito fundamental á alimentación, a democratización dos sistemas alimentarios, así como un cambio de rumbo a favor da solidariedade internacional. Esta debe ser a nova brúxula da Unión Europea do século XXI.

DESCARGA AQUÍ OS DOCUMENTOS